15 ene 2012

BANCA PÚBLICA XA!

PUBLICADO EL  20/08/2011/ EN: Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario





No noso país, a clase política está afeita á interpretación dunha cantiga recorrente, que utilizan cada vez que toca evadir responsabilidades sobre a xénese da crise, pero nos últimos tempos, polo baleiro do seu contido, excesiva iteración e ateigada monotonía, o son desa cantilena ademais de non resultar pegadizo, pinta lonxe da harmonía.


Deberan saber que na composición do desconcerto económico, non tería de utilizarse exclusivamente as notas discordantes da globalización e a inestabilidade dos mercados, pois aínda tendo xustificada cabida no pentagrama das motivacións, a partitura queda incompleta en tanto non se inclúa na mesma a indolencia política, en razón á pasividade por marcar compás na ofensiva contra a crise , mentres deixan que os mercados circulen ao seu libre albedrío.

Parece coma si en pleno século XXI volvésemos ao omnipotencia a través dunha reprodución histórica da alta idade media e da translación do feudalismo imperante naquela época do medievo.

Ocorre, que nesta repetición escénica, os actuantes mudan súa función representativa, e así, o señor que naquel tempo era o dono do castelo, hoxe ven de ser o propietario dunha entidade bancaria e, o vasallo, que daquela ademais de render submisión, custodiaba e defendía os intereses do xefe feudal, agora, nesta versión actualizada, no seu novo status figura revestido de atribucións e cargo político, aínda que, en lugar de procurar correccións ao sistema, seu labor no substancial non difiren do pasado, por canto, prevalecen na súas prácticas equivalencias de idéntica finalidade, sendo os rescates e o patrocinio das cruzadas de novo cuño, obxectivos satisfeitos ao antollo da hoxe todopoderosa aristocracia financeira .

Á marxe de semellanzas máis ou menos afortunadas, o que resulta incontestables é que o guión da inestabilidade e o desconcerto ten uns autores específicos e, por derivación uns responsables determinados; folga por tanto a tendencia ao extravío, o facer táboa rasa e emparellar sacrificios con excesos cometidos, pois non é de recibo tal xeneralidade cando non toda a sociedade ten vivido por encima das súas posibilidades.

A planificación e desenvolvemento do noso modelo produtivo e de crecemento fallouaparatosamente, resultando, que as fórmulas indutoras do milagre español de outrora, convertéronse en patróns obsoletos e inservibles de nula eficacia como método de reactivación do sistema; e a pesar diso, a clase política no canto de apostar por cambios de radical transformación, segue circunscribindo as solucións de futuro á inutilidade do anticuado.

É unha evidencia que calquera reiteración do actuado, para nada resultará ser o método apropiado no establecemento da evolución que demanda o cambio de ciclo económico, toda alternativa para a súa eficacia, ten de representar unha mudanza radical, que mantendo a esencia do modelo de libre mercado como patrón de referencia, promova unha reformulación da súa operativa funcional como solución impulsora dun novo modelo produtivo, que, afianzado na diversificación sectorial e nasustentabilidade, garanta un desenvolvemento permanente e un emprego estable.

Non sendo labor da clase política a creación de emprego, si o é, a posta en práctica de escenarios que posibiliten a xeración de condicións de estabilidade e oportunidade, para que os axentes empresariais, dinamicen o sistema produtivo e propicien a creación de emprego, resultando elemental confirmar que unha das claves desta concepción executiva, vira ao redor do acceso aos medios financeiros, e esta circunstancia representa ser o gran dilema, por canto, a crise puxo de manifesto o fracaso dos mercados e dos bancos privados como motores financeiros das actividades produtivas.

Non haberá de esquecerse que a pesares do descomunal índice de desemprego, a inactividade obrigada dos autónomos e os peches forzados de pequenas e medianas empresas, as entidades financeiras seguen impasibles a esta realidade, e nun alarde de insolidariedade e avaricia, deciden que os fluxos monetarios que entran nas súas arcas procedentes do BCE, en vez de destínalos ao investimento produtivo, dedíquense á adquisición especulativa de débeda pública dada a súa condición de menor risco e maior rendibilidade.

A persistencia deste problema de financiamento, converte en inviable calquera alternativa de reactivación económica prevista, pero tamén, pon ao descuberto a hostilidade da banca privada que despois de acollerse ás facilidades outorgadas no proceso do rescate bancario por parte do estado, agora cos seus feitos, manifestan súa negativa a arrimar o ombreiro para quitar ao país das dificultades, e ante esta insensatez mercantil, a clase política debe abandonar a anuencia, e en atribución á competencias que lle son propias reaccionar en consecuencia, instaurando de xeito decidido, como solución alternativa unha banca pública que supla a actual carencia de financiamento que a banca privada ten imposto as familias e as PYMES. 

Sen dúbida que a aceptación ou rexeitamento desta formulación virá dicir aos electores, a quen defende a clase política.

No hay comentarios:

Publicar un comentario