PUBLICADO EL 13/08/2011/ EN: Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario
As paixóns cando son cegas, teñen o risco de levar aos seus protagonistas a situacións de delirio, maiormente , se quen adoecen o conflito , non dubidan erixirse en defensores resoltos dos seus achegados, sen reparar na utilización de proclamas acesas e arrebatadas, que, por esa tendencia da amizade afectiva, veñen delatar un arrebato excedido, ateigado de distincións que adoitan derivar pola ruta da fascinación e o fanatismo.
Esta introdución vén a conto pola enaltecida defensa que un ex alcalde comarcal, recentemente dedicou, á persoa, obra e milagres do lucense José Blanco, quen, aparte de ostentar a xefatura do ministerio de Fomento, atende como voceiro do goberno, controla o todopoderoso aparello do partido na súa condición de vicesecretario xeral e, se toda esta acumulación de cargos e xerarquía antollásese escasa, ao referido, haberá de sumar a condición mesiánica que lle outorga seu impulsivo admirador, e o tempo inducido obrigado por tal condición , por canto, semella que os milagres prodigan no facer do redentor de Palas de Rei.
Pero se o explosivo ímpeto deste adulador non fose desorbitado, o desaxuste chega ao colmo cando eloxiando a hipotética capacidade de tan memorable dirixente, espeta sen cortarse un pelo, que o retorno á política da comunidade autónoma deste personaxe, sería a solución dos actuais problemas de Galicia
Eu, capaz de marcar diferenzas entre o persoal e o político, é polo que, a pesar de todo sigo catalogando ao responsable destas declaracións, como persoa entrañable, agora ben, como queira que neste caso a conxestión de disparates encadeados supera a tolerancia de despropósitos admisibles , iso, por saúde democrática obriga introducir unha declaración de réplica, entendida sen acritude e suxeita a un exercicio de analítica neutral, que inescusablemente desde unha actitude crítica debe ser o método apropiado para pór freo a este desatino.
Ao respecto, dicir non entender , nin compartir e moito menos xustificar, que por riba do interese xeral, o político de oficio, teña como obxectivo preferente , a andaina do seu ascenso persoal, e non, no sentido de axenciar maior clasificación ou rango, pois iso si sería plausible e vantaxoso colectivamente, senón, desde a enfermiza ambición de alcanzar a maior cota de poder como ferramenta de dominio; avaricia agravada comunmente coa incapacidade de ocultas limitacións intelectuais e que polo seu distintivo de prima individualista, sempre orixina graves prexuízos no funcionamento e estabilidade do país.
Por iso, sería un problema e mesmamente unha perda de tempo, que tentase perfilar futuro político, emulando o historial de seu ídolo, pois ese tipo de triunfadores son froito de tolerancias atípicas que cíclicamente xera a bonanza e o todo vale, é dicir, unha desafortunada accidentalidade; pero despois dos nefastos resultados do goberno socialista , consumado o desastre no que estamos sumidos, mais que seguro é contundente, que o acceso dos mediocres á cúpula do poder, afortunadamente estará vetada por unha longa temporalidade.
Non debese esquecer que, quen a temperá idade tomou dedicada exclusividade polo control do aparello político, con renuncia expresa aos seus estudos universitarios, é evidente, que determinou con antelación debida que seu “modus vivendi” viraría ao redor da cousa pública, sendo por tanto ese obxectivo súa meta irrenunciable, e así foi como tras a súa condición de amanuense coñecedor da organización, tomou baza para establecer os ritmos e marcar os tempos, aproveitando situacións de desconcerto interno para instalar oportunamente o trampolín de Nova Vía, e así, tras a proxección da imaxe de Zapatero , desde a trastenda de Ferraz, converterse no incuestionable “gurú” da organización política.
Era evidente que José Blanco sabía perfectamente que o dominio do aparello do partido garantíalle o control e a acción executiva do goberno, coñecendo igualmente, os métodos de descoidada ortodoxia pero de influente eficacia na deterioración da oposición.
No en tanto, por carencias suplidas, non soubo decatarse que cando as políticas económicas non son as apropiadas, a inercia dos mercados impón súa primacía por riba do poder institucional, e cando iso ocorreu, mais que entregarse á responsabilidade de renuncia á vez que o Presidente, de súpeto, encolléuselle a talla e agora tenta salvar a equipaxe da continuidade política a través de conspiracións e intrigas cun achegamento a Rubalcaba, mentres por imperativo estratéxico entra no patrocinio de forzar a renuncia de Carme Chacón ás primarias.
Entrañable ex alcalde, o seu admirado personaxe vén dicir de se mesmo, “moitos recoñécenme e coñécenme moi poucos”, vostede debe andar polo grupo dos moitos, pero eu, que analiticamente debo pertencer á selecta caste dos poucos, estou en condición de concluír que por consecuencia política , este home non só non debese desembarcar en Galicia , senón que está obrigado a seguir os pasos do seu patrocinado presidencial e, en consecuente correspondencia, debe presentar a renuncia á súa continuidade no facer político , pois o resultado experimental do seu liderado así o recomenda, sendo ese o mellor favor que poida facerlle á nosa comunidade e por extensión ao conxunto do país.
No hay comentarios:
Publicar un comentario