27 ene 2012

A FADA MADRIÑA

PUBLICADO  28/01/2012 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario 



Desde a súa entrada na UE, España, nunca tivo un papel relevante no marco da comunidade, e tras os adversos efectos da crise económica e a nefasta xestión de goberno, a súa limitada capacidade de influencia, hoxe, viaxa no   furgón de cola da Unión.

Vaia alivio,  miúda alegría a nosa..!, parece que o problema deste país non é  tan grave como se pintaba,   pois o que se percibía como    unha difusa  incógnita, necesitaba tan só dunha  mera operación de contabilidade das contas públicas, cuxa fácil solución,  alcanzábase coa simple  regra de equilibrar os ingresos cos gastos.

Isto polo menos, era a  conclusión ordinaria  que se desprendía do argumentado polo  actual executivo ao momento de expor os  motivos das súas excepcionais medidas  de elevación da  presión fiscal, se ben a súa lectura era  equívoca, pois aínda que  a decisión foi   cociñada nos fogóns da Moncloa, o descoñecido en orixe, era  que previamente fose  aderezada atendendo    ao receitario discorrido ao efecto polos expertos chefs do   200 West  Street, no Baixo Manhattan.

Pero se a inconveniente irrupción da influencia de ultramar    a través de Goldman Sachs,  non fose subordinación suficiente, a renuncia á  soberanía de gobernación, esténdese ao marco do vello continente  cando  a emperatriz Merkel, nun exercicio de desmedida  xerarquía, inmíscese, superando as competencias do propio  presidente español, e nun acto de ordeno, mando e fago saber, obrígalle  afrontar persoalmente a presidencia da Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos, é dicir, toda unha reprodución mimética  do que anteriormente a chanceler impuxera  ás autoridades  gregas  e italianas,  ou o que é mais grave,  unha advertencia en toda regra  de que a pesar do cambio de goberno, España, continuará na rotación  de órbita periférica mantendo a súa  condición accesoria no ámbito da Unión.

Resulta inaceptable  que a pesar das contradicións entre as súas chamadas a intensificar a integración da (UE), e a reiterada oposición  a emitir bonos europeos para repartir o peso do pago da débeda, a mandataria xermana, oficiosamente , siga apropiándose a xefatura de Europa co implícito acatamento dos países membro, facultade, que lle outorga determinación para   impor as súas decisións unilaterais superando as competencias institucionais  por mais que a maioría da oficialidade xerárquica europea manteña posicións opostas ás súas formulacións.

Por tanto, equivócase de plano o presidente Rajoy, pensando que unha alianza loxística coa mandataria alemá é o camiño  apropiado  para conducir solucións á problemática española, pois con esa estratexia,   á parte de acentuar  a diverxencia e a descomposición europea,  mais que favorecer solucións á problemática xenuína,  tan só alimenta a apetencia individualista da chanceler,  e nada mais revelador, que a colleita alcanzada  polo francés Sarkozy, cuxo balance de colaboración permanente coa veciña do norte,  tradúcese na consecución  de     unha rebaixada  imaxe de subordinado, que sumado á  inexistencia de rendementos, a tres meses vista  podería ocasionarlle  serios prexuízos no seu encontro  coas  urnas.

Para non albergar dúbidas nin dar cabida a equívocos, a señora Merkel como representante  da maior economía de Europa,  falou alto e claro na súa intervención no Foro Económico Mundial  de Davos, destacando sobre maneira, a súa oposición  a contribuír á superación da crise por encima do tope cuberto. Reafirmándose  unha vez máis na arraigada  idea  de recortes   orzamentarios  e reformas estruturais, medidas  acordes á conxuntura Alemá , pero que  en si mesmas non fornecerán efecto na solución efectiva dos  múltiples problemas de España, pois resulta inadecuado e até absurdo aplicar un  tratamento  de uniformidade para combater  afeccións dispares. 

España como membro da Unión, ten de facer valer a súa condición de país soberano a través  do foro europeo de pertenza, sen entregarse a disturbios financeiros nin ao  acompañamento dunha  fada madriña.  Hai que erradicar a política do barullo e devolverlle    á  Comisión Europea (CE) a titularidade de funcións como Goberno Central Europeo, sendo este o organismo, que,  en atribución ás súas competencias, ten de analizar a nosa problemática e singularidade  diferenciada, a fin de resolver as reivindicacións en materias como, a   revisión  o teito de déficit, os fondos para o emprego, o levantamento do veto do sector naval, etc., etc. Remedios de acompañamento, axuda e complementariedade  dos   cambios e reformas iniciadas, e isto ten  de ser así, si queremos afrontar con seriedade e  realismo a saída da crise.


No hay comentarios:

Publicar un comentario