PUBLICADO Diario de Ferrol; sabado, 19 de marzo del 2011
In memoriam - Manuel Galdo Allegue
In memoriam - Manuel Galdo Allegue
Desde seu nacemento na Pallota de Perlío, pasou un longo período de 93 anos, é dicir, toda unha dilatada vida. Tivera unha infancia modelada polas limitacións materiais propias das carencias dos anos 20, compartindo xogos e inocentes trasnadas cun irmán maior quen accidentalmente non superando a nenez ausentárase a temperá idade da súa compañía; aínda que os seus pais tiñan casado a idade tardía, non lle regatearon afectividade, ao contrario, como accidental fillo único dedicáronlle integras atencións, maiormente súa nai, por canto seu pai deixáralle orfo cando contaba só con dez anos.
Súa estrea á adolescencia marcou traumaticamente seu futuro, xa que nunca asumiu inaugurar ese período, cambiando o seo materno por un mosquetón na fronte de Teruel, participando nunha confrontación bélica deslavazada, onde lle encomendaron un exercicio de morte e destrución, que resultaba ser, a antítese do seu carácter dialogante e pacífico, co agravante que mentres permanecía como recruta forzoso nesa avanzada belixerante, os milicianos locais poñían seu empeño en subtraerlle o patrimonio á súa nai indefensa.
A participación obrigada naquela contenda atroz xeroulle un pesadume perenne, e as actitudes de rapiña dos fascistas lugareños, alimentaron súa aversión contra o fratricida alzamento nacional, que sumado aos excesos e desenfreos do réxime, proxectaron na súa persoa unha conciencia crítica e opositora.
Consecuente coa súa integridade conxénita e un arraigado carácter indómito, non tomou partida das vantaxes que o sistema reservaba aos acólitos combatentes que lograran o triunfo naquela infame guerra civil, mantendo tácitamente unha discrepancia silenciosa cara á triunfal ditadura.
Por iso, as miserias da posguerra comeunas de cheo coas desvantaxes de calquera outro perdedor, e así, xa casado coa que foi a súa compañeira de sempre lograba sobrevivir cun salario de escaseza, cargando barcazas de area ao fondo da ría. Ingratos e longos anos aqueles, para quen con risco da súa vida e contrariedade dos seus principios, arrincaran da súa casa para defender a patria baixo as ordes autoritarias duns golpistas iracundos
Pero por se as adversidades belicosas que acuñaron súa mocidade non fosen dabondo, a desgraza deparáballe un novo castigo, e cando o 22 de Xuño de 1943 estoura a polvoreira de Caranza, o embrión da súa primoxénita viuse prexudicado consecuencia do pánico e angustia da súa esposa embarazada. Aquela criatura nacería fráxil como o cristal, e por tanto, a esa filla habería de dedicarlle sobre maneira, unha afectividade e tenrura excepcional, uns coidados especiais; dolorosa circunstancia que impuxo ao seu futuro constante dedicación e permanente dependencia.
A pesar de todos os contratempos, marcouse así mesmo seu propio método de superación continua, caracterizado, por non deixarse vencer polos infortunios, aplicándose como antídoto, unha disciplina vitalista e unha perseveranza encomiable.
Pero con todo o cúmulo de quebrantos, na súa idade adulta mantivo un enérxico espírito reivindicativo e contestatario, e naquela mancada década dos anos 40, cando a crueza do réxime franquista impuña submisión, en réplica á percepción duns salarios de fame, non dubidou encabezar como traballador da factoría Astano, a primeira folga de brazos caídos, que deu por resultado, a creación do economato de produtos básicos a prezos coherentes
Era unha persoa con ideais arraigados, pero sen militancia nin vinculación política determina, aínda que, adoitaba exteriorizar unha tendencia a prol do que el autodefinía como socialismo esencial diverxente, unha descrición cardinal para marcar o distingo con quen utiliza a doutrina socialista como cobertura de comenencias, amparo de excesos e especulación de prevendas.
A inquietude polo coñecemento e a cualificación, o empeño polo saber foi lema e obxectivo permanente na súa vida, e así, era capaz de traer a colación aos clásicos gregos, transmitir explicacións de agricultura, instalar un aparello de radio, tallar un busto como moldear un ornamento en cobre. Desde súa modestia exemplarizante, ocultaba un virtuosismo palpable e consistente que mantiña súas tendencias e satisfacía súa sinxeleza.
Durante súa longa vida fíxose acompañar por un carácter infatigable, probada grandeza de valores, conduta intachable e manifesta integridade.
Foise un ser exemplar, aquel home que sendo miúdo tiña a talla humana dun xigante. Aos seus descendentes quédanos a tristeza que deixa o vacio da súa ausencia, pero tamén, a pervivencia inesquecible de ter disfrutado da súa excelente compañía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario