15 ene 2012

O EFECTO DOMINÓ


PUBLICADO 07/01/2012 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario 

Mentres a clase política siga tomando por norma acudir en auxilio dos mercados  con diñeiro público, esixindo  á vez, maior esforzo fiscal do pobo que lle confiou o poder, manterase a crise dual, a de xestión económica e a de xestión democrática. Tan só cando mude o actual escenario de representación, freando a especulación financeira a través dun esclarecemento sobre a orixe e natureza da débeda e entre en escena  un   imposto sobre as transaccións financeiras, até daquela, este país verase incapaz de alcanzar a súa reactivación.

En razón á estabilidade ou desequilibrio da economía do país, a súa masa social ten maior ou menor capacidade para afrontar o esforzo fiscal que os seus mandatarios fixan como obrigacións tributarias precisas, para satisfacer, os contraídos adquiridos cos mercados acredores, ou necesarios no seu caso, para asegurar o funcionamento e prestación dos deberes do Estado.

En boa lóxica, o contraste de disparidade entre capacidade e necesidade, debese considerarse como clave antes de establecer novas opcións impositivas ou alterar á alza a fiscalidade das existentes, pois unha acción de goberno que a efectos contributivos grave a quen teñen esgotado o límite da súa capacidade de tributación, o único efecto que logran, é acentuar a situación de insolvencia dos afectados por diminución do seu poder adquisitivo e redución do nivel de consumo. Isto é así por máis que os políticos tenten camuflar a realidade individual do esforzo fiscal tras o biombo estanco da presión fiscal, pois mentres o primeiro afecta directamente ao peto dos contribuíntes, a segunda é unha variable entre a recadación fiscal e o PIB, sendo as súas oscilacións compatibles con subidas ou baixadas de impostos.

Matizado o anterior, hei manifestar o meu desacordo co novo inquilino da Moncloa, quen unha vez conseguida a meta da Presidencia do Goberno, toma camiño de revisión declinando finalmente asumir como propia a teoría de Laffer, e así, agora, o seu repetido discurso electoral de que a rebaixa de impostos introducía incentivos na economía, transformouse nunha declaración de intencións, un criterio inútil, como o demostra a realidade de ter optado pola subida fiscal como único método xerador do incremento dos ingresos do Estado, Autonomías e Concellos.

Claro que o paradoxo non pasa desapercibido , por máis que agora, téntese corrixir o cambio de posición argumentando que ditas medidas non estaban previstas e que a súa aplicación con carácter de urxencia obedece á necesidade de establecer a complementariedade precisa para cadrar o déficit real, que segundo se aduce, non foi precisado fielmente polo goberno saínte que ocultou unha grave desviación cuxa realidade sitúa o peche anual do sector público nun porcentual próximo ao 8%. 

Pois ben, coñecida esa inesperada realidade, previo a calquera toma de decisión, era obrigado, ademais de considerar o referido obxectivo europeo sobre a contención do déficit orzamentario, contemplar igualmente outros aspectos ou factores determinantes sobre a saúde socio económica do país, e así, precisar con rigor o teito ou capacidade fiscal levadío polos cidadáns. 

Para calibrar ese límite, obviamente, habería que pór no outro prato da balanza as particularidades negativas da nosa realidade como contrapeso determinante do esforzo fiscal admisible; e nese exercicio de compensación, era requisito inherente considerar que as familias españolas son as segundas mais endebedadas da eurozona, que o 21,8% dos seus fogares atópase por baixo do limiar da pobreza, que o mercado laboral nunha gráfica de constante caída ten superado o índice do 22% de desemprego. Conxugadas esas realidades que non antes, sería cando o novo executivo disporía dos elementos de xuízo necesarios, para facer prevalecer a consecuencia sobre as esixencias dos mercados.
Contra esa estendida cantilena, alimentada desde foros políticos manifestando, que os residentes do país pagan poucos impostos, pódese constatar que comparativamente cos países da súa contorna, os españois sofren unha imposición mais severa, sendo boa proba, que o esforzo fiscal soportado é superior á media da Unión- Europea, situándose o mesmo por encima de países como Inglaterra, Alemaña, Dinamarca, etc.

Aínda que é certo que a nosa presión fiscal sitúase por baixo da media europea, non é menos certo, que tal circunstancia é consecuencia directa do esborralle da actividade económica, por iso, en ningún caso os defensores de novas subidas impositivas, debesen ter a absurda pretensión de asociar interesadamente recadación fiscal baixa coa aparencia dunha baixa imposición. 

A solución do noso país non reside nunha elevación dos seus impostos senón na creación de emprego e potenciación da produtividade, e este que non outro, é o único método eficaz para elevar a recadación e recuperar o equilibrio orzamentario. É máis, a efectos de fiscalidade resulta inaudito apostar por un formato homoxéneo sen contemplar a diferente realidade que caracteriza os estados membros da Unión, pois iso a nivel xenuíno causará un efecto dominó que tombará as xa de seu escasas fichas que sosteñen a nosa debilitada estrutura económica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario