24 abr 2011

22 M: OPORTUNIDADE OU CONTRATEMPO

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado, 30  de abril   del 201






Coa celebración electoral na próxima xornada do 22 de maio, formalmente márcase un novo fito na historia do municipalismo, pois coa finalización da oitava lexislatura xa son 32 os anos de continuidade democrática das corporacións locais do noso país, notable circunstancia, senón estivese enturbada pola coincidencia no tempo co peor dos escenarios que viven as facendas publicas locais.

Desde os primeiros comicios do 3 do abril do 1979, por esa realidade evidente de ser a administración máis próxima ao cidadán, as competencias adxudicadas aos municipios sufriron unha alteración substancial, pasando da orixinal prestación de servizos básicos que determinaba o regulamento xurídico da época, á asunción das conferidas na  actual realidade, que converte aos entes públicos locais, en estruturas revestidas de xurisdición pero espidas de eficacia, por canto a asunción de novos labores desde súa orixe non foi asistido da transferencia ou habilitación económica necesaria.

Tal eventualidade propiciou un déficit inducido, que resultando ser sen paliativos unha incongruencia desde unha óptica financeira, aínda tendo en descargo a tipoloxía ou encadre social da súa razón xeradora, por canto os desaxustes orzamentarios na  materia, aínda provindo de actividades alleas ao marco de competencias, viñan empuxados polo desenvolvemento de actividades de primeira necesidade, emerxencia  social ou accións formativas ocupacionais, etc., etc.

Pero isto acontecía no período 79 -87, cando o expoñente de representación estaba conformado por uns persoeiros con entroncado compromiso social, por canto, na súa maioría foran parte dinámica do cambio ou transición, e por iso, nas súas actitudes políticas pesaba mais a inquietude e convicción que o interese crematístico.

É a partir desa etapa cando salvo contadas excepcións, na gran maioría de municipios, as políticas de contención do gasto público antóllase inexistente, ao proliferar o malgaste sufragado sobre contraídos de endebedamento que paradoxalmente foron  utilizados para custear o gasto corrente, método, que converteu as fisuras contables de tempos pretéritos en anécdotas irrelevantes.

Nacía pois a fase negra do municipalismo, onde os representantes políticos rompían a moderación do gasto do período anterior para instaurar o endebedamento anacrónico como norma estable, e por riba, o mercantilismo  da actividade política sobre emolumentos excedidos co acompañamento desaforado dun tropel de liberados, asesores e cargos políticos de confianza.

Agora cando se aveciñan os novos comicios, é obrigado arquivar o guión da fantasía utilizada polos artífices da desfeita, pois a tempo presente, lamentablemente en razón os excesos cometidos, a insolvencia dos municipios toma dimensión xeneralizada, existindo casos no noso ámbito xeográfico, de circunstancias extremas  que delatan ás claras situacións de quebra técnica, véndose recentemente obrigada a Federación de Municipios a mediar, para que certos concellos puidesen satisfacer o pago das nóminas do seu persoal.

Pero se a antesala dos comicios debese ser tempo reflexivo para erradicar a insensatez e marcar un distingo para o futuro dos municipios, resulta que contra toda lóxica os candidatos concorrentes colgan o código ético na percha da aparencia e por cativar o voto seguen escamoteando a realidade os electores. 

Parece coma se alguén se negase asumir que en todo o que ocorre neste país a crise ten un  papel estelar, por iso, pensar que os mercados financeiros que se cebaron sen compaixón desde mediados do 2008 coas economías domésticas e o trenzado produtivo, ían pasar no bico dos pés sobre as contas dos concellos, só podía ser concibido polos obxectores  de testemuños, que resultan ser, os mesmos que manteñen un trato discriminatorio ás corporacións locais.

Un dos maiores responsables da situación correspóndelle a un asiduo visitante, que en época electoral parece sentir un especial atractivo por esta comarca e refírome ao vicesecretario do PSOE, Sr. Blanco, quen é consciente que a crise politicamente excedeulles, xa que logo, como  súa incidencia é letal para os réditos do seu partido, o debate sobre a mesma debe erradicarse.
Por tal motivo desde as competencias que lle atribúe  súa xerarquía, promoveu un cambio na estratexia electoral do PSOE consistente na supresión de toda  referencia á precaria realidade económica do país, e xa que logo á dos  concellos. 

Mais, a  quen    non lle agradan as medias tintas e moito menos a falsificación do evidente, considera,  que mais que ocultismos neste asunto, resulta absolutamente inaprazable a posta en marcha dunha actuación transparente e urxente, para instaurar un novo sistema de financiamento local que proporcione suficiencia e autonomía económica  para os entes locais.

Mire vostede Sr. Blanco, para engano xa abondou co veto de Astano, agora xa non está o alcacer para gaitas, e recórdolle  que o único que historicamente  negou o pan e a sal a esta comarca foi súa organización política, e dicir, o PSOE.

15 abr 2011

PÚBLICA OU IMPÚDICA

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado, 16 de abril   del 2011



As resolucións da contratación pública na nosa Galicia, cheiran a podrecido, por iso resulta urxente a constitución dun órgano de inspección que aleatoriamente verifique e contraste as actuacións das Mesas de Contratación, arrogado de facultades para a suspensión do procedemento de licitación no suposto de irregularidade manifesta e atribuido de facultades para  dar traslado á xudicatura.
..........................................................................................................................................

As noticias divulgadas unha vez levantado o segredo do sumario da escandalosa operación Orquestra e transcendido o contido detallado do mesmo, obviamente, a calquera empresario que concorra aos procedementos de contratación das administracións públicas, impónselle como mínimo un exercicio de reflexión sospeitosa, por canto, a inconcibible natureza dos feitos convértese en factor detonante de alarma social. 

 Se por avatar ou coincidencia descubriuse unha trama corrupta de adxudicación de obras burlando a esixencia do cumprimento regulado dos procedementos administrativos, por inercia, tan accidentada continxencia xera a natural desconfianza que proxecta un sentir de receo xeneralizado, deixando en dúbida a concepción de excepcionalidade casual, albergando cabida a pensar que tales métodos ten sinal de práctica usual. 

 Os sorpresivos acontecementos que en primeiro termo aparentaba ser unha cortina de fume sen demasiada consistencia, para sorpresa de veciños e estupefacción xeral, traduciuse non só na implicación duns crápulas metidos a políticos exercentes de alcaldes e concelleiros, senón que a dimensión e escala do entramado, aparte, arrastrou ata o esterco da indecencia a técnicos e funcionarios municipais, sobre os que se desprende participación activa como artífices nas turbias manobras de infracción dos procedemento de contratación a favor dunha empresa adxudicataria, que en pago, satisfacía suculentas peaxes como pago de favores polos tratos de vantaxe recibidos.

 Tamaño quebrantamento non fai máis que incrementar o grao de desconfianza que envolve a contratación pública, resultando que con anterioridade aos referidos acontecementos da Costa da Morte, a detección de irregularidades procedimentais na baremación das ofertas de licitación resultaba un todo habitual, sendo sistemático a comisión de arbitrariedades na pluralidade institucional, que por se mesmo supón a inobservancia das determinacións que establece a lei 30/2007 de Contratos do Sector Público. 

 O encontrón entre a teoría e a praxe resulta palpable, transcendendo sorpresivamente o regateo de deberes contractuais que por imperativo legal teñen condición de obrigado cumprimento, resultando pasmosamente contraditorio, aspectos como: 
 A adxudicación sen recoñecemento de audiencia a licitadores en situación de baixa desproporcionada - a incorporación de ofertas excluídas previamente durante a apertura do sobre económico, cando xa era de público coñecemento a puntuación do sobre técnico - a alteración de puntuacións sobre alegación de erros materiais de cálculo - a ocultación dos resultados de valoración nas plataformas de contratación - etc, etc.; aspectos estes que transfiren aos procedementos, nulidade de pleno dereito, sendo sorpresivo que por parte das asesorías xurídicas das mesas de contratación, non se promova a advertencia preceptiva sobre desaxuste a determinacións legais.

 Pero se a tramitación adoece do rigor necesario, resulta cando menos máis sorprendente o uso e abuso que as administracións públicas utilizan á hora de seleccionar a modalidade de contratación, impóndose sobre maneira, a tipoloxía do procedemento negociado cuxo contrato é adxudicado a empresario elixido pola propia administración contratante que paradoxalmente resulta recaer en empresas foráneas, é dicir, que foron seleccionadas polos representantes políticos noutras partes da xeografía, sen considerar as empresariais de radicación xenuína que resultan estar exclusivamente para pagar os impostos. 

 As administracións, debesen obrigarse consultivamente á opinión das asociacións empresariais como representantes da masa licitadora, a fin , de determinar os sistemas de contratación, que salvo excepcións xustificadas, como regra xeral, debese estar presidido polo procedemento aberto como garantía do principio de publicidade, transparencia e concorrencia que debe rexer a contratación pública. 

 A xulgar polos repetidos escándalos, as administracións públicas non poden ser a ultima peza da resolución contractual, por canto tal circunstancia como queda farto demostrado deixa chave aberta á comisión de excesos, irregularidades e corrupcións, sen que os prexudicados teñan garantido seguridade xurídica dos seus dereitos en vía administrativa, por canto, na actual conxuntura pódese dar a dicotomía, que quen incorre en delito teña atribucións conferidas para a resolución do recurso potestativo de reposición.

 Por todo iso resulta urxente a constitución dun órgano inspector, cuxos compoñentes, de modo aleatorio e por método de sorteo, sen previo aviso, acúdan á institución que resulte, ao fin de supervisar os expedientes de licitación antes da adxudicación definitiva, verificando o actuado polos membros da Mesa de Contratación (rama - técnica, xurídica e política), debendo estar atribuidos de independencia funcional e competencias de traslado á xudicatura se as circunstancias inducíseno. 

 Os muros que deslindan o ámbito das institucións non poden resultar infranqueables, debendo considerarse esta iniciativa inspectora como unha fórmula de apertura á transparencia, e tamén, como un eficiente e necesario antídoto para políticos e funcionarios con descoidada moralidade.

9 abr 2011

DESCOIDADA COMPOSTURA

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado, 09de abril   del 2011




Consello a visitantes

Cando encasillamos noso pensamento na ambigüidade discordante entre dereitas e esquerdas, a neutralidade analítica sucumbe ante o delirio tendencioso, e nosa capacidade critica,  é suxeito dunha  parcialidad exaltada que incrementa intransixencia e limita a razón.

 Xa que logo, se o lector non ten superado esta dicotomia, mellor non siga lendo o contido do presente, pois se o fai, seguro que no seu implícito apareceránselle os demos  dos seus arrebatos, que situarán a este  autor, na bifurcación  bautismal como retrógrado ou  sublevado.
...............................................................................................................................................
ARTIGO DE OPINIÓN

A historia que á fin e ao cabo é o resultado de conxugar o pluscuamperfecto en tempo presente, achega as efemérides con certa aureola de terxiversación, cando os actores participantes nos acontecementos consideran que a exactitude dos feitos pode prexudicar seu prestixio e renome, ou cando ven rodeada de circunstancias que poidan influír negativamente na reputación ou integridade dos membros dun entramado de poder.

Por iso á historia hai que deixala pousar, ocórrelle como ao bo reserva, canto mais envellecido mellor se antolla súa calidade, claro que tamén a tendencia  neste caso establece distingos  substanciales, pois mentres a historia ten versións variadas en función do seu  interprete, as excelencias do viño tan só pode adxudicalas colexiadamente o selecto padal dun prestixioso sumiller. 

Contando que meu nivel como catador, ten como maior virtude a limitación de percepción de exquisiteces e a negación en saber determinar o ano de colleita, é por iso, que prefira decantarme por traer a colación aspectos da nosa historia contemporánea, e por razóns que se concluirán, o protagonista desta relato sae do anonimato temporal para tomar corpo de actualidade, refírome ao ex-ministro de Economía e ex-comisario de Asuntos Económicos e Monetarios, Pedro Solbes.

Este coñecido profesional das finanzas, ten no seu haber a enoxosa deshonra de ser o responsable directo da deterioración económica do noso país, e non tanto como promotor causante dos factores inductores, senón como artífice directo, ao promulgar aos catro ventos a inexistencia da crise, cando correspondía estar tomando medidas paliativas para a estabilización e contención económica.

Pasado o tempo, agora sen ambaxes é a propia historia quen vén destapar a manipulación da realidade, o esperpento daquel deleznable debate televisivo pre electoral, no que as sombras impuxéronse ás luces, e onde o presumido prestixio do responsable económico do goberno quedara en evidencia.

Resultaba pois, que aquel sexaxenario alacantino que negara incorporación militante ás siglas do PSOE, actuou dando cobertura á ambición dunha vicepresidencia e a vanglória  ministerial, e así, a través de subterfuxios e fantasías, logrou cativar a vontade dos electores e con iso prorrogar a estancia socialista no executivo do estado.

Aquele despropósito audiovisuai, publicitado dramaticamente como lección maxistral, tivo na persoa do presidente do goberno o alumno máis avantaxado, por canto cos seus feitos demostrou ser o primeiro convencido e proba diso foi a súa contumaz negativa en admitir a existencia da crise, ata que o imperativo externo impúxolle un obrigado encontro coa crúa realidade.

Ao astuto Solbes falloulle a táctica, e o que fora unha estratexia electoral converteuse no bumeran do seu propio cesamento, pero aparte daquelas xenialidades de caducidade extinguida, durante súa estadía no executivo de Zapatero, hai un aspecto relevante que quedou difuminado no tempo e por razóns coincidentes co divulgado futuro profesional do ex ministro de Economía resulta obrigado activar.

Recordarase a posición de Manuel Conthe presidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) no conflito de Endesa, cando manifestaba para público coñecemento que o organismo regulador, tiña recuado,  dando marcha atrás na súa decisión inicial de sancionar a Enel e Acciona pola súa estratexia na toma de control da eléctrica española.

Por devandita razón en consecuencia, Conthe, deu un exemplo de integridade e fixo o procedente, e decir, o que no se fai neste país, que non foi outra cousa que  presentar súa dimisión irrevogable, cuxa consecuencia desatou que os mentideiros chegasen insinuar que o expediente iniciado polo dimitido contra Enel e Acciona por fraude de lei, fora suxeito dunha vendetta do seu propio valedor que resultaba ser o vicepresidente Solbes.

Aquela rocambolesca operación ateigada de intervencionismo con tolerancias políticas, aquiescencia dos órganos reguladores, fraccionamentos e pingues dividendos, resúmese con dicir, que noso maior referente enerxético, nun contrasenso sen precedentes, en formato de regalía foi a parar a mans do capital público italiano, Enel.

Pero esta complexa historia achéganos un novo desconcerto, cando a tempo presente  os medios informativos fan público  a sorpresiva noticia que a firma italiana Enel premia a Solbes cun posto no consello de Administración da compañía enerxética, argumentando como xustificación, que a incorporación do ex ministro achegará moito valor á composición do Consello e a Enel, por canto a compoñente española  na mercantil  é moi forte.
É obvio que sobran insinuacións, pero visto a lameira na que sumiu a economía española, non creo que dito nomeamento obedeza a un recoñecemento de eficiencia profesional, mais ben dá que pensar perversamente.

De calquera xeito,entendo que  a discrepancia non debe estar enemistada coa educación e boas maneiras, xa que logo, vaia por diante miña felicitación polo éxito acadado..!


1 abr 2011

FENE VAISE A PIQUE

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado, 02 de abril   del 2011



É de todos coñecido que os políticos locais para non incorrer en despropósitos ou incoherencias en materia de lexislación, teñen garantida asistencia a través dun staff de funcionarios de carreira, dispostos a impartir asesoraría técnico - xurídica nos procedementos administrativos de cantas actuacións e acordos promovan os gobernantes, séndolles obrigado igualmente advertir aos membros do executivo municipal dos supostos de ilegalidade, cando estes, veñan dispostos a realizar actos ou contraer compromisos desaxustados do ordenamento xurídico. 

Nun concello onde o sistema de relación institucional entre os representantes políticos e o corpo de funcionarios resulta ser apropiado, a estabilidade acompaña a vida municipal e os resultados tradúcense na inexistencia de infraccións, e xa que logo, a limpeza dos procedementos é inmaculada; pero se circunstancialmente o concello en cuestión correspóndese co de Fene, entón, ocorre que por acción ou omisión, a súa maioría de esquerdas, “progresista de comenencia” PSOE, BNG e EU, confunden interesadamente meridianos con paralelos e esta alteración de coordenadas sitúalles nas antípodas da legalidade. 

Nesta planificada confusión, todo apunta á inexistencia de informes preceptivos dos técnicos competentes, carencia, que sen estar exenta de responsabilidades, aparenta ser o amparo político para promover impunemente, vía temeridade, unha ampla sucesión de actuacións desaxustadas a dereito.

Pero se transcende como contraditorio que tales circunstancias ocorran nun concello gobernado historicamente por unha esquerda, cuxos membros na oposición
fanse copartícipes de  infraccións, mentres alardean de valores sociais e conduta política intachable, mais contundente  resulta precisar, que a repetida inobservancia, ademais  da implicación do propio Alcalde como máximo mandatario e demais membros do seu goberno, ten na persoa do concelleiro de urbanismo seu máximo causante.

Agora a este edil, pertencese que non á Comisión de Goberno, aparte da esixencia de responsabilidades derivadas de supostos actos de ilegalidade, antóllase obrigado resucitarlle súa condición de
cabecilla na cruzada interposta noutrora contra o veciño concello de Mugardos, polo outorgamento regulado e axustado a disciplina da licenza para o asentamento da planta de Reganosa. 
Toda unha mostra de inconsecuencia por canto nun exercicio de imprudencia, agora, vén destapar que súas denuncias a terceiros entraban en colisión coa anarquía que sustenta seu  facer en propio feudo.

Aquela desmaña moral sen fundamento, utilizada para levar seus antecesores ante os tribunais con resultado de absolución, os falsos testemuños contra os seus opositores instigando quebrantos persoais e o todo vale usual, foi o método que presidiu a turbia conduta de quen leva na súa xenética política, identidade desertora, léase senón a súa mutación militante.

Baixo esta tutela, en Fene veuse de  substituír a disciplina pola arbitrariedade, e o Plan Xeral de Ordenación como carta magna determinante das directivas  do facer municipal, atropélase a cotío, sentando precedente súa aplicación cando compete a intervencións públicas, por canto, goza dun singular código de tolerancia que converte en atípico o planeamento xenuino, razón que recomenda urxente intervención fiscalizadora e correctora en evitación de danos e prexuízos derivados.

Coa autoría do goberno local do PSOE e o silencio cómplice do afín compadreo de EU e o BNG, tanto se posibilita achicar a sección viaria dunha travesía urbana de alta densidade, como camuflar unha actuación de nova apertura tras un expediente de rebacheo, diversificando disparates coa entrega a un terceiro de solo público sen probada pertenza nin titulo xustificativo de propiedade, ou para superar o colmo do paradoxal, ser a propia administración quen a través dunha adxudicación de obra, semella ter utilizado diñeiro público para realizar actuacións de carácter privativo. etc.,etc.

Non deixando ser un feito colateral, a coincidencia, que os beneficiarios de certas atrocidades urbanísticas, manteñan relación parental con activos militantes da esquerda municipal.

Pero se o ata agora consumado reclama luz e taquígrafos en vía de expurga de responsabilidades, resulta que o marco das inconsecuencias non ten moderación, sendo capaces a tempo presente de sacar a exposición pública proxectos de rango supra municipal que contraveñen o réxime normativo. 

Fene, que urbanisticamente ten navegado desde o ano 79 con ruta fixa e probada estabilidade, nos últimos tempos, coa toma do mando dun inexperto capitán e o enrolamento dunha tripulación sen oficio, polas súas malas artes de estiba, corréuselles a carga, provocando unha perigosa escora a babor que ameaza con botar a pique aquel navío que en razón da súa eslora, fora o buque insignia do municipalismo galego.

Con semellante historial, a confianza electoral na esquerda, resulta lóxico cotice á baixa.


25 mar 2011

O CACIQUISMO VIRA Á ESQUERDA

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado, 26   de marzo  del 2011
Ademais dunha obviedade perceptible, resulta contrastable o feito que as infraccións urbanísticas descenderon en razón á inactividade do sector inmobiliario, e como queira que actualmente a función se encontra en situación de parálise irremediable, aqueles repetidos titulares de prensa denunciando reiteradamente escándalos urbanísticos encadeados, teñen pasado  a formar parte da hemeroteca; pois agora en aparencia, o inexistente desenvolvemento territorial resulta ser sostible e o desuso dos recursos naturais aparentemente un todo racional, sarcásticas  circunstancias, que sumadas á decadencia de especuladores, habería de ser remedio abondo para poñer en clave de historia lexendaria a axitada situación urbanística de épocas pretéritas.

Pero ironías á parte, o que a tempo presente resulta lastimosamente incontestable é que a pesar do estancamento inmobiliario, na nosa comunidade os supostos de vulneración da legalidade urbanística seguen sendo cabeceira dos medios informativos, coa diferenza, de que agora a paternidade da súa autoría non recae no clásico prototipo representado por un suxeito mercantilistas de moral despistada e ambición desmedida, senón que na actualidade, a paternidade vén a recaer, en quen, polo seu distinguido rango político debese ser un expoñente exemplificante para o conxunto da sociedade e que de orixe tería que supoñérselle libre de toda sospeita.

Pois ben, á vista dos particulares circunstancias que envolven a nova realidade urbanística, podemos referir que resulta inaudito, que os que ostentan cargos de responsabilidade nas institucións públicas, e polo tanto son obrigados vixilantes do cumprimento do marco normativo, contrariando tal obriga, se posicionen o extremo oposto tomando parte da comisión do delito.

Pero a xulgar polos feitos tal controversia leva implícito o acompañamento, da alarma social que se manifesta cando a pesar de incorrer en vulneración, o político asociado aos acontecementos, en vez de asumir o seu erro de inobservancia da disciplina urbanística, defende no seu descargo o criterio de que non toda infracción urbanística debe dar lugar á comisión dun delito, e se tal se tal argumento senta aceptación de defensa, o agravio comparativo está servido e por extensión a iteración mimética do delito será unha constante.

Aquí non caben tratos preferentes e por conseguinte sobran pretextos e subterfuxios, o que un político ha demostrar no seu exercicio de defensa da cousa pública, ha ser viva manifestación de rectitude e integridade, non esquecendo, que urbanisticamente aos cidadáns da pé soamente se lles sanciona administrativamente, pero cando son os responsables políticos quen incumpren impútanselles delitos de prevaricación.


A presunción de inocencia é unha xeneralidade sen pertenza expresa, á cal ten dereito de acollemento mesmo quen realiza actuacións urbanísticas nun pazo da súa propiedade sito no ourensán concello de San Amaro, aínda que para iso, non dispuxese da preceptiva licenza de obras como acto regulado, nin tampouco tivera  liquidado as taxas acorde á base impoñible do investimento efectivo.

Asístelle igualmente o dereito a facer caso omiso das inspeccións legais, intentar evadirse da disciplina urbanística e a manifestar que patrimonialmente está a ser obxectivo dunha persecución política, pois a xenialidade da presunción de inocencia achega estas grandes vantaxes, e a grandeza da democracia admite que un personaxe con semellante curriculum sexa o máximo responsable da oposición no parlamento de Galicia.


O verdadeiramente antagónico é que todo este aparato teña a súa orixe en terras de Ourense, provincia á que os socialistas teñen  bautizado como a fabrica do caciquismo da dereita, pero que a xulgar polas peripecias do seu líder, parece existir un natural trabase á esquerda.

En resumo, ante a satisfacción colectiva de socialismo galaico e a condición valedora do ministro Pepe Blanco, non serei eu quen exerza de intruso en cuestións internas e cuestione a solvencia apropiada de Pachi Vázquez, tan só comentarei que tamén o PP tivo un tal Hernández Mancha e a xulgar polos feitos sempre hai un roto para un descosido.

O que resulta incuestionable á marxe das anécdotas, é que a protección da legalidade urbanística, ademais do plano xurídico, debese vir arroupada por un código ético e a observancia estrita ás determinacións dos plans urbanísticos, evitando o que acontece nesta bisbarra, onde algunha  administración responsable á parte de non exerce súas potestades participa e tolera situacións de grave ilegalidade urbanísticas, pero sobre iso falarei na próxima entrega.

21 mar 2011

DESACOUGO E TRISTURA

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado, 19   de marzo  del 2011








In memoriam -  Manuel Galdo Allegue

Desde seu nacemento na Pallota de Perlío, pasou un longo período de 93 anos, é dicir, toda unha dilatada vida. Tivera unha infancia modelada polas limitacións materiais  propias das carencias dos anos 20, compartindo xogos e inocentes trasnadas cun irmán  maior  quen accidentalmente non superando a nenez ausentárase  a temperá idade da súa compañía; aínda que  os seus pais tiñan casado a idade tardía, non lle regatearon afectividade, ao contrario, como accidental fillo  único dedicáronlle integras  atencións, maiormente súa nai, por canto seu pai deixáralle orfo cando contaba só con dez anos.

Súa estrea á adolescencia marcou traumaticamente seu futuro, xa que  nunca asumiu inaugurar ese período, cambiando o seo materno por un mosquetón na  fronte de Teruel, participando nunha confrontación bélica deslavazada,  onde lle encomendaron un exercicio de morte e destrución,  que resultaba ser, a antítese  do seu carácter dialogante e pacífico, co agravante  que mentres permanecía como recruta forzoso nesa avanzada belixerante,  os milicianos locais poñían seu empeño en subtraerlle o patrimonio á súa nai indefensa.

A participación obrigada naquela contenda atroz xeroulle  un pesadume  perenne, e as actitudes de rapiña dos fascistas lugareños,  alimentaron súa aversión contra o fratricida alzamento  nacional,  que sumado aos  excesos e desenfreos do réxime, proxectaron  na súa persoa  unha conciencia crítica e opositora.
Consecuente coa súa integridade conxénita e un arraigado carácter indómito, non tomou partida das vantaxes que o sistema reservaba aos acólitos  combatentes que lograran o  triunfo naquela  infame guerra civil, mantendo tácitamente  unha discrepancia silenciosa cara á triunfal ditadura. 

Por iso, as miserias da posguerra comeunas de cheo coas desvantaxes de calquera  outro perdedor,  e así, xa casado coa que foi  a súa compañeira de sempre lograba sobrevivir  cun salario  de escaseza, cargando barcazas de area ao fondo da ría. Ingratos e longos anos aqueles, para quen con risco da súa vida e contrariedade dos seus principios,  arrincaran  da súa casa para defender  a patria  baixo as  ordes autoritarias duns  golpistas iracundos

Pero por se  as adversidades belicosas que acuñaron  súa mocidade non  fosen dabondo, a desgraza  deparáballe  un novo castigo, e cando o 22 de Xuño de 1943 estoura a polvoreira de Caranza,  o embrión da súa primoxénita  viuse prexudicado consecuencia do pánico e angustia da súa esposa embarazada. Aquela criatura nacería  fráxil como o cristal, e por tanto,  a esa filla habería de dedicarlle sobre maneira, unha afectividade e tenrura excepcional,   uns coidados especiais; dolorosa  circunstancia que impuxo ao  seu futuro constante dedicación e permanente dependencia.

 A pesar de todos os contratempos, marcouse así mesmo seu propio método  de superación continua, caracterizado, por non deixarse vencer polos infortunios, aplicándose como antídoto, unha  disciplina vitalista e unha perseveranza encomiable.

 Pero con todo o  cúmulo de quebrantos, na súa idade adulta  mantivo un enérxico  espírito reivindicativo e  contestatario, e naquela mancada década dos anos 40, cando a crueza do réxime franquista impuña submisión, en réplica   á percepción duns salarios de fame,  non dubidou encabezar  como traballador da factoría Astano, a primeira folga de brazos caídos, que deu por resultado, a creación do economato de produtos básicos a prezos coherentes

Era unha persoa con ideais arraigados,  pero  sen militancia nin vinculación política determina,  aínda que, adoitaba exteriorizar  unha tendencia  a prol do que el autodefinía como socialismo esencial diverxente, unha  descrición cardinal para marcar o distingo con quen utiliza a doutrina socialista como cobertura de comenencias,  amparo  de excesos e especulación de prevendas.

A inquietude  polo coñecemento  e a cualificación, o empeño polo saber foi lema e obxectivo permanente na súa vida, e así,   era capaz de traer  a colación  aos  clásicos gregos, transmitir explicacións de agricultura, instalar un aparello de radio, tallar un busto como moldear  un ornamento en cobre.   Desde súa modestia exemplarizante,  ocultaba un virtuosismo palpable e consistente que mantiña  súas tendencias e satisfacía súa sinxeleza. 

Durante súa longa vida fíxose acompañar  por un carácter infatigable, probada grandeza  de valores, conduta   intachable  e manifesta  integridade.

Foise un ser exemplar, aquel home que sendo miúdo tiña a talla humana dun xigante. Aos seus descendentes  quédanos a tristeza que deixa  o vacio da súa ausencia, pero tamén,  a pervivencia  inesquecible  de ter disfrutado  da súa excelente  compañía.

10 mar 2011

O SOCIALISMO E A ENCRUCILLADA ECONÓMICA

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado, 12   de marzo  del 2011




O paro,  é a vida sen oxíxeno...afoga!
Despois de  practicada a eutanasia  activa  que deu ao traste coa pervivencia  do noso sistema económico,   os artífices que propiciaron seu  óbito forzado, reaparecen agora inactivos pero electoralmente crédulos, agardando que a través dun milagre de resurrección, volva tomar vida  a  recentemente incinerada  sociedade de mercado. Á vista desta emulsión de fantasía e pasividade, todo apunta que os cirurxiáns  responsables da  circuncisión económica do país,   quedóuselles o futuro na mesa de operacións  sen que se agarde parto  ou procreo  que achegue   solución alternativa.

Neste vodevil economicista as aparencias enganan, pois de orixe despois dos seus anunciados brotes verdes, a impresión inicial era que a xefa de planta do policlínico económico da  Moncloa,  sabía  o que se traía entre mans á hora de establecer diagnose para a reactivación da delicada situación que sufría a economía do país, pero a xulgar pola nula evolución do paciente, é evidente que a ministra Salgado non satisfai as expectativas de cualificación e eficacia que  demanda  tan  complexa  situación.

Haberá de engadirse  á ineficacia da responsable económica,  o empeño colectivo do executivo socialista, tentando  evadir responsabilidade e  exculparse da deterioración da  situación, aducindo, como absurda xustificación a  manida cantilena  de imputar á globalización e demais andrómenas  como argumento   causante dos acontecementos.

Pero o verdadeiro guión do discurso é outro, e inicia,  descubrindo que a    función política mal administrada ou  exercida  por indocumentados  carentes  de clasificación,  adoita derivar por camiños impropios e arroxar resultados  acordes á insuficiencia precursora, e así, como xa ocorrese  na anterior etapa de goberno socialista, a carencia do concepto de Estado e a inxerencia indebida, provoca que por inmadurez asociada  e  ánimo fiscalizador, propáguese a posta en práctica de decisións  inoportunas, como foi, o despropósito de substituír  o funcionamento da  economía de libre mercado por políticas  económicas mixtas de marcado tinguidura  intervencionistas.

E como era lóxico,  con semellante desacerto o desastre non se fixo esperar  e ao terceiro ano de mandato, cando botada a casa pola xanela os nefastos  resultados do método  económico implantado xa eran coñecidos, no canto de modificar o rumbo e evitar o desastre, ocultouse a realidade enganando ao electorado a fin de lograr o seu apoio e  revalidarse  no poder.

Aquel acto de frivolidade falsificatoria, aquela intromisión excedida  do executivo estatal na economía do país tivo o efecto dunha sentenza condenatoria, cuxas  desagradables consecuencias  estamos  a pagar  na actualidade con alto custo e rigor disciplinario, agravada, coa  incerteza que outorga  unha temporalidade reactivadora  indeterminada polo “sine die”.


Con tan absurdas manobras de control  e ornamentais maquillaxes, lograron engatar  aos  cidadáns e conquistar o seu voto a base de astucias, pero a sorte estaba botada e os socialistas na súa orbita de prepotencia e endeusamento, esqueceron  o esencial, tal é, que a efectos económicos, o mercado funciona ben, cando se lle deixa funcionar só, e iso sábeno  á perfección os expertos partidarios do “laissez faire”, que aínda recoñecendo como inevitable a intervención do sector público na economía, manteñen  o criterio  que súa inxerencia directa no mercado debe  remitirse a mínima imprescindible.

O executivo estatal non debese  extralimitarse en labores,  circunscribindo a súa participación en materia económica á optimización das condicións de estabilidade apropiada e favorable para o funcionamento sector privado, que debe ser, o referente por antonomasia de xeración de emprego   e sostén  incuestionable  do noso modelo económico.

Non caben mais ensaios,  pois o calibre do exceso cometido, trastornou o plano das solucións,  e o que podería resolverse  con medidas consonantes  a circunstancias conxunturais, excedeu a súa escala para transformarse nun problema estrutural  de complexa solución, sendo tamaña a desfeita,  que as medidas aplicadas para a reactivación non deixan ser panxoliñas de eficacia limitada, pois ademais das medida monetarias, fiscais e de redución do gasto público, a situación esixe reaxustes e diversificación  dos sectores productivos e sobre maneira, de medidas perentorias  paliativas da degradante  situación de desemprego.

A herdanza  do nefasto intervencionismo  do Executivo do PSOE na  economía, indícanos, que para participar nos mercados  hai que saber fixar o método apropiado para  conseguir o obxectivo previsto, e que tal cualidade non a outorgan as urnas,  por algo os empresarios  non se forxan nun plebiscito contrariamente aos socialistas, quen chegados ao poder e  metidos a economistas, demostran ser capaces de derrochar  a riqueza, pero incapaces de creala.

3 mar 2011

POLÍTICA, URBANISMO E FISCALIDADE

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado, 5  de marzo  del 2011






Galicia precisa   pór en valor súas capacidades intrínsecas  e para iso é necesario o ordenamento das súas potencialidades, pois a crise,  ademais  de sumirnos na complexidade,  puxo de manifesto a caducidade do sistema operativo existente   e a entrada en escena dun novo ciclo. O establecemento  dun formato socio - económico heteroxéneo é a única fórmula  capaz  de achegar activos eficaces  para paliar  a actual depresión.


Tentar  emerxer da crise utilizando en exclusiva aspectos monetaristas   de contención do gasto  e degolo á política social, é gastar a polvora en salvas,   se parellamente as alternativas non se acomodan a un reaxuste divesificador   dos sectores produtivos.  

A redefinición dun Plan Director Territorial Galego, a modificación da Lei do Solo de Galicia e o posterior reaxuste dos Plans de Ordenación  Municipal, ten de ser  o primeiro paso para pór en marcha a locomotora  do cambio de ciclo, e a única  dirección posible  para saír da vía morta  na que nos atopamos estacionados.
....................................................................................................................
O cambio de ciclo  económico no que nos atopamos sumidos, non só alterou aspectos básicos da nosa habitual forma de vida, senón que modificou substancialmente o  canon que presidía  até a data  a planificación  do modelo territorial e o formato de radicación do noso desenvolvemento, podendo dicirse,  que a concepción  funcional dos parámetros que sustentaban seu  plantexamento  urbanístico teñen entrado en prescrición, e por conseguinte, é preciso  o establecemento dun  modelo alternativo.


Os plans xerais de ordenación municipal que   establecían  a ordenación dentro dun  ámbito espacial nunha temporalidade determinada, viñan acompañados  dos correspondentes estudos económicos financeiros  que achegaban e xustificaban  a viabilidade da planificación  proposta, pero casualmente, os factores inductores  da  desestabilización económica  puxeron  en cuestión  a validez e solvencia da  súa vixencia.

Lamentablemente podemos afirmar  sen  risco a equívocos, que  actualmente, os concellos máis que dispor de documentos de planeamento, teñen pintado liñas na cartografía, e por tanto  a xestión urbanística é inexistente e innecesaria, e  é aquí onde radica o problema, por canto  o paradoxal da situación, é  que estamos sumidos nunha parálise onde as  prácticas técnico- xurídica de execución dos  plans son  ociosas.

 Por derivación, á marxe de signo político,  ás corporacións municipais veñen de   situarse  na incongruencia  compracente de manter  vixente un  plan urbanístico sen xestión de desenvolvemento,  que ademais  dunha extravagancia,  resulta ser a antítese conceptual do propio  urbanismo, é dicir,  os municipios manteñen  nos andeis dos seus departamentos técnicos, uns mamotretos obsoletos que conteñen  declaracións  de intencións  exenta de toda eficacia.

Se o referido anteriormente  debese ser  factor suficiente  para establecer reflexión  sobre  materia,  e  determinar a  necesaria reorientación do marco regulador  dun novo modelo territorial en axuste debido  á nova conxuntura socio económica, resulta  cando menos atroz,  que desde o parlamento de Galicia, pérdase o tempo en vaguedades e ningún grupo parlamentario da cámara  teña promovido   via urxencia, algo tan esencial,  como a necesaria  modificación da  Lei do Solo de Galicia,  e con total naturalidade e institucional pasotismo, sígase admitindo  a aplicación  dun marco xurídico inaceptable polo  seu desencaixe coa  realidade dos tempos.



O acabouse da situación, represéntao o feito certo de que a institución autonómica aposte polo malgaste  e siga financiando con fondos públicos  a   revisión e redacción dos  plans xenuínos, cuxa eficacia por desescuadre  do referente regulador  co actual contexto circunstancial, resultará ser nulo para os municipios promotores.

Iso é así en razón ao  momento de receso, que orixina contención do gasto e conxelación dos investimentos públicos, e tal circunstancia limita o cálculo portante do alicerce  fundamental   da viabilidade económica   da planificación e programación  urbanística,  como resulta ser o Estudo Económico Financeiro.

Devandito   documento, establece na temporalidade  o desenvolvemento do Plan de Etapas das actuacións programadas   en razón á capacidade financeira da propia institución municipal, como asemade   a intervención comprometida dos organismos supra municipais e dos propios axentes externos participantes ,  e tal previsión  na actualidade resulta ser un inverosímil, o que vén delatar que estase a  planificar o absurdo.

Obviamente  unha PXOM non ten por finalidade preponderante o proceso edificatorio, pero incuestionablemente, por mal que se bautice despectivamente como especulación, resulta ser  un dos  resortes motrices do seu desenvolvemento, por tal motivo as actuais circunstancias  de paralización do sector,  inducen un estancamento e por tanto un incumprimento da periodificación establecida para a xestión do plan como base sustentatoria.

O novo panorama delata  a existencia irrefutable dun sobredimensionamento  nas previsións de crecemento, que por por se mesmo, transfire  escala excedida  á asignación  de solos de aproveitamento lucrativo cuxa  adecuación procede reaxustar por  racionalidade.

Agora ben, iso  leva implícito a correspondente revisión da ponencia  de valores catastrais, pois cando as tasaciones inmobiliarias por imperativo das políticas gobernamentais e das determinacións do Banco de España  teñen de axeitarse á actual  realidade dos mercados, non é de recibo  que os titulares patrimoniais  soporten impositivamente unha base impoñible sobre valores catastrais do IBI alleos á esas  condicionantes imperativas.  

Para rematar, deixar sentado que unha conciliación desta envergadura minguará a capacidade recadatoria das intituciones, aperturando o debate sobre un novo modelo  de financiamento das facendas  locais.

16 feb 2011

HEREXÍA DIVERXENTE

PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado,26 de febrero  del 2011






Os  datos demoscópicos relativos á intención de voto, poñen ao descuberto que  unha boa parte do electorado, frustrado e farto do desgoberno e o despropósito socialista,   decidiu   pasar factura ao actual  executivo por entender a existencia  dun acto de estraperlo electoral nas  vésperas    dos últimos comicios.

Por canto a tempo presente,  é unha realidade  probada,  que por ambición desmedida en manter    estadía na  Moncloa, o actual executivo, promoveu a ocultación de datos relevantes sobre a delicada situación económica que atravesaba  o país, cuxa transparencia e anticipada posta en coñecemento,  á parte de variar  os resultados  electorais, tería sido a clave  para atallar coa anticipación debida  o que por clandestina inadvertencia xerou un gravísimo cambio de ciclo da nosa estructura económica, que hoxendía   ameaza con encorarse   na permanencia.


Tal circunstancia sumada ao factor tempo, veu demostrar  que a unha organización que ten por norma,  lucir  rótulo  de talante  publicitario, lle patina  a  observancia aos códigos de conducta a mais non poder.

Tal condición faia capaz de que usualmente tente sacudir responsabilidades, aínda que para iso teña de imputar aos seus opositores a paternidade dun conflicto, concibido por obra e graza das súas lixeirezas políticas.

Agora acontece  que a  desvergoña  ten superado o colmo, e coa adhesión sindical, chegouse ao extremo de disfrazar  de pacto  social, as drásticas  medidas que por mandato exóxeno houberon de imporse como solución forzada, para frear a intervención financeira provocada polo oficialismo das súas  mentiras, e o irreflexivo dos seus excesos.


Pero a pesar de semellante historial, e de que  a factura do  balance de goberno é altamente  negativa,  (un  estado do benestar baixo mimos, un índice de paro  superando o vinte por cento, as pensións en franco retroceso, a débeda externa estancada en 1,8  billóns de euros, é dicir, no 170% do produto interior bruto (PIB),etc.,etc.), os membros do actual executivo veñen dispostos a dar a batalla e defender até as últimas consecuencias súa permanencia á fronte do goberno, e por tanto, sabedores que as eleccións do próximo 22 de maio, pola tensionada situación política do país  e a delicada conxuntura económica, modificará a  tendencia proclive  do  voto á persoa   para inclinar  disposición polo sufraxio político, é por iso que á marxe  dos indicadores  negativos, no PSOE, son chegados,  a xogar  súas bazas  até as últimas consecuencias, para salvar o seu futuro político, por canto os resultados acadados  serán determinantes para inclinar  balanza de xenerais  do 2012.

Pois ben, a xulgar polas conclusións emanadas de senllas convencións (autonómicas e municipais), sen esmerarse en conclusións analíticas,  pódese afirmar sen risco ao equívoco,  que a estratexia dos socialista en aras a subtraer contía á notoria diferenza  demoscópica, á parte de proxectar á sociedade unha imaxe de estabilidade e harmonía como grupo, consiste, en pasar folla  ás nefastas políticas anteriores, borrando da mente do  electorado o lastre da súa existencia, para alternativamente  vender  o propagado  “pacto social” como  un acto de responsabilidade e táboa  salvación de todos os males;   utilizando complementariamente  a mensaxe de creación de postos de traballo como referente  estrela da súa campaña  de axitación; sendo casualmente esta última circunstancia, o expoñente manifesto de que  os socialistas veñen dispostos a repetir a súa fazaña de enganos.


Por mais que se tente proxectar como un éxito e resultado bo facer e madurez do executivo do estado, o tan levado “pacto social” para nada nace como  unha fórmula reactivadora da economía e o emprego,  pois en realidade son  medidas de reaxuste e contención  impostas desde o exterior polo mercados financeiros e bolsistas con arbitraxe  disciplinar aos ditados de Alemaña como economía líder da zona euro, e todo iso, en evitación  de ser suxeitos de intervención en rescate  como consecuencia de ter gastado sen control e superar en demasía o déficit orzamentario que contraven   os acordos económicos europeos.


Por tanto,  ás situacións por complexas que aparenten  hai que adxudicarlles  a denominación adecuada e perder a manía de utilizar as malas mañas  para confundir  a realidade.

Aquí non hai mais leña que a que arde, e o  político aspirante que teña  por historial a incapacidade limitativa de pór solución  aos grandes retos do país, vén obrigado  a proceder en consecuencia e abandonar súa  labor parasitaria, por canto o interese xeral ha primar   sobre mediocridades particularistas de quen fai da política a súa solución de vida.


O PSOE en só tres anos, transformou unha crise conxuntural nun cambio de ciclo, que en se mesmo non é outra cousa que unha crise exponencial de dimensión ilimitada e   temporalidade incerta, sendo súa maior complexidade a destrución  do soporte produtivo que mantivera as constantes   de emprego  até datas recentes.


Por tanto a recuperación  do mercado laboral e a  creación de emprego han ser algo máis serio que un testemuño no  programa electoral de quen ten  no seu haber  o record cuantitativo de cinco millóns de parados. As políticas de dinamización e estabilización   ocupacional, precisan dunha revisión xeral  do caduco modelo produtivo existente, e o deseño, desenvolvemento  e posta operativa dun novo patrón do mercado laboral, organizado   por sectores  produtivos diversificados e axustado á realidade do noso presente e á planificación do noso futuro.


Este obxectivo  debe vir precedido dunha  condición apremiante  e dun  consenso político comprometido e responsable, debendo contar de xeito imprescindible, coa reciprocidade do mundo empresarial como motor dinamizador. Pois o emprego á parte dun  dereito individual,  é  o resorte máis efectivo  da estabilidade e do  equilibrio social e a chave do rexurdimento da nosa economía.

Xa que logo, a situación demanda máis tenacidade resolutiva e menos  tendencia   á pecaminosa herexía diverxente, que resulta ser norma usual de comportamento que os políticos socialista  converten en hábito  en  vésperas electorais,
como cebo para inxenuos e despistados.