26 oct 2012

QUE NINGUÉN SE CONFUNDA


PUBLICADO 27/10/2012 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario; Globedia


O tan traído e levado respaldo electoral nos  comicios galegos a prol das  políticas neoliberais do PP, é unha apreciación onírica, unha fantasía militante á marxe da realidade.

A xulgar polas declaracións dos membros da cúpula dirixente,  desde o oficialismo conservador,  nun alarde de euforia, a súa xefatura   interpreta o triunfo electoral   do domingo último  en clave  metereolóxica, pensando que a súa vitoria  dálles a cobertura  protectora dun   tempo de bonanza, ao deducir   que cos resultados acadados,  politicamente,  lograron   instalar  un anticiclón permanente que  frea  a entrada  a toda inclemencia  borrascosa.

Estes meteorólogos  da dirección "popular" á hora de realizar as súas  previsións debesen desprenderse do  seu entusiasmo crónico, saber, que a presión social  é unha mostra de descontento imparable que  non se mide  en milibares. Debesen  asumir tamén que cunha diminución de 102.000  votos, teñen obtido  o peor resultado do PP en Galicia desde hai 23 anos. Expoñente crítico de cuxo análise neutral se desprende a existencia de razóns sobradas,  para  aceptar,  que  os votantes, si pasaron unha severa factura ás inasumibles políticas de recortes.

Por tanto equivócase de plano  quen traduce o triunfo de Feijóo como un impulso á política neoliberal  do PP a nivel de estado. Negación reforzada asemade  por  factores  de incorrección,  pois por mais malgaste de suficiencia que se transmita, os protagonistas  teñen  de asumir   sen mais paliativos  a súa pertenza  ao  protectorado alemán, e aceptar  que  o  goberno monicreque do noso país por renuncia expresa   á autenticidade de soberanía,  non ten outras políticas distintas ás ditadas  desde a metrópole de Berlín.

En razón a iso,  por mais xerarquía que Rajoy queira atribuírse nas nefastas políticas de Estado,  o seu descrédito nacional e internacional  é tal, que  lle  subtrae toda facultade e autoridade  para exercer eficazmente  o  goberno  do país.  Sendo   as oligarquías xermánicas  a través das  súas  prácticas de absolutismo no seo da UE,  e da  intransixente imposición do papel a cumprir polo  Banco Central Europeo, quen si impoñen con plena  potestade a folla  de ruta do  noso futuro incógnito, decisións que  como queda dito,  cernan toda atribución ao gobernanza  autóctona que actualmente ostenta o partido conservador español.

Xa que logo, o tan traído e levado respaldo electoral nos   comicios galegos a prol das  políticas neoliberais do PP, é unha apreciación onírica, unha fantasía militante á marxe da realidade, que en calquera caso, postos a  desvariar,  toda   adxudicación dun suposto recoñecemento  non tería de  recaer en Rajoy  pola súa condición de cónsul  colonial, senón na  chanceler Merkel, como referente intelectual e artífice das políticas neoliberais que sacoden a nosa estabilidade socio económica, e que a prole dos "populares" a pesar dos graves prexuízos derivados non reparan  en asumir  de bo grado.

Neste contexto, hase referir que  a crise que nos invade creou unha confusión na receptiva  dos electores. As mensaxes claras de épocas pretéritas, aquelas que marcaban precisa diferenza de contraste  e distinción entre a diversidade de ofertas  políticas, agora,   foron suplidas pola dinámica da falacia, por unha maxia terminolóxica  escudada nunha  algarabía  macroeconómica, que fai que na súa mingua o elector déixese influír nas súas decisións transcendentais por aspectos tan anacrónicos como  as  oscilacións da prima  de risco ou a evolución da débeda soberana.

É evidente  que esa clase política  franquiciada polos  mercados financeiros non cella no seu empeño de favorecer os intereses dos seus protexidos, quen  de seu son os auténticos axitadores da economía especulativa. E nesa traxectoria caracterizada por unha unidade  de acción sen fisuras, é desde onde afianzan a súa estratexia  de conquista á conta de utilizar a ignorancia  como ferramenta de ampliación da súa masa activa,  onde tamén, por fuga contra natura recalan inclusive os  propios prexudicados dos seus efectos, como consecuencia,   do deixamento de quen politicamente  perderon papel opositor.  

Con todo as eleccións galegas  son o referente indicativo  de que camiñamos cara a un  cambio radical de época, que entramos  nun ciclo convulso  provocado  por esas  políticas de recorte   que prodiga a forza política triunfadora e cuxo resultado, máis que achegar solucións acentuará a intensidade da crise, ao disparar no 2013 a  perda de postos de traballo até  un novo teito histórico, cuxa taxa se situará a nivel de estado no 27,2%, afectando a 6,4 millóns de traballadores. Cuxa tendencia tamén axitará mesmamente aos empresarios que contra toda  inflexión  veranse  abocados a un incremento do 26% de peches,  nunha  imparable  hemorraxia empresarial, é dicir, unhas previsións nada alentadoras  e diametralmente opostas ao que a través de falsidades se nos pretende facer crer. 

É momento de atoparse  coa realidade, de que as forzas de esquerdas  tomen acción de unidade, rescatando  espazo social e recuperando o tempo perdido, para frear o servilismo político e deter a ostentosa  ofensiva do poder  económico transnacional, aínda que previamente, teñen  de chover  dimisións a eito  que dean paso  á apertura de claros  e deixen   albiscar  o  sol da  renovación.



20 oct 2012

PEMEX VS. PEMEX


PUBLICADO 20/10/2012 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario; Globedia


É normal que a sociedade da comarca de Ferrolterra néguese a comulgar con rodas de muíño por mais que os oficiantes  da  consagración veñan ataviados con túnica estatal.  

O  controvertido contrato naval que a  mexicana Pemex, parece  manter  con estaleiros galegos, lonxe de afianzar a súa veracidade, cada día que pasa, polos continuos desmentidos e o segredo dunhas   disposicións  que  impiden publicitar a súa certeza, aínda supondo  fiable  o alcance dos seus termos, por esa envolvente  de dogma de fe que rodea o asunto, é normal  que a masa crítica dependente do naval afiáncese na  sucesión  de artificios  e astucias  que caracterizan o histórico do sector,  e en boa lóxica, decidan acollerse ao  escepticismo para  refugar o factor de risco  da  vía crédula.

A actual  chamada á  confianza tras a dinámica do pretexto continuado fai que a certidume perdera forza de validez;  trinta anos de prolongada   deterioración, tres décadas minguando  a potencialidade duns cualificados  estaleiros por indolencia política, orixinan que desapareza a crenza  e que a convicción se cinga  estritamente   ao evidente.

Hai fórmulas sobradas para demostrar a certeza de calquera acordo contractual. Claro que se como resulta ser o caso, existen limitacións ao   mediar  cláusulas secretas que impiden  coñecer   o alcance  do  seu contido, entón tal restrición ademais de negar toda veracidade  probatoria, adxudica ao contrato nula   fiabilidade. Iso é así, a pesar do empeño inútil  de quen politicamente tenta demostrar o contrario  achegando  por todo  referente  a   categoría institucional dos contratantes, extremo que  ademais de pouco serio é un completo disparate, pois que  a petroleira Pemex, sexa controlada polo goberno mexicano, e a española  Navantia sexa dirixida  polo executivo  español, tal condición, para nada engade  rango de solvencia,  mais ben acentúa  o risco por intervención dunha deficiente representación   política.

É normal que a sociedade da comarca de Ferrolterra néguese a comulgar con rodas de muíño por mais que os oficiantes  da  consagración veñan ataviados de túnica estatal,  pois en consideración aos reveses cultivados na articulación de medidas para a recuperación  do sector e os nulos  resultados alcanzados na  reconquista do  mercado naval convencional,  o só feito de pensar que a solución do futuro do sector  depende en exclusiva  da xestión política, é para botarse a tremer.

Por conveniencia, non se debera validar  procedemento algun con Pemex, sen analizar previamente  como contraste de referencia o estrepitoso fracaso cultivado 23 anos atrás, tras a  formalización e xestión  do contrato  internacional establecido  naquel entón  entre o goberno español de Felipe González e o trasalpino de Giulio Andreotti, en cuxo contido  o holding público italiano Efim, comprometía instalar en solos  da factoría Astano cedidos pola súa homónima española INI, unha  planta fabril denominada SIV atlántica  cuxo investimento  afrontaban as arcas publicas  españolas por contía superior ao 75%, dun custo de implantación  sobre valorado.

Tamén naquela ocasión existía unha cláusula de confidencialidade, unha  disposición secreta que curiosamente foi a única parte do contrato que levou a termo no marco dunha estratexia de deseño por parte italiana,  consistente en incrementar a potencialidade da firma de automoción  Fiat por absorción da española Pegaso, planificando esa consecución en coincidente temporalidade coa renuncia a afrontar a obrigación contractual de maior calado, deixando así  sen efecto a construción da fábrica de vidro. 
Todo iso co agravante engadido  que supuxo o investimento  de reordenación das instalacións da factoría, e a formación en Venecia  duns recolocados que nunca o serían, é dicir, as consecuencias resultantes de cando uns indocumentados  métense a executivos.

O presidente electo Peña Nieto na súa recente visita  ao noso país dixo que o acordo para construír buques-hoteis era  de "ganar-ganar"; expresión xenuína do visitante  cuxo encaixe é utilizado por aquelas latitudes cando alguén se refire  a negociacións nas que se persegue o mutuo beneficio, e de orixe esta contrapartida  de equivalencia é coincidente co fin previsto, pois tense de explicar,    que as  unidades navais que se barallan construír  nos  estaleiros galegos é o achegue de reciprocidade dunha operación de gran escala cuxa finalidade é desenvolver os xacementos en augas profundas do Golfo de México.

A  envergadura deste proxecto excede no tecnolóxico e no financeiro a capacidade da paraestatal mexicana, para iso Pemex require asociarse con outras empresas petroleiras; conxuntura aproveitada pola española Repsol para afianzar  o seu status preferente, sendo evidente pois, que a construción  das   unidades navais en colación, está ganduxado coa entrada  de iniciativa privada  española en Pemex, obxectivo  que por obviedade  xurídica é  inviable en tanto non se modifique a Constitución do país azteca que impide toda participación  foránea. 

Por tanto nada hai que discutir  sobre un contrato inexistente, no entanto, si debemos  envorcarnos colectivamente en  lograr que o actual protocolo tome corpo de documento contractual  revestido de plenas  garantías.

12 oct 2012

A CAÍDA DOS FURTIVOS

PUBLICADO 13/10/2012 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario; Globedia


Non é de estrañar, que a  fidelidade nos  grandes partidos esborrállese en plena campaña electoral, que os electores frustrados abandonen a habitual tendencia polo bipartidismo, apostando alternativamente  por outras formacións políticas mais combativas e preocupadas  polo cotián.


A crise e a influencia  das súas medidas  de reaxuste  son  o principal problema que nos golpea,  o  factor de impulso  do desmantelamento da nosa  estrutura  produtiva, e asemade, o testemuño do descomunal desemprego  que padece a nosa comunidade, cuxa  esperanza de recuperación,  canto menos, antóllase  incerta.
A pesar de tan difícil expectativa, o que programaticamente debese ser obxectivo destacado na oferta electoral das  forzas  concorrentes aos comicios do 21-O, o certo é, que aínda sendo o paro o asunto de maior  preocupación dos electores, e por tanto, cando  a loita contra o desemprego tería de  configurarse como un obxectivo primordial,  as  dúas forzas políticas responsables  da situación  (PSOE e PP), lonxe de aceptar esta clamorosa demanda social  asumindo a premisa de achegar  solucións de urxencia, nunha inaudita afinidade estratéxica  coinciden en empantanar  a cuestión,  evitando así o desafío de afrontar remedios  a tan  grave conflito. 

En razón a estas pautas de comportamento, non é de estrañar, que a  fidelidade nos  grandes partidos esborrállese en plena campaña electoral, que os electores frustrados abandonen a habitual tendencia polo bipartidismo, apostando alternativamente  por outras formacións políticas mais combativas e preocupadas  polo cotián; por  organizacións   de maior solvencia democrática dirixidas por representantes  mais sensibles, por candidatos decididos  a pór   remedio  aos  inconvenientes que neste delicado momento histórico padece a gran maioría da sociedade  civil.
Esa que non outra vai  ser  a translación electoral dominante, a circulación oposta á tendenciosidad  demoscópica, a esas enquisas que agraciados sectores da mass media prodigan  coa única intención de influír electoralmente, a prol de quen,  politicamente desde o poder público,  favoreceulles outorgando un trato vantaxoso de preferencia   aos seus intereses comerciais.

Ao parecer as formacións políticas maioritarias negan recoñecer o seu desfasamento coa realidade, e na súa conquista de réditos electorais seguen utilizando  a fascinación para influír tendencia nas masas crédulas,  sen asumir que co  absurdo  das súas prácticas  aplicadas nos  gobernos de alternancia, foron dilapidando  todo dominio de influencia.
Agora é a crúa realidade  quen  impón o  voto de conciencia,  relegando a mercadotecnia a un plano  accesorio.  As técnicas utilizadas psicoloxicamente  para a venda do substancial político como  produto de consumo masivo, estreláronse contra o anacronismo  da  simulación  democrática para dar regreso ao  espírito crítico. Novo escenario, onde por engano electoral continuado,  os factores de persuasión, xa non se logran co exercicio da palabra, si esta, non vén apoiada da fiabilidade dos feitos, é dicir, desatouse un   ultimato contra  as prácticas de engano que até a temporalidade do inmediato sustentaron a fraude electoral. 

O desencadenamento  desta reacción critica, desemboca na desconfianza que a maioría social mantén  cara ás grandes forzas políticas estatais como consecuencia  da súa perda de lexitimidade democrática.  Cuxa repercusión palpable deixa ao descuberto  o  dominio dos  privilexios  propios sobre o  interese xeral,   a negación  dos   dereitos fundamentais  dos cidadáns, do mesmo xeito que  o respaldo  ás   políticas regresivas causantes da  destrución de empresas e o desbordamento do paro,  e por extensión, a defensa da economía  especulativa en detrimento da economía real, e  como broche,  a escandalosa implicación como parte activa  nos  continuos casos de corrupción  política.
É evidente pois,  que o sector maioritario  da clase política está en decadencia,  e que  o seu rescate, irremediablemente precisa dun revulsivo de rexeneración  de confianza.

No entanto, como electores temos de estar alerta e non  sucumbir á tentación involucionista  que rodea a frustración de todo  momento crítico. O antídoto á  indignación  pasa por osixenar o  estado de dereito    botando  man da excepción que confirma a regra, para así, operar en consecuencia. Decantando o  apoio por aquelas  organizacións políticas, por aqueles dirixentes que no marco  de este contaxio de deslealdade colectiva,  foron quen de manter a súa integridade, demostrando  con iso que a pesar  do descrédito social da clase política, existe unha minoría honesta na que confiar.

Por tanto temos de refugar a abstención como remedio. O 21-O, somos obrigados  a participar nos comicios promovendo unha renovación representativa, a través dunha aposta  colectiva en defensa  da  transformación do actual modelo político e a súa suplencia por unha proposta alternativa que priorice o social ante o financeiro. Sendo conscientes que  a  elección  dos artífices do novo ciclo ten de ser oposta  á que deu  orixe aos  autores do desastre. O cambio é irremediable, pois non debemos ignorar que en gran medida,   a crise reside  na  imaxe e actitude que proxecta a clase política.


6 oct 2012

ÁRTABROS

PUBLICADO 06/10/2012 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario; Globedia

Este artigo é unha reposición

O regateo a Ferrolterra é unha constante invariable, os escasos 250000 euros habilitados  nos Orzamento Xerais do Estado do 2013 para afrontar  a execución  do ferrocarril até o emprazamento de Caneliñas, non deixa de ser unha  evasión do executivo estatal para demorar no tempo a construcción desta infraestructura.

Pódese afirmar sen risco a equívocos que tras o auxe ou a decadencia de calquera hábitat ou asentamento socio económico, non son as dinámicas territoriais nin os ritmos naturais da economía, quen impoñen os factores de tendencia, senón, exclusivamente a intervención política, que dependendo do grao de liderado do actuante, do seu peso executivo e nivel de destreza, terá garantido o éxito ou estará condenado ao fracaso. Isto último, toma corpo de frecuencia cando o combatente político resulta ser un achicado, que en vantaxe dos seus intereses decide darlle cancha ás súas ambicións, aínda que con iso, produza un detrimento dos dereitos colectivos de quen lle outorgaron a súa confianza.
 
É alí, onde os suburbios da periferia toman contacto co Atlántico, onde os estaleiros salpican desemprego e as súas bancadas cheiran a veto naval, nese escenario inactivo, é onde a clase política incapaz de  articular solucións aos problemas esenciais, decide acollerse á mística tomando devoción polo espírito do desconcerto. Doutrina encamiñada á defensa do absurdo, cando este, prodígase na reafirmación do localismo mais teimudo, aínda cando as súas consecuencias deriven en prexuízo da sensatez. Este enredado dogmatismo foi a clave de inspiración para tomar decisión polo desafortunado emprazamento da sempre inacabada infraestrutura portuaria da Ría de Ferrol.

As excentricidades, reportan consecuencias incoherentes  e isto motiva que a mente dos nosos mandatarios se axuste  mais ao diminuto estilo de Liliput, que ao xigantismo de Rótterdam, e así, cando o desenvolvemento do intermodalismo e a revolución tecnolóxica dos contenedores  xa marcaba as tendencias do transporte marítimo futuro; orientando a tipoloxía e escala dos novos enclaves portuarios, por estas latitudes do noroeste, por non perder o fío coa lixeireza e seguir mantendo a hexemonía do disparate, os cativos da inutilidade, deciden consumar outra insensatez máis , a través dunha construción portuaria de escaso porte, que ademais de alterar as correntes naturais da Ría, non dispuña de vocación territorial de respaldo, soportando unha orografía infame, ademais de ser notorias as limitacións técnicas e financeiras para a implantación das imprescindibles infraestruturas de comunicación. Obviamente outra vez mais perderamos a ruta do futuro pois o espírito do desconcerto ten imposto  a súa teoría.

Os escasos 250.000 euros  habilitados nos actuais Orzamentos Xerais do Estado no  ejercicio del 2013, para afrontar  a execución  do ferrocarril até o emprazamento de Caneliñas, non deixa de ser unha evasión do executivo estatal para demorar no tempo a construción desta infraestrutura forzada. Tras esta decisión, percíbese unha reconsideración sobre a conveniencia da súa execución efectiva, por canto o custoso investimento do convoi non restará limitacións á operativa portuaria, xa que tan só os grandes portos de funcionalidade manifesta, con especialización de alto rendemento e instalacións apropiadas para os movementos masivos de carga, formarán parte da rede global do transporte marítimo e multimodal, e no caso de referencia, ademais das limitacións citadas, o factor escala como a súa restrición expansiva apuntan a deducir que o porto exterior de Ferrol está chamado a unha especialización de segundo nivel, suxeita ao tráfico cativo local.

 
Resulta aventurado estimar cal será a dimensión máxima que alcanzará a os buques de nova xeración, o que resulta estar lonxe de toda dúbida é que a a tendencia crecente dos Post-Panamax, non se  deterá a curto prazo, e esta tendencia da nova configuración de frota, propicia, unha reorganización do sector marítimo como base referente para establecer unha rede xerárquica de portos para as liñas de servizos regulares, e folga dicir, que no novo escenario,Caneliñas en Ferrol e Langosteira na Coruña, quedarán excluídos da prestación de servizos directos neste esquema de vangarda.

De todos os xeitos, Galicia ten unha situación estratéxica para desempeñar unha función relevante no futuro do transporte marítimo. Artabros, aquel porto que non se quixo facer, segue sendo a alternativa, pois ademais da favorable vocación marítimo-territorial do seu emprazamento, ten como aliado, a suavidade da súa orografía, a proximidade das infraestruturas de comunicación terrestre , viaria - ferroviaria, e as condicións óptimas para garantirse de partida a súa función como "hubs globais", é dicir, como un dos grandes portos mundiais.

O primitivismo do espírito do desconcerto, debe dar paso á sensatez, termos  de aprender dos erros e aínda con anos de atraso, estamos a tempo de tomar partida polo futuro envorcándonos, decididamente na culminación desta iniciativa incuestionable, que pola súa característica funcional, a súa condición de espazo integrado ten garantido o seu éxito no contexto do ordenamento marítimo mundial.