15 ene 2012

PERLÍO 1960: AS PIAS

PUBLICADO EL   8/08/2011 ,EN: Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario




Somos xa poucos os nativos de Perlío que podemos reconstruír desde os recordos da mocidade, como era a realidade orixinaria da nosa fisonomía territorial polo bordo litoral do noroeste da parroquia; a verdade, que se sobrepomos o cliché retentivo da temperá adolescencia coa realidade presente, a notoriedade do cambio resulta tan oposto, que facilmente, a confusión levaríanos a pensar que estamos a nos referir a ámbitos xeográficos distintos.

Esta fronte litoral á ría, tiña o encanto que achega esa veciñanza permanente do mar coa terra, a frescura do seu predominante verde boscosos, asucado de senllas sinuosas sobre unha pronunciada orografía onde se localizaban as ”pías megalíticas” determinantes do seu topónimo, que ademais, achegaban un fulgor de maxia pola súa connotación coa espiritualidade castrexa. Sen paixón narrativa, hei de dicir que era unha contorna suxestiva un lugar que pola súa beleza, até resultaba gratificante perderse adrede.

Desmonte de As Pías
Para o lector, por concreción de emprazamento, dicir, que As Pías, era unha franxa contigua á ribeira fenense da ría, que polo Leste, formaba un continuo litoral con O Regueiro hoxe desaparecido baixo o recheo de San Valentín, para crebar dirección Sur, e proseguir o seu encontro coa Ostreira actualmente dormente baixo terreos de Navantia. Na súa elevación prominente empolicábase o arquitectónicamente emblemático chalé de As Pías, que fose estancia estival de José María González Llanos, fundador de ASTANO e posteriormente, residencia habitual da familia Beceiro Ballester, xente entrañable e moi apreciada pola miña banda.

Aquelas “pías megalíticas” baleiradas directamente sobre os penedos sobresalientes no lugar, no meu recordo, débil pola temperá idade e o paso do tempo, aínda así e a todo, teño presente que seus ocos ademais de distinta profundidade, tiñan unha tipoloxía xeométrica variada, elípticas unhas, rectangulares outras, e unha por única, centraba a atención pola súa forma de pirámide investida, que nós dabamos en chamar o funil.

A distribución heteroxénea e a súa profusión reiterada pola ladeira litoral desta necrópole celta era a característica deste enclave, que por afinidade apuntaba vinculación co castro de Cardoeiro, localización próxima, anexo á igrexa de Perlío, que tamén fora desmontado parcialmente daquela para recheo do estaleiro.

Na excavación deste enclave castrexo en épocas onde a protección destes xacementos era inexistente, é obrigado recoñecer a sensibilidade demostrada polo acreditado profesor don Emilio Marín, quen «de motu propio» baixo tolerancia dos promotores, erixiuse en coordinador á fronte dun nutrido grupo de estudantes, que baixo a súa dirección, recollemos un importante referente dos restos arqueolóxicos existentes para o seu rescate e catalogación.

Na década dos 60 aquela necrópole prehistórica, pola acción das excavadoras e o transporte dos camións, pasou a formar parte do leito mariño da ría e agora xace baixo os talleres de Astano, e toda esa entrega, ese sacrificio, todo esa renuncia ao noso patrimonio históricos e ao noso medio ambiente natural, ao final, deu de si o cruel resultado dun estaleiro infrautilizado e inactivo, polo visto, aquel desmonte cambiou de localización, pero non perdeu a súa condición de necrópole.

Pía megalítica
Nesa época como broche final, cando os influentes promotores da factoría, para vantaxe do estaleiro, lograron que a administración afrontase a execución daquela obra de enxeñaría civil denominada Ponte del Caudillo, por se o prexuízo causado ao medio litoral non fose cuantioso co actuado, como puntilla, impediuse a rexeneración natural do medio físico do fondo de ría, a través dunha solución adoptada consistente nun pedraplén predominante, aliviado cos escasos ollos dunha ponte de restrinxido investimento que cortou as correntes naturais do medio mariño , alterando a salubridade das augas e a proliferación de decantación de lodos en suspensión que destrúo a riqueza natural da súa ribeira.

O 17 de outubro de 1968, nun alarde de vaidade, foi o propio xeral xefe do estado, quen cortou a cinta de inauguración do denominado inicialmente “ponte del caudillo”, pero por máis que a oficialidade outorgáselle tal denominación, en coincidencia merecida á raíz territorial de orixe de partida daquel desaparecido enclave histórico, a voz popular nun implícito exercicio de consecuencia , impuxo a denominación do topónimo As Pías con sinal de posteridade, aspecto salientable, deixando á marxe a mal vista solución e deseño desta infraestrutura.

Idéntica garantía de porvir e continuidade no tempo tería o propio estaleiro, se os avatares da historia non posibilitasen que o seu futuro quedase a expensas da decisión da confraría da rosa en puño e dos seus agremiados comarcais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario