2 nov 2012

OUTRA BURBULLA


BLICADO 03/11/2012 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario; Globedia


É necesario  non perder referencia da nosa historia financeira;  debemos ter   presente que os activos tóxicos   foron consecuencia  dos  "pelotazos urbanísticos" que por saturación expansiva,  levaron  á quebra  a multitude  de empresas e profesionais  con excepción  única  das propias entidades bancarias.

A desconexión coa realidade é a característica dominante  que preside a política económica do goberno de Rajoy, quen  a pesar da negativa contundencia dos   indicadores do sistema advertindo que se está seguindo un camiño incorrecto;  no canto de variar de itinerario potenciando a economía real  empéñase en manter a renda solta dos seus despropósitos, prolongando así o galope desbocado  cara ao  mundo virtual da especulativa  financeira.

Claro que  estando á fronte  da  carteira de economía Luís de Guindos, destacado membro do Consello Asesor de Lehman Brothers até a súa   quebra no 2008, resulta obvio  a dirección   económica que toma o país, que non é outra, que  a propia dos activistas  especulativos,  idéntica  á   utilizada  no  2007 por quen  en condición de alto executivo dedicábase a gardarlle  as costas en Europa á cúpula de Lehman, e  participaba  desde o seu cargo na improcedente manobra da   entidade bancaria de EEUU, que  xusto antes da súa quebra, infectou  ao  circuíto interbancario  da UE  a través da  inxección  dos seus activos tóxicos - subprime; cuxa repercusión no marco europeo  derivou   na  persistente crise do euro. Transcendencia  que se fixo  mais virulenta  no noso país como consecuencia   da súa alta  exposición ao risco pola dimensión excedida  do  seu sector  inmobiliario.

Pasados  xa o  cuarto aniversario do afundimento daquel xigante que arrastrou á economía mundial coa súa quebra, e cuxos efectos seguen causando estragos na actualidade,  o ex - Lehman,  posto á fronte do ministerio polo presidente Rajoy para sacar ao país da crise,  no exercicio das súas funcións, non pense ninguén que  articulase fórmula algunha para deter a sangría  do peche de miles de empresas, cuxo efecto demoledor extermina a estrutura produtiva e o emprego.  Como tampouco se imaxine ninguén, que establecese medidas paliativas  para socorrer ás  incontables  familias que atravesan unha situación desesperada sen expectativas de futuro. Nada diso.

A este ministro e ao resto do goberno, despois de incumprir sen  contemplacións as súas  promesas electorais, curiosamente, é agora  cando aparcaron a súa cara afable para mostrar o seu verdadeiro instinto político,  que casualmente pon ao descuberto que a única crise que lles preocupa é exclusivamente a das  entidades financeiras, que dito de paso, o hoxe titular da carteira  económica foi suxeito causante da súa xeración,  cando a través de indolentes accións  como alto executivo  das finanzas dedicouse a   estender as súas  practicas de contaxio  polo circuíto bancario.

Ao parecer daquelas prexudiciais implicacións de onte,  nace a fluída  conivencia  que hoxe manteñen o Goberno do Partido Popular  e a banca, en cuxa dinámica,  as solucións  á crise  non veñen  da man da clase política,  senón que están impostas   pola   representación do universo  bancario,  que en definitiva é quen marca  as pautas, quen impón as directivas , mentres o goberno de Rajoy tenta xustificar o seu papel de comparsa  coa absurda carraca  de que a solución radica  en "recuperar a confianza dos mercados financeiros".

Ao parecer o propio de Guindos a pesar dos seus vínculos profesionais de outrora  non lle é  grato rememorar   que  en Estados   Unidos permitiron a caída  de Freddie Mac .Fannie Mae,  Lehman Brothers como a aseguradora AIG, e  que en razón  a esa  tallante  decisión  a súa economía soltou  o lastre que lle impedía a reactivación. Pois  neste país hase de aplicar idéntico método, e   se teñen  que caer  bancos  que caian;  o incorrecto, é tentar reestruturar  o  sector  aplicando  mecanismos  de uniformidade  como táboa de salvación sen distingos  de exclusión.

É necesario  non perder referencia da nosa historia financeira;  debemos ter   presente que os activos tóxicos   foron consecuencia  dos  "pelotazos urbanísticos" que por saturación expansiva,  levaron  á quebra  a multitude  de empresas e profesionais  con excepción  única  das propias entidades bancarias. Por iso resulta un contrasenso    a decisión  do goberno en limpar  a  inmundicia   de quen non soubo manter a hixiene na súa operativa  mercantil,  e ao final decida  instaurar  o banco malo con diñeiro público. Un  dispositivo creado  co propósito  de desinfectar  as entidades financeiras inviables, ao só efecto de adquirir os seus activos tóxicos para liberalas de impedimento e lograr que así  volvan dar crédito.

Unha solución  totalmente disparatada por canto a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb), que así se chama a nova montaxe con participación  estatal, sufragará a adquisición do paquete inmobiliario   aos bancos crebados, emitindo débeda pública  avalada polo Estado.  Débeda  que os bancos receptores  poderán   levar ao portelo do BCE e obter liquidez.

Por tanto, a fórmula  elixida  non fará máis que  agravar a situación, pois a tipoloxía  da  débeda con fianza estatal empeorará   a saúde financeira  do Estado,  acentuando asemade  as cargas sobre os contribuíntes que terán  de asumir a repercusión das mais que seguras perdas.  Resultando igualmente unha operación contraproducente, por canto con esa formulación non se conseguirá recuperar a capacidade de crédito, e obviamente hase de concluír  que sen investimento  a nosa economía  seguirá en caída libre.

No hay comentarios:

Publicar un comentario