29 jul 2011

PERLÍO 1917. O ESTALEIRO


PUBLICADO Diario de Ferrol; sábado, 30 de xullo  2011
PUBLICADO La Región; sábado, 30 de xullo    2011
PUBLICADO Galicia Confidencial; sábado, 30 de xullo    2011
PUBLICADO La Opinión -A Coruña; sábado, 30 de xullo   2011






Se en 1913, o primeiro dos grandes cambios da parroquia de Perlío consúmase coa posta en funcionamento de forma regular do servizo ferroviario, que, a través da estación converteron o enclave ,  nun centro emisor e receptor de pasaxeiros e mercadorías; catro anos despois, en 1917, Ramón de Roque, de retorno da súa curta estancia en sudamérica, decide construír no lugar da Ribeira unhas modestas instalacións  para  o desenvolvemento de actividades vinculadas ao oficio  de carpintaría de ribeira, montaxe que foi explotado pola propia familia Aguilar  durante unha temporalidade próxima ao cuarto de século, posiblemente sen caer na conta  naquela orixe, que, o modesto establecemento naval familiar,  estaba chamado a converterse nun referente de renome internacional,  como así ocorreu co paso do tempo, a partir de constituirse  a mercantil Astilleros  y Talleres del Noroeste s.l.  ASTANO, no ano 1941,

Inicialmente a planta de modesta superficie, aproximadamente 13700 m2 (25 ferrados), situábase sobre do  promontorio natural comprendido entre a Xunqueira  do estuario do río Magalofes ao levante e as augas abertas da Ría a poñente. Pero  a envergadura da expansión e  desenvolvemento desta factoría, alterou de xeito importante a aparencia  territorial do bordo litoral, cunha  penetración ao interior terrestre a través de desmontes, delimitada por unha liña crebada  desde o seu arranque en As    Pías, até o seu remate en O Ramo (2,5 Km),. Igualmente  polo aterramento da marisma e a ocupación da ría por continuos  recheos, cuxa lonxitude en poligonal  litoral existente, alcanza   os 5,5Km, magnitudes ambas, que envolven  os  843334 m2  de superficie actual.
 
A intervención fabril, converteu en irrecoñecible aquela singular estampa dunha parroquia ribeirega, pois paradoxalmente, Perlío, que antes do actuado dispuña dunha fronte litoral de 1,6 Km de uso e goce civil, hoxe vive de costas á ría, por canto a única fronte aberta ao mar, represéntao un  pequeno peirao, cambiado de localización pola expansión da propia factoría, dado que o seu  emprazamento no ano 50 correspondíase coa prolongación en recto do tramo final da estrada de acceso.

Posiblemente, quen fose artífice do novo estaleiro, don José María González Llanos, cando exercía de director da  Empresa Nacional Bazánde Ferrol, desde a súa residencia estival naquela atalaia de Perlío que representaba ser  o chalé de As Pías, albiscase  con antelación unha panorámica futurista da factoría. Pero se o chalé da súa estival  residencia, desapareceu como un referente emblemático da nosa xeografía consecuencia da  ampliación do recinto fabril, igual camiño levou un taller de embarcacións menores emprazado na punta do mesmo nome, como multitude de leiras lindeiras, que unha vez desterradas pasaron a computar a superficie industrial.

Especial perda foi A Ostreira, unha moderna instalación marisqueira conformada por un edificio de estancia e laboreo, con ribeiregos  viveiros que quedaban á vista  en baixamar pero permanentemente  cubertos de auga;  esta instalación era propiedade de Aquilino Alonso, sendo  rexentado por unha fresqueira, resultado sorprendente o seu nivel de produción de bivalvos, por canto, na vía morta do almacén da estación, todas as semanas, inmobilizaba  un vagón de mercadorías procedente da fábrica de xeo de Ferrol, onde interiormente era revestido de cortiza  con achegue dun  macizo de  bloques conxelados no seu perímetro, en cuxo  interior a modo de vulgar conxelador cargábanse as ostras con destino a podentes  petos, de clientes de bo padal  residentes na  vila e corte.

Este repaso  histórico  do  pretérito  territorial, non resulta unha censura  extemporánea ás intervencións realizadas nunha contorna de alto valor ambiental, non sendo tampouco un alarde ecolóxico tardío,  por canto, contrariamente a outras actividades,  é elemental insistir  que a radicación industrial dos  espazos destinados profesionalmente á  construción naval levan aparellada a  veciñanza marítima ,  partindo desta  premisa, temos de confirmar que o resultado de ordenación logrado polos promotores,  desde unha óptica funcional,   foi  inmellorable,  podendo dicir sen empacho, que o estaleiro de Perlío, pola súa dimensión, prestacións  e organización  espacial, ten superado con nota alta,  o nivel de clasificación  do resto dos  enclaves navais de España.

O próximo 15 de outubro,  hai xustamente 70 anos  que se constituíu Astilleros  y Talleres del Noroeste s.l.  ASTANO, eran  momentos delicados na nosa historia, tempos das  miserias da   posguerra, sendo por iso a implantación da actividade ben recibida, por canto, á marxe da afinidade política dos seus promotores co réxime, súa instauración   viña de aliviar as penurias económicas e o desemprego colectivo da época, pois ben, á marxe da riqueza e progreso xerado no noso ámbito, o milagre naval de Perlío, foi catalogado polos opositores como un referente  do franquismo; por iso chegada a democracia, algúns  “desasistidos neuronais”  do cortexo político progresista, con  rosa en puño, por arelas de desquite contra da matriz ideolóxica   dos artífices proxenitores,   decidiron  cancelar o futuro do estaleiro.         .
!A sorte estaba  botada, e o veto europeo era a chave idónea para seu  peche !

Por esas lixeirezas, un sente ferida súa sensibilidade, máxime, cando rememora ter renunciado á aquela contorna natural en contrapartida ao  progreso e o emprego, e  agora  pasados os anos, nota  coma se a lingua do sarcasmo acódese pola porta traseira, murmurándolle sen palabras ao oído, que a estabilidade  de emprego da ditadura subtraeuna sen razón a democracia; e a verdade resulta patético quedar sen argumentos, pero a realidade  dos feitos achega como contraste, un estaleiro infrautilizado, e na rúa, miles de mozos en paro.
Xa que logo a verdade canta de plano, e por máis argumentos que se esgriman non hai razón solvente que xustifique semellante  despropósito,  e quen non teña capacidade para  por  remedio, por  viva forza,  está obrigado a baixar do escenario  pois nesta comedia xa non hai papel que representar.





No hay comentarios:

Publicar un comentario