PUBLICADO EL 03/12/2011/ EN: Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario
Sería cómico imaxinar que a coincidencia cromática do fondo vermello e o branco do anagrama, fóra a razón argumental que inclina tendencia de afinidade institucional nas relacións entre o PSOE de Zapatero e o Banco de Santander de Botín, tampouco sería serio pensar, que dita tendencia obedecese á condonación da débeda morta e ao refinanciamento da débeda viva do partido socialista por parte da financeira de don Emilio.
Para eximir a alguén do cumprimento da pena imposta por sentenza xudicial, por tratarse dunha excepción de norma, tal decisión é obvio que teña de ser escrupulosamente calibrada e obrigatoriamente xustificada, non resultando de recibo, transformar o indulto nun deterxente para limpar os lamparóns da indumentaria salpicada polas charqueiras da inmundicia, que o propio afectado, foi causando no seu turbio itinerario.
Refugadas pois as hipóteses peregrinas e os supostos de dependencia, paradoxalmente, mais que claridade se acentúa o misterio á hora de localizar os fundamentos que seduciron a vontade do Consello de Ministros celebrado o venres día 25 de novembro, que a petición do Ministerio de Xustiza concedeu por sorpresa un indulto ao Conselleiro Delegado da entidade financeira cántabra Alfredo Sáenz, decisión que para maior despropósito, o Tribunal Supremo tiña pronunciado o seu desacordo, non estimando fundado que devandita concesión viñese amparado en razóns de equidade ou xustiza.
É difícil entender a aplicación de tal indulto a quen xudicialmente foi condenado pola comisión dun delito de falsidade no tráfico mercantil con prexuízos derivados a inocentes, cando o marco legal de aplicación de tal medida está reservado para casos excepcionais, que encaixen en supostos onde a desproporción entre a pena e o delito ou outras disparidades sexa un todo contundente.
No caso do Sr. Sáenz, a proba dos feitos, máis que unha medida de graza o que esixiría, sería o cumprimento estrito da sentenza co implícito da súa inhabilitación, por canto burocráticamente o indulto pode absolver da pena, pero eticamente, non devolve a honorabilidade perdida, e esa carencia, por máis parcialidade que demostre o Executivo de Zapatero, debese impoñer que o indultado fose apartado ipso facto do desempeño do seu cargo como primeiro executivo do Banco de Santander, pois tolerar o contrario, á parte dunha insensatez, é converter en papel mollado as esixencias legais contidas no Réxime Xurídico das Entidades de Crédito, quen por consecuencia mercantil e prestixio da actividade, prohibe de xeito concluínte a administración de entidades financeiras a individuos que teñan antecedentes penais por delitos dolosos, como resulta ser a situación do número dous do BS.
Pero esta chapuza que raia no inaudito, aínda por riba ten toda a tinguidura de estar infectada de nulidade, por canto estase despistando intencionadamente a coincidencia existente entre a titularidade da Presidencia do Goberno e a Secretaría Xeral do PSOE, obviando igualmente a existencia dun negocio bancario de refinanciamento da organización política, concertado, coa entidade da que o indultado resulta ser un alto executivo revestido de amplas atribucións e competencias.
O dilema está servido, pois os vínculos e as dependencias poñen de manifesto que Zapatero estaría incurso en situación de incompatibilidade, e por conseguinte, pola súa condición dual de presidente do goberno e máximo mandatario socialista, sumado á existencia vinculante da operación financeira, viría obrigado a absterse de intervir no acto de outorgamento do indulto, pois suposto contrario, a lexitimidade de tan rocambolesco acordo, deixaría a condición de dubidoso para tomar a categoría de cuestionable.
Coma se o resultado electoral non fose resposta dabondo, a despedida do goberno socialista non podía resultar máis patética, pois a través desta escapatoria veñen revalidar a licenciatura do disparate, cando de incógnito, sen xustificación nin argumentación posible, sen tan sequera gardar as formas, incorrendo en nulidade, deciden escandalizar a propios e estraños, e nun exercicio promocional de alarma social, determinan saír en auxilio dos intereses dun banqueiro e da súa contorna, que teñen no seu haber o demérito de ser parte da cadea financeira que pola súa avaricia e mala praxe, é parte directamente responsable do desastre económico no que está sumido o país.
Resulta incrible que tal feito aconteza, pero lamentablemente éche o que temos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario