PUBLICADO Diario de Ferrol; sábado, 2 de xullo 2011
PUBLICADO La Región; sábado, 2 de xullo 2011
PUBLICADO Galicia Confidencial; sábado, 2 de xullo 2011
PUBLICADO La Opinión -A Coruña; sábado,2 de xullo 2011
PUBLICADO La Región; sábado, 2 de xullo 2011
PUBLICADO Galicia Confidencial; sábado, 2 de xullo 2011
PUBLICADO La Opinión -A Coruña; sábado,2 de xullo 2011
Para analizar a complexidade de actual situación política do país, non utilizarei a recorrente frase de que calquera tempo pasado foi mellor, pois sen matizar o seu contexto, córrese o risco de darlle rango de certeza ao equívoco, por tanto, esa locución é preferible deixala para outros, quizá, son vocábulos máis axustados a nostálxicos de épocas idas, ou talvez, resulte apropiado como mensaxe doutrinal dos novos cachorros do totalitarismo, pero a un demócrata que se prece, élle limitado a utilización de semellante expresión como argumento das súas censuras, pois de incorrer en tal extremo, tomaría como propio, o risco de confundir o espírito crítico co sectarismo máis rancio.
No en tanto, por hixiene e funcionalidade democrática, sen perder a identidade, dunha vez por todas, habería que tomar compromiso decidido co futuro, a través de, solucións efectivas dirixidas a saír do grave aperto no que está sumido o país; pero aquí parece que ninguén está disposto a dar un paso á fronte, e os uns polos outros, prefiren mirar para o outro lado, mentres se entreteñen rascándolle as costas á memoria histórica , iso polo menos é o que se conclúe despois de analizar o último debate do estado da nación da presente lexislatura.
Observando a pobreza de contidos dos oradores, a vulgaridade intelectual de quen interveñen instalados na autoridade dun aparente liderado, parece coma se ao desastre económico, acumuláseselle o cómputo das insolvencias dunha clase política que á parte do seu descrédito xeneralizado, padece un exceso de permeabilidade facendo auga polas catro esquinas.
Iso é así, en razón a que a imaxe proxectada en sede parlamentaria durante o transcurso do debate, máis que fornecer dose de confianza aos cidadáns, acentuou a resonancia da alarma social, indicando que este país vive instalado na axitación permanente, dando unha imaxe de despreocupación, complementada coa estendida opinión que aquí xa nada funciona, e mentres este drama toma posición consolidada, súas señorías despáchanse falándonos da inseminación artificial dos arcanxos.
Como observadores externos deste último debate lexislativo, fomos testemuñas unha vez mais, do asiduo estancamento parlamentario, por canto o transcurso do mesmo, caracterizouse por unha constante ambigüidade, e total carencia de solucións alternativas aos grandes problemas que afectan a nosa estrutura socio económica, extremo este, que á parte dun descrédito institucional denota unha total carencia de rumbo, representando ser o maior impedimento para recuperar a confianza perdida e poder mirar o futuro coa mínima esperanza.
É evidente que desde a súa institución, este tipo de debates parlamentarios, en situacións de estabilidade sempre resultaron ser meros referentes estatísticos determinantes da penetración social das organizacións políticas da cámara, pero nesta ocasión, as dramáticas circunstancias que rodeaban o debate, por imperativo de preocupación e exercicio de responsabilidade, facían esperar un maior compromiso a través da proliferación de iniciativas e propostas de resolución sobre os aspectos mais sensible á caótica situación, pero quedou visto, que unha vez mais, a sensibilidade brillou pola súa ausencia.
Parece que súas señorías a pesar da complexa deriva, non toman responsabilidade dos seus actos, decidindo nesta ocasión , desaproveitar unha oportunidade excepcional, para sentar vía urxencia as imprescindibles bases de recuperación, e mentres o país vén abaixo, a clase política, nun censurable exercicio de inmadurez enceréllanse nun debate estéril, onde unha parte sitúa o seu empeño enfermizo en esgotar a lexislatura e a outra
aférrase en pedir eleccións canto antes.
E mentres iso ocorre en sede parlamentaria, o desemprego alcanza máximos históricos, bordeando a fatídica cifra de cinco millóns de desempregados, o investimento cae en picado sen que ninguén pareza decidido a crear riqueza dentro das nosas fronteiras, o peche patronal é unha constante sen suplencia, os mozos perden toda esperanza de atopar emprego.
Definitivamente, vai sendo moita hora de darlle unha oportunidade á sensatez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario