15 ene 2012

POLÍTICA CUÁNTICA

PUBLICADO EL 24/09/2011/ EN: Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario
En física, a "teoría cuántica" puxo en cuestión a natureza da realidade na súa concepción clásica, outorgando protagonismo a aspectos analíticos máis versátiles como a probabilidade ou a aparencia; pero a pesar das contradicións xenuínas do permanente debate sobre a súa estrutura lóxica, co paso do tempo, resultou evidente que o empeño promotor da súa elite precursora, viuse correspondido pola consecución de extraordinarios resultados.

Haberá de confirmarse que a aplicación de tan debatida disciplina, foi a clave do excepcional desenvolvemento tecnolóxico e o factor impulsor dos vertixinosos avances de especialidades como a electrónica, informática ou o sistema de telecomunicacións, que sen dúbida, foron e son, o produto da medular transformación nos hábitos e costumes do armazón social.



Pero se por lóxica inducida, o referido ciclo evolutivo debese ir acompasado dos ritmos propios doutras constantes da nosa estrutura social, resulta, que contra prognóstico, nese ámbito estacionouse o tempo, e proba delo, é o contraste de atípica convivencia entre o distinguido avance tecnolóxico e a actitude parasitaria da clase política dirixente.



Expoñente significativo de tal criterio, é o inmobilismo funcional das organizacións políticas, que desde o seu nacemento coa instauración de sistemas democráticos representativos, até os tempos que corren, quedáronse atrasadas en razón ás súas propias discapacidades e desamaños, circunstancia que obriga un cambio radical no formato tradicional da súa función como representates da sociedade.



De antemán temos de dar por sentada a desconformidade de quen manteñen formulacións enfrontadas a este cambio, apostando pola continuidade do caduco modelo vixente. Pero non debe sorprendernos, pois resulta obvio, que os aproveitados, os profesionais dependentes por afectación de intereses, defenderán con uñas e dentes os privilexios e vantaxes que lles achega o sistema político actual, non sendo estraño a resurrección das cincentas e inservibles ideoloxías como arma arreboladiza contra os promotores reformistas a quen estratexicamente bautizarán como reaccionarios, inimigos da democracia representativa.



O que ocorre, é que o grao de quebranto da actual estrutura política como mecanismos de intermediación representativa é un todo manifesto que para maior abundamento ten como agravante o sinal de irreversible, podendo afirmarse sen risco a equívoco que a actual crise do réxime democrático constitucional coas repercusións derivadas, non é máis que o contaxio da propia crise dos partidos políticos caracterizada por un arcaico conceptual e unha mediocridade inherente, circunstancias que non reparan entre siglas.

Quen como representantes políticos, a través dos seus actos decláranse incapaces de liquidar os graves problemas do país, é evidente que eles non son a solución, senón a parte máis complexa do problema, co agravante que este procreo deixou de ser un aspecto conxuntural para tomar corpo de complexidade recóndita. O catalogo expositivo da multiplicidade do conflito é extenso e variado (un cambio económico perplexo, unha convulsión social progresiva, un paro excesivo, unha débeda externa no 170% do PIB, etc., etc.) e ante este espiñento escenario o noso representantes políticos poñen en práctica o alarde testemuñal como medida, pensando que, con cambios constitucionais, con fráxiles reformas laborais ou equívocas rectificacións fiscais, poidan chegar a transformar as ocorrencias en remedios.



Queda visto que os factores recorrentes que a través da historia foron utilizados como dogma determinante da localización nas diferentes correntes políticas, na actualidade, son palabras soltas dunha linguaxe superada e, asemade o maior dos anacronismos que o tempo real e o contexto socio económico tivese causado.

A herdanza remota do tradicional pensamento ideolóxico, ha de ser transformada a través dun proceso de política cuántica, cuxa meta ha de ter por obxectivo esencial crear unha transición do actual formato dos partidos políticos, para a súa conversión en estruturas corporativas, capaces de cumprir coas aspiracións socio económicas que a sociedade dos novos tempos demanda, e cuxo obxectivo supremo é alcanzar o estado do benestar de forma estable



.Pero ese obxectivo ademais de cambios conceptuais dos actuais criterios funcionais, require unha limpa na mediocridade dos seus compoñentes directivos, por canto, o éxito da metamorfose cuántica, esixe de partida unha condición selectiva , que non é outra que erradicar a impropia xerarquía derivada do control e dominio extensivo da masa militante, marcando alternativamente vantaxes a prol dun staff de homes e mulleres altamente cualificados, pois o tempo veu demostrar que ningún proxecto político resulta real, se o rumbo do seu destino establéceo o mais incapaz dos seus dirixentes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario