26 oct 2012

QUE NINGUÉN SE CONFUNDA


PUBLICADO 27/10/2012 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario; Globedia


O tan traído e levado respaldo electoral nos  comicios galegos a prol das  políticas neoliberais do PP, é unha apreciación onírica, unha fantasía militante á marxe da realidade.

A xulgar polas declaracións dos membros da cúpula dirixente,  desde o oficialismo conservador,  nun alarde de euforia, a súa xefatura   interpreta o triunfo electoral   do domingo último  en clave  metereolóxica, pensando que a súa vitoria  dálles a cobertura  protectora dun   tempo de bonanza, ao deducir   que cos resultados acadados,  politicamente,  lograron   instalar  un anticiclón permanente que  frea  a entrada  a toda inclemencia  borrascosa.

Estes meteorólogos  da dirección "popular" á hora de realizar as súas  previsións debesen desprenderse do  seu entusiasmo crónico, saber, que a presión social  é unha mostra de descontento imparable que  non se mide  en milibares. Debesen  asumir tamén que cunha diminución de 102.000  votos, teñen obtido  o peor resultado do PP en Galicia desde hai 23 anos. Expoñente crítico de cuxo análise neutral se desprende a existencia de razóns sobradas,  para  aceptar,  que  os votantes, si pasaron unha severa factura ás inasumibles políticas de recortes.

Por tanto equivócase de plano  quen traduce o triunfo de Feijóo como un impulso á política neoliberal  do PP a nivel de estado. Negación reforzada asemade  por  factores  de incorrección,  pois por mais malgaste de suficiencia que se transmita, os protagonistas  teñen  de asumir   sen mais paliativos  a súa pertenza  ao  protectorado alemán, e aceptar  que  o  goberno monicreque do noso país por renuncia expresa   á autenticidade de soberanía,  non ten outras políticas distintas ás ditadas  desde a metrópole de Berlín.

En razón a iso,  por mais xerarquía que Rajoy queira atribuírse nas nefastas políticas de Estado,  o seu descrédito nacional e internacional  é tal, que  lle  subtrae toda facultade e autoridade  para exercer eficazmente  o  goberno  do país.  Sendo   as oligarquías xermánicas  a través das  súas  prácticas de absolutismo no seo da UE,  e da  intransixente imposición do papel a cumprir polo  Banco Central Europeo, quen si impoñen con plena  potestade a folla  de ruta do  noso futuro incógnito, decisións que  como queda dito,  cernan toda atribución ao gobernanza  autóctona que actualmente ostenta o partido conservador español.

Xa que logo, o tan traído e levado respaldo electoral nos   comicios galegos a prol das  políticas neoliberais do PP, é unha apreciación onírica, unha fantasía militante á marxe da realidade, que en calquera caso, postos a  desvariar,  toda   adxudicación dun suposto recoñecemento  non tería de  recaer en Rajoy  pola súa condición de cónsul  colonial, senón na  chanceler Merkel, como referente intelectual e artífice das políticas neoliberais que sacoden a nosa estabilidade socio económica, e que a prole dos "populares" a pesar dos graves prexuízos derivados non reparan  en asumir  de bo grado.

Neste contexto, hase referir que  a crise que nos invade creou unha confusión na receptiva  dos electores. As mensaxes claras de épocas pretéritas, aquelas que marcaban precisa diferenza de contraste  e distinción entre a diversidade de ofertas  políticas, agora,   foron suplidas pola dinámica da falacia, por unha maxia terminolóxica  escudada nunha  algarabía  macroeconómica, que fai que na súa mingua o elector déixese influír nas súas decisións transcendentais por aspectos tan anacrónicos como  as  oscilacións da prima  de risco ou a evolución da débeda soberana.

É evidente  que esa clase política  franquiciada polos  mercados financeiros non cella no seu empeño de favorecer os intereses dos seus protexidos, quen  de seu son os auténticos axitadores da economía especulativa. E nesa traxectoria caracterizada por unha unidade  de acción sen fisuras, é desde onde afianzan a súa estratexia  de conquista á conta de utilizar a ignorancia  como ferramenta de ampliación da súa masa activa,  onde tamén, por fuga contra natura recalan inclusive os  propios prexudicados dos seus efectos, como consecuencia,   do deixamento de quen politicamente  perderon papel opositor.  

Con todo as eleccións galegas  son o referente indicativo  de que camiñamos cara a un  cambio radical de época, que entramos  nun ciclo convulso  provocado  por esas  políticas de recorte   que prodiga a forza política triunfadora e cuxo resultado, máis que achegar solucións acentuará a intensidade da crise, ao disparar no 2013 a  perda de postos de traballo até  un novo teito histórico, cuxa taxa se situará a nivel de estado no 27,2%, afectando a 6,4 millóns de traballadores. Cuxa tendencia tamén axitará mesmamente aos empresarios que contra toda  inflexión  veranse  abocados a un incremento do 26% de peches,  nunha  imparable  hemorraxia empresarial, é dicir, unhas previsións nada alentadoras  e diametralmente opostas ao que a través de falsidades se nos pretende facer crer. 

É momento de atoparse  coa realidade, de que as forzas de esquerdas  tomen acción de unidade, rescatando  espazo social e recuperando o tempo perdido, para frear o servilismo político e deter a ostentosa  ofensiva do poder  económico transnacional, aínda que previamente, teñen  de chover  dimisións a eito  que dean paso  á apertura de claros  e deixen   albiscar  o  sol da  renovación.



No hay comentarios:

Publicar un comentario