15 ene 2012

MARXE DE MANOBRA


PUBLICADO EL  03/09/2011/ EN: Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario


Desde a súa saída do executivo de Zapatero, o influente candidato do PSOE para as eleccións do 20-N, Alfredo Pérez Rubalcaba, desprendéuselle  aquel  resplandor carismático que lle ascendera,  e tal é así, que conforme aproxímanse os comicios, máis que incrementar seu activo electoral  como el mesmo presumía,  contra as entusiastas tendencias do CIS, percíbese unha  acusada desvalorización nas  súas aspiracións  por alcanzar    a presidencia do goberno. A bicefalia rexente na dirección do partido, os desencontros en decisións de alto alcance, a desbandada dunha militancia  que se nota derrotada de antemán, son aspectos que acentuaron a pendente desa costa electoral, na que o camiñar convertéuselles en escalada.


Pero se o endóxeno da organización socialista  xógalle á  contra, o equipo dos seus directos colaboradores dirixidos por Elena Valenciano, parece que máis que un equipo de afíns  experimentados  en dinámicas electorais, tratárase dunha agrupación de inexpertos,  ou o que é peor, semellan ser os membros infiltrados dunha  corrente opositora interesada  en prexudicar o xa de seu minguado capital político do  aspirante  a primeiro mandatario do goberno. Con esta mestura  de  extravío  e desorde, marcarse como obxectivo o triunfo electoral ademais dunha aspiración  distante da sensatez   supón un  encontro coa  quimera, chegando á conclusión  que  a preocupación debesen centrala en non baixar do listón dos cen deputados, e esa que non outra  debe ser a finalidade da campaña, non resultando a súa  consecución  un propósito  fácil. 

De calquera modo á marxe destes  avatares que non son poucos,  resulta sorprendente  que un político con tan  amplo historial, con presunción  de coñecer  as reviravoltas do aparello do partido e os recunchos  da administración, agora,  cando afronta o  papel de máximo  referente electoral do PSOE, asombre a propios e estraños pola  inocentada   que supuxo deixar a autenticidade xerárquica en mans  de quen, exercendo en funcións,  tivo  atribucións para  pactar ás súas costas co seu directo adversario electoral unha reforma exprés da constitución,  na que se determinou a toma de consideración da inclusión do límite do déficit.
Ademais de decatarse      a touro pasado, por máis disimulo de posterior emenda, o que esta lonxe de toda dúbida, que  dita modificación na que aos  mercados recoñecéuselles  patente de corso e aos cidadáns un regateo  de dereitos, a verdade, que para    o proxecto electoral  de Rubalcaba,  foi   un torpedo  baixo da liña de flotación, que abortou tanto a súa estratexia de achegamento aos sindicatos  como a súa aproximación aos indignados do 15M. 


Pero se nese envurullo de desamaños,  atribúese suma  urxencia á toma de decisións dun asunto cuxa inminencia  de aplicación  terá sentada  eficacia  no ano 2020, resulta  evidente a inexistencia de urxencia algunha, mais ben aconteceu, que a clase política dominante tiña celeridade   en demostrar  súa obscena  subordinación  aos mercados, como asemade, dilixencia por  acatar  a programación  e a temporalidade  provenientes  do eixo de dominio imperativo,  París - Berlín.

Posiblemente os desconcertos  internos, e, o contaxio  deste ambiente de contrasensos,  crearon un desequilibrio no  candidato socialista á Moncloa, quen,  en pleno fragor  da operación lóstrego,  tentando emendar a plana e retomar o liderado perdido, despois dunha disquisición  sobre xeneralidades da economía relativas ao,  dogma neoliberal  e á cota de respaldo, sorpréndanos a título de autor, coa   teoría   da marxe de manobra como aspecto distintivo  entre as políticas de dereitas  ou esquerdas, sentenciando que cando a débeda absorbe devandita marxe, desaparecen as distincións  políticas entre ambas ideoloxías 


Pola súa autoría,   tal afirmación non deixa de ser un  disparate,   que ben  podería ser admisible como mensaxe dun  candidato de refresco exento de implicacións  no exercicio de goberno, pero si resulta que quen  expón, “que non se gaste máis diñeiro do que razoablemente se poida pagar," correspóndese, coa  persoa que  até hai dous días era o vicepresidente do executivo de Zapatero, á parte dun contrasenso, parece un sarcasmo, pois non é de recibo  que o  activo colaborador e, responsable por tanto  do desastre económico do país, a estas alturas e sen reparos veña aleccionar aos afectados  sobre a estratexia a seguir  en tempos de crises

Despois deste  serial de enganos,  tropezos  e reiterados  despropósitos , é absolutamente imposible  que o candidato Rubalcaba  logre  o triunfo  nas urnas, resultando igualmente  incrible que  poida evitar a maioría absoluta do PP, sendo o máis probable  que aproxime ao PSOE   ao exterminio electoral  como consecuencia dos  peores resultados obtidos desde a instauración democrática.

Con este presumible  pau electoral e a consecuente  variación na correlación da representación política,  a Ferrolterra, ábreselle a oportunidade  de impulsar as  instalacións da factoría  Astano,  posibilidade negada a cotío  por socialistas  e sindicatos estatais, que ao cabo foron os artífices   da súa continua inactividade en contraposición  do sentir  da maioría social da comarca.





A CRISE INTERMINABLE


PUBLICADO EL  27/08/2011/ EN: Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario
O exercicio de goberno en razón a seus resultados  é determinante para  establecer a solidez  ou a fraxilidade do país, como tamén resulta  indicativo, para percibir a eficiencia, ou no seu caso,    a incompetencia do partido político que  por designación  electoral resultou  elixido para pórse á fronte  do executivo do estado; pero a pesar  do carácter concluínte deste contraste,  a ironía democrática posibilita  que os cargos  proclamados permanezan no posto por máis que  o compromiso electoral transformásese en fraude colectiva, ou que coas súas neglixencias  e  desacertos, facilitasen que os mercados entrasen a saco no manexo das finanzas do Estado desbaratando   súa estrutura socio económica,  ou  por implícito, provocando o  afundimento da nación.


Salvo  na banca e na actividade política onde seus operadores semellan ter unha  insólita blindaxe no desempeño dos  seus deberes, en calquera función  profesional distinta,  os executores de praxes incorrectas, pagan directamente  os  desatinos xa sexa a través de sanción, inhabilitación ou correctivo; por tanto,  resulta virulento que se protexan diverxencias ou desigualdades tentando maquillar os excesos cometidos, cando, os executivos  bancarios partícipes do desastre, a tempo presente,  seguen percibindo  salarios en porcentaxes disparatadas á marxe da austeridade, tendo de sumarse  a tal afronta, a actitude  do protagonismo enfermizo  dunha  clase política   en rebaixas, pola  inutilidade de resultados e, que, con todo, insisten en sentar  súa fatídica   mediocridade  en escano  parlamentario.

Mentres subsista a coincidencia de identidade entre os responsables materiais causantes  do problema e os promotores da resolución,   é obvio que  o estado das cousas  permanecerá  inalterable e, se as variables escénicas  non toman dirección atinada, lonxe de atoparnos ante a continxencia dunha turbulencia financeira efémera, continuaremos   sumidos nunha crise interminable.

Agora ben, os  axustes aínda sendo totalmente necesarios non son a panacea  de tratamento para a  erradicación do problema;  pensar   o contrario,  é minimizar a escala da realidade e tentar negar a proxección do alcance da  crise, que aínda que se desatou ao abrigo da  enchente  especulativa da burbulla inmobiliaria, agora, aquela realidade imputable  ao individualismo  dos  insolventes debedores "ninja", deu paso á tempestade  dunha  crise global sen parangón  como consecuencia dos incesantes ventos sementados polos especuladores financeiros que son quen en realidade moven  a seu antollo a economía mundial.

Aí é onde reside o problema esencial,  pois a forza  desta elite financeira  ten suprema influencia  sobre  gobernos e políticos,   e por tanto extensa capacidade para manexar  a economía a satisfacción dos seus intereses. Vantaxe  acentuada,   pola  inexistencia reguladora dun sistema financeiro estatal que poña  fin a tales  privilexios; inducíndose,  que mentres non se habilite ferramenta correctora, por carencia de lexitimidade, é absurdo aceptar a mensaxe subliminar dos grupos políticos pois a subordinación  aos  mercados revístelles   de insolvencia e manifesta  desconfianza.

Unha boa proba do actual  expoñente  dominante  represéntano os fondos de rescate, que,  manipulando a percepción da realidade   preséntanse como  recursos financeiros  para evitar “in extremis”  a quebra do país demandante; pero a realidade é outra, por canto, trátase dunha  capitalización  extraordinaria para satisfacer a débeda dos especuladores institucionais, é dicir, un xogo de monopoli con diñeiro alleo, cuxos receptores son un puñado de bancos e empresas comisionadas,  que coa vista gorda  do mundo  político, están a robustecer  seu capital e multiplicar seus beneficios. Un negocio redondo para os mercadores de capital pero de resultados fatais para a cidadanía e as empresas  afectadas por unha crecente deterioración das condicións socio económicas e do tecido produtivo.

Polo visto, en foros políticos está  estendida a concepción, que a estabilidade económica consiste  en satisfacer  os antollos dos  mercados, iso ademais  dun tópico é un despropósito de quen pensan que os  mercados teñen ideoloxía política; mellor sería que os defensores  deste aforismo deixásense de desatinos e decidisen recobrar a xerarquía de poder e mando  que gratuitamente  regaláronlle  aos actores  do imperio da usura. Non debesen esquecer  que o  endebedamento forma parte do negocio  dos operadores de mercado, mentres que a  función política ten por obxectivo establecer  as regras de funcionamento, os marcos regulamentarios e tolerancia de marxes, sen que tal  determinación supoña  derrogar dereitos fundamentais  dos cidadáns nin os  mercantís do mundo empresarial.

Xa que logo, nestas vésperas electorais non sería demais  unha reflexión polo cambio, para  así poder demostrarlle aos decepcionados electores, que votar ainda sirve para algo, e que  é de interese facelo.



BANCA PÚBLICA XA!

PUBLICADO EL  20/08/2011/ EN: Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario





No noso país, a clase política está afeita á interpretación dunha cantiga recorrente, que utilizan cada vez que toca evadir responsabilidades sobre a xénese da crise, pero nos últimos tempos, polo baleiro do seu contido, excesiva iteración e ateigada monotonía, o son desa cantilena ademais de non resultar pegadizo, pinta lonxe da harmonía.


Deberan saber que na composición do desconcerto económico, non tería de utilizarse exclusivamente as notas discordantes da globalización e a inestabilidade dos mercados, pois aínda tendo xustificada cabida no pentagrama das motivacións, a partitura queda incompleta en tanto non se inclúa na mesma a indolencia política, en razón á pasividade por marcar compás na ofensiva contra a crise , mentres deixan que os mercados circulen ao seu libre albedrío.

Parece coma si en pleno século XXI volvésemos ao omnipotencia a través dunha reprodución histórica da alta idade media e da translación do feudalismo imperante naquela época do medievo.

Ocorre, que nesta repetición escénica, os actuantes mudan súa función representativa, e así, o señor que naquel tempo era o dono do castelo, hoxe ven de ser o propietario dunha entidade bancaria e, o vasallo, que daquela ademais de render submisión, custodiaba e defendía os intereses do xefe feudal, agora, nesta versión actualizada, no seu novo status figura revestido de atribucións e cargo político, aínda que, en lugar de procurar correccións ao sistema, seu labor no substancial non difiren do pasado, por canto, prevalecen na súas prácticas equivalencias de idéntica finalidade, sendo os rescates e o patrocinio das cruzadas de novo cuño, obxectivos satisfeitos ao antollo da hoxe todopoderosa aristocracia financeira .

Á marxe de semellanzas máis ou menos afortunadas, o que resulta incontestables é que o guión da inestabilidade e o desconcerto ten uns autores específicos e, por derivación uns responsables determinados; folga por tanto a tendencia ao extravío, o facer táboa rasa e emparellar sacrificios con excesos cometidos, pois non é de recibo tal xeneralidade cando non toda a sociedade ten vivido por encima das súas posibilidades.

A planificación e desenvolvemento do noso modelo produtivo e de crecemento fallouaparatosamente, resultando, que as fórmulas indutoras do milagre español de outrora, convertéronse en patróns obsoletos e inservibles de nula eficacia como método de reactivación do sistema; e a pesar diso, a clase política no canto de apostar por cambios de radical transformación, segue circunscribindo as solucións de futuro á inutilidade do anticuado.

É unha evidencia que calquera reiteración do actuado, para nada resultará ser o método apropiado no establecemento da evolución que demanda o cambio de ciclo económico, toda alternativa para a súa eficacia, ten de representar unha mudanza radical, que mantendo a esencia do modelo de libre mercado como patrón de referencia, promova unha reformulación da súa operativa funcional como solución impulsora dun novo modelo produtivo, que, afianzado na diversificación sectorial e nasustentabilidade, garanta un desenvolvemento permanente e un emprego estable.

Non sendo labor da clase política a creación de emprego, si o é, a posta en práctica de escenarios que posibiliten a xeración de condicións de estabilidade e oportunidade, para que os axentes empresariais, dinamicen o sistema produtivo e propicien a creación de emprego, resultando elemental confirmar que unha das claves desta concepción executiva, vira ao redor do acceso aos medios financeiros, e esta circunstancia representa ser o gran dilema, por canto, a crise puxo de manifesto o fracaso dos mercados e dos bancos privados como motores financeiros das actividades produtivas.

Non haberá de esquecerse que a pesares do descomunal índice de desemprego, a inactividade obrigada dos autónomos e os peches forzados de pequenas e medianas empresas, as entidades financeiras seguen impasibles a esta realidade, e nun alarde de insolidariedade e avaricia, deciden que os fluxos monetarios que entran nas súas arcas procedentes do BCE, en vez de destínalos ao investimento produtivo, dedíquense á adquisición especulativa de débeda pública dada a súa condición de menor risco e maior rendibilidade.

A persistencia deste problema de financiamento, converte en inviable calquera alternativa de reactivación económica prevista, pero tamén, pon ao descuberto a hostilidade da banca privada que despois de acollerse ás facilidades outorgadas no proceso do rescate bancario por parte do estado, agora cos seus feitos, manifestan súa negativa a arrimar o ombreiro para quitar ao país das dificultades, e ante esta insensatez mercantil, a clase política debe abandonar a anuencia, e en atribución á competencias que lle son propias reaccionar en consecuencia, instaurando de xeito decidido, como solución alternativa unha banca pública que supla a actual carencia de financiamento que a banca privada ten imposto as familias e as PYMES. 

Sen dúbida que a aceptación ou rexeitamento desta formulación virá dicir aos electores, a quen defende a clase política.

O CADERNO DE PEPE BLANCO

PUBLICADO EL   13/08/2011/ EN: Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario

As paixóns cando son cegas, teñen o risco de levar aos seus protagonistas a situacións de delirio,  maiormente ,  se quen adoecen o conflito ,  non dubidan erixirse en defensores  resoltos   dos seus achegados, sen reparar na utilización de proclamas acesas e arrebatadas, que,  por esa tendencia da amizade afectiva, veñen  delatar  un arrebato excedido, ateigado  de distincións    que  adoitan derivar  pola ruta da fascinación e o fanatismo.


Esta introdución vén a conto pola  enaltecida  defensa que un ex alcalde comarcal, recentemente dedicou, á persoa,  obra e milagres do lucense  José Blanco,  quen, aparte de ostentar a xefatura do ministerio de Fomento, atende como voceiro  do goberno, controla  o todopoderoso aparello do partido na súa condición de vicesecretario xeral  e, se toda esta acumulación de cargos e xerarquía antollásese  escasa, ao referido,  haberá de sumar  a condición mesiánica  que lle outorga seu impulsivo admirador, e o tempo inducido obrigado por tal condición  , por canto, semella que os milagres prodigan no facer  do redentor de Palas de Rei.

Pero se o explosivo ímpeto deste  adulador non fose desorbitado, o desaxuste  chega ao  colmo cando  eloxiando a   hipotética capacidade de tan  memorable dirixente, espeta sen cortarse un pelo, que   o retorno á política da comunidade autónoma  deste   personaxe,  sería a solución dos  actuais problemas de Galicia

Eu, capaz de marcar  diferenzas entre o persoal e o político, é polo que, a pesar de todo    sigo catalogando ao  responsable destas declaracións, como persoa entrañable, agora ben, como queira  que neste caso a conxestión de disparates encadeados supera  a tolerancia de despropósitos admisibles  , iso, por saúde democrática  obriga introducir    unha declaración de réplica, entendida sen acritude e suxeita a un exercicio de analítica neutral,  que inescusablemente desde unha actitude crítica   debe ser o método apropiado para pór freo a este desatino.

Ao respecto, dicir non entender ,  nin compartir  e moito menos    xustificar,  que por riba do interese xeral, o político de oficio,  teña como obxectivo  preferente , a andaina do seu  ascenso persoal, e non, no sentido  de axenciar maior clasificación ou rango, pois iso si sería plausible e vantaxoso colectivamente, senón,  desde a enfermiza  ambición de alcanzar a maior cota de poder  como ferramenta de dominio; avaricia  agravada comunmente  coa incapacidade  de ocultas limitacións intelectuais e que polo seu distintivo  de prima individualista, sempre orixina graves prexuízos no funcionamento e estabilidade do país.

Por iso, sería un problema e mesmamente unha perda de tempo,  que tentase perfilar futuro político,  emulando o historial de   seu ídolo,  pois ese tipo de triunfadores  son froito de tolerancias atípicas  que cíclicamente xera a bonanza e o todo vale, é dicir, unha desafortunada accidentalidade; pero despois dos nefastos resultados do goberno socialista , consumado o desastre no que estamos sumidos, mais que seguro é contundente,  que o acceso dos mediocres á cúpula do poder, afortunadamente  estará vetada  por unha longa  temporalidade.

Non debese esquecer que, quen a temperá   idade  tomou dedicada exclusividade    polo control do aparello político, con  renuncia expresa  aos seus estudos universitarios, é evidente, que determinou con antelación debida  que  seu  “modus vivendi” viraría ao redor da cousa    pública, sendo por tanto  ese obxectivo súa meta irrenunciable, e así foi como tras a súa condición   de amanuense  coñecedor da organización,  tomou baza para   establecer os ritmos e marcar os tempos, aproveitando situacións de desconcerto interno  para instalar  oportunamente o trampolín   de Nova Vía, e así, tras a proxección  da imaxe  de Zapatero , desde a trastenda de Ferraz, converterse   no  incuestionable “gurú”   da organización política.

Era evidente  que José Blanco sabía perfectamente que o dominio do aparello do partido garantíalle   o control e a acción executiva do goberno, coñecendo igualmente,  os métodos de descoidada ortodoxia pero de influente  eficacia na deterioración da oposición.

No en tanto, por carencias  suplidas,  non soubo  decatarse que cando  as políticas económicas non son as apropiadas, a inercia dos mercados impón súa primacía por riba do poder institucional, e cando iso ocorreu,  mais que entregarse  á responsabilidade   de renuncia á vez que o Presidente, de súpeto, encolléuselle a talla   e agora  tenta  salvar a equipaxe da continuidade política  a través de conspiracións e intrigas cun achegamento  a Rubalcaba, mentres por imperativo estratéxico   entra no patrocinio de forzar  a renuncia de Carme Chacón ás primarias.

Entrañable ex alcalde, o seu admirado personaxe vén dicir de se mesmo, “moitos recoñécenme e coñécenme moi poucos”, vostede debe andar polo grupo dos   moitos, pero eu, que analiticamente  debo pertencer á  selecta caste dos poucos, estou en condición de concluír que  por consecuencia  política ,  este home non só non debese desembarcar en Galicia ,  senón que está obrigado a seguir os pasos do seu patrocinado presidencial  e, en consecuente correspondencia, debe    presentar  a renuncia á súa continuidade no facer político ,  pois o resultado experimental do  seu liderado así o recomenda, sendo ese o mellor favor que poida facerlle á nosa  comunidade e por extensión ao conxunto do país.

PERLÍO 1960: AS PIAS

PUBLICADO EL   8/08/2011 ,EN: Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario




Somos xa poucos os nativos de Perlío que podemos reconstruír desde os recordos da mocidade, como era a realidade orixinaria da nosa fisonomía territorial polo bordo litoral do noroeste da parroquia; a verdade, que se sobrepomos o cliché retentivo da temperá adolescencia coa realidade presente, a notoriedade do cambio resulta tan oposto, que facilmente, a confusión levaríanos a pensar que estamos a nos referir a ámbitos xeográficos distintos.

Esta fronte litoral á ría, tiña o encanto que achega esa veciñanza permanente do mar coa terra, a frescura do seu predominante verde boscosos, asucado de senllas sinuosas sobre unha pronunciada orografía onde se localizaban as ”pías megalíticas” determinantes do seu topónimo, que ademais, achegaban un fulgor de maxia pola súa connotación coa espiritualidade castrexa. Sen paixón narrativa, hei de dicir que era unha contorna suxestiva un lugar que pola súa beleza, até resultaba gratificante perderse adrede.

Desmonte de As Pías
Para o lector, por concreción de emprazamento, dicir, que As Pías, era unha franxa contigua á ribeira fenense da ría, que polo Leste, formaba un continuo litoral con O Regueiro hoxe desaparecido baixo o recheo de San Valentín, para crebar dirección Sur, e proseguir o seu encontro coa Ostreira actualmente dormente baixo terreos de Navantia. Na súa elevación prominente empolicábase o arquitectónicamente emblemático chalé de As Pías, que fose estancia estival de José María González Llanos, fundador de ASTANO e posteriormente, residencia habitual da familia Beceiro Ballester, xente entrañable e moi apreciada pola miña banda.

Aquelas “pías megalíticas” baleiradas directamente sobre os penedos sobresalientes no lugar, no meu recordo, débil pola temperá idade e o paso do tempo, aínda así e a todo, teño presente que seus ocos ademais de distinta profundidade, tiñan unha tipoloxía xeométrica variada, elípticas unhas, rectangulares outras, e unha por única, centraba a atención pola súa forma de pirámide investida, que nós dabamos en chamar o funil.

A distribución heteroxénea e a súa profusión reiterada pola ladeira litoral desta necrópole celta era a característica deste enclave, que por afinidade apuntaba vinculación co castro de Cardoeiro, localización próxima, anexo á igrexa de Perlío, que tamén fora desmontado parcialmente daquela para recheo do estaleiro.

Na excavación deste enclave castrexo en épocas onde a protección destes xacementos era inexistente, é obrigado recoñecer a sensibilidade demostrada polo acreditado profesor don Emilio Marín, quen «de motu propio» baixo tolerancia dos promotores, erixiuse en coordinador á fronte dun nutrido grupo de estudantes, que baixo a súa dirección, recollemos un importante referente dos restos arqueolóxicos existentes para o seu rescate e catalogación.

Na década dos 60 aquela necrópole prehistórica, pola acción das excavadoras e o transporte dos camións, pasou a formar parte do leito mariño da ría e agora xace baixo os talleres de Astano, e toda esa entrega, ese sacrificio, todo esa renuncia ao noso patrimonio históricos e ao noso medio ambiente natural, ao final, deu de si o cruel resultado dun estaleiro infrautilizado e inactivo, polo visto, aquel desmonte cambiou de localización, pero non perdeu a súa condición de necrópole.

Pía megalítica
Nesa época como broche final, cando os influentes promotores da factoría, para vantaxe do estaleiro, lograron que a administración afrontase a execución daquela obra de enxeñaría civil denominada Ponte del Caudillo, por se o prexuízo causado ao medio litoral non fose cuantioso co actuado, como puntilla, impediuse a rexeneración natural do medio físico do fondo de ría, a través dunha solución adoptada consistente nun pedraplén predominante, aliviado cos escasos ollos dunha ponte de restrinxido investimento que cortou as correntes naturais do medio mariño , alterando a salubridade das augas e a proliferación de decantación de lodos en suspensión que destrúo a riqueza natural da súa ribeira.

O 17 de outubro de 1968, nun alarde de vaidade, foi o propio xeral xefe do estado, quen cortou a cinta de inauguración do denominado inicialmente “ponte del caudillo”, pero por máis que a oficialidade outorgáselle tal denominación, en coincidencia merecida á raíz territorial de orixe de partida daquel desaparecido enclave histórico, a voz popular nun implícito exercicio de consecuencia , impuxo a denominación do topónimo As Pías con sinal de posteridade, aspecto salientable, deixando á marxe a mal vista solución e deseño desta infraestrutura.

Idéntica garantía de porvir e continuidade no tempo tería o propio estaleiro, se os avatares da historia non posibilitasen que o seu futuro quedase a expensas da decisión da confraría da rosa en puño e dos seus agremiados comarcais.

29 jul 2011

PERLÍO 1917. O ESTALEIRO


PUBLICADO Diario de Ferrol; sábado, 30 de xullo  2011
PUBLICADO La Región; sábado, 30 de xullo    2011
PUBLICADO Galicia Confidencial; sábado, 30 de xullo    2011
PUBLICADO La Opinión -A Coruña; sábado, 30 de xullo   2011






Se en 1913, o primeiro dos grandes cambios da parroquia de Perlío consúmase coa posta en funcionamento de forma regular do servizo ferroviario, que, a través da estación converteron o enclave ,  nun centro emisor e receptor de pasaxeiros e mercadorías; catro anos despois, en 1917, Ramón de Roque, de retorno da súa curta estancia en sudamérica, decide construír no lugar da Ribeira unhas modestas instalacións  para  o desenvolvemento de actividades vinculadas ao oficio  de carpintaría de ribeira, montaxe que foi explotado pola propia familia Aguilar  durante unha temporalidade próxima ao cuarto de século, posiblemente sen caer na conta  naquela orixe, que, o modesto establecemento naval familiar,  estaba chamado a converterse nun referente de renome internacional,  como así ocorreu co paso do tempo, a partir de constituirse  a mercantil Astilleros  y Talleres del Noroeste s.l.  ASTANO, no ano 1941,

Inicialmente a planta de modesta superficie, aproximadamente 13700 m2 (25 ferrados), situábase sobre do  promontorio natural comprendido entre a Xunqueira  do estuario do río Magalofes ao levante e as augas abertas da Ría a poñente. Pero  a envergadura da expansión e  desenvolvemento desta factoría, alterou de xeito importante a aparencia  territorial do bordo litoral, cunha  penetración ao interior terrestre a través de desmontes, delimitada por unha liña crebada  desde o seu arranque en As    Pías, até o seu remate en O Ramo (2,5 Km),. Igualmente  polo aterramento da marisma e a ocupación da ría por continuos  recheos, cuxa lonxitude en poligonal  litoral existente, alcanza   os 5,5Km, magnitudes ambas, que envolven  os  843334 m2  de superficie actual.
 
A intervención fabril, converteu en irrecoñecible aquela singular estampa dunha parroquia ribeirega, pois paradoxalmente, Perlío, que antes do actuado dispuña dunha fronte litoral de 1,6 Km de uso e goce civil, hoxe vive de costas á ría, por canto a única fronte aberta ao mar, represéntao un  pequeno peirao, cambiado de localización pola expansión da propia factoría, dado que o seu  emprazamento no ano 50 correspondíase coa prolongación en recto do tramo final da estrada de acceso.

Posiblemente, quen fose artífice do novo estaleiro, don José María González Llanos, cando exercía de director da  Empresa Nacional Bazánde Ferrol, desde a súa residencia estival naquela atalaia de Perlío que representaba ser  o chalé de As Pías, albiscase  con antelación unha panorámica futurista da factoría. Pero se o chalé da súa estival  residencia, desapareceu como un referente emblemático da nosa xeografía consecuencia da  ampliación do recinto fabril, igual camiño levou un taller de embarcacións menores emprazado na punta do mesmo nome, como multitude de leiras lindeiras, que unha vez desterradas pasaron a computar a superficie industrial.

Especial perda foi A Ostreira, unha moderna instalación marisqueira conformada por un edificio de estancia e laboreo, con ribeiregos  viveiros que quedaban á vista  en baixamar pero permanentemente  cubertos de auga;  esta instalación era propiedade de Aquilino Alonso, sendo  rexentado por unha fresqueira, resultado sorprendente o seu nivel de produción de bivalvos, por canto, na vía morta do almacén da estación, todas as semanas, inmobilizaba  un vagón de mercadorías procedente da fábrica de xeo de Ferrol, onde interiormente era revestido de cortiza  con achegue dun  macizo de  bloques conxelados no seu perímetro, en cuxo  interior a modo de vulgar conxelador cargábanse as ostras con destino a podentes  petos, de clientes de bo padal  residentes na  vila e corte.

Este repaso  histórico  do  pretérito  territorial, non resulta unha censura  extemporánea ás intervencións realizadas nunha contorna de alto valor ambiental, non sendo tampouco un alarde ecolóxico tardío,  por canto, contrariamente a outras actividades,  é elemental insistir  que a radicación industrial dos  espazos destinados profesionalmente á  construción naval levan aparellada a  veciñanza marítima ,  partindo desta  premisa, temos de confirmar que o resultado de ordenación logrado polos promotores,  desde unha óptica funcional,   foi  inmellorable,  podendo dicir sen empacho, que o estaleiro de Perlío, pola súa dimensión, prestacións  e organización  espacial, ten superado con nota alta,  o nivel de clasificación  do resto dos  enclaves navais de España.

O próximo 15 de outubro,  hai xustamente 70 anos  que se constituíu Astilleros  y Talleres del Noroeste s.l.  ASTANO, eran  momentos delicados na nosa historia, tempos das  miserias da   posguerra, sendo por iso a implantación da actividade ben recibida, por canto, á marxe da afinidade política dos seus promotores co réxime, súa instauración   viña de aliviar as penurias económicas e o desemprego colectivo da época, pois ben, á marxe da riqueza e progreso xerado no noso ámbito, o milagre naval de Perlío, foi catalogado polos opositores como un referente  do franquismo; por iso chegada a democracia, algúns  “desasistidos neuronais”  do cortexo político progresista, con  rosa en puño, por arelas de desquite contra da matriz ideolóxica   dos artífices proxenitores,   decidiron  cancelar o futuro do estaleiro.         .
!A sorte estaba  botada, e o veto europeo era a chave idónea para seu  peche !

Por esas lixeirezas, un sente ferida súa sensibilidade, máxime, cando rememora ter renunciado á aquela contorna natural en contrapartida ao  progreso e o emprego, e  agora  pasados os anos, nota  coma se a lingua do sarcasmo acódese pola porta traseira, murmurándolle sen palabras ao oído, que a estabilidade  de emprego da ditadura subtraeuna sen razón a democracia; e a verdade resulta patético quedar sen argumentos, pero a realidade  dos feitos achega como contraste, un estaleiro infrautilizado, e na rúa, miles de mozos en paro.
Xa que logo a verdade canta de plano, e por máis argumentos que se esgriman non hai razón solvente que xustifique semellante  despropósito,  e quen non teña capacidade para  por  remedio, por  viva forza,  está obrigado a baixar do escenario  pois nesta comedia xa non hai papel que representar.





22 jul 2011

PERLÍO 1900 / O TREN

PUBLICADO Diario de Ferrol; sábado, 23 de xullo  2011
PUBLICADO La Región; sábado, 23 de xullo    2011
PUBLICADO Galicia Confidencial; sábado, 23 de xullo    2011
PUBLICADO La Opinión -A Coruña; sábado, 23 de xullo   2011






Sen dúbida que a parroquia de Perlío do  concello de Fene, foi un dos referentes máis significativos nos cambios territoriais habidos na comarca durante o pasado século XX, iniciando a súa transformación co nacemento do ciclo centenario, pois foi  no ano 1900 cando se inicia o proxecto de implantación da rede ferroviaria Betanzos - Ferrol, despois dunha longa espera, tendo en conta que  os problemas burocráticos mantiveron estancado o proxecto por un período de 50 anos, ata que o betanceiro ministro  Laureano Linares Rivas deu o impulso decidido  para levantar aquel veto “oficinesco”  e posibilitar o inicio das obras. 


Vista da Estación desde a Estrada da Palma 
Aspecto curioso representábao o emprazamento da estación ferroviaria cuxa localización era coincidente, co emprazamento  da  marquesiña que en tempos recentes  a  ADIF instalou na plataforma como  cutre apeadeiro, sendo curioso que devandito enclave estivese situado mesmo ao comezo dunha pronunciada pendente no trazado da rede, aspecto único e contraditorio coas directivas  das construcións ferroviarias, pero tal extremo neste caso tan só foi  o testemuño determinante  de que sempre hai a excepción que confirma a regra . 

Á marxe da súa tipoloxía  arquitectónica que obedecía á uniformidade do clásico estilo ferroviario, o conxunto dos edificios deste equipamento ( Estación, Almacén), tiña a excepcionalidade de ser o único en todo  o trazado do ramal cunha distribución en planta sen coincidencia co estándar, por canto, súa representación en obra, alteraba a constante análoga da posición lineal da totalidade das estacións, impóndose un formato  de desdobramento edificatorio a ambas  as marxes da  vía

O que pode resultar descoñecido, é que o devandito emprazamento, foino, por imperativo de influencias persoais, tendo en conta que orixinariamente, a estación tiña a súa localización  prevista na planicie de Tellerias, pertencente á veciña parroquia de Fene (ao sur do actual barrio de San Valentín). O influente capaz de impor a variación non foi, outro que don Aquilino E. Alonso, coa curiosa coincidencia,  que o marco territorial de recolocación, era da súa pertenza, do mesmo xeito que a gran maioría do parcelario contiguo incluídos, como aconteceu ser  os solos da estrada da estación que posteriormente levaría o nome da súa dona Antonia Montero.

Pero si podemos insinuar os supostos beneficios que quixo cobrarse este  xerarca coa implantación do servizo ferroviario, en lóxica neutral, tamén debésemos  mencionar os prexuízos ocasionados, por canto a rede ferroviaria, creou dous ámbitos ou fraccionamento nos 1,2 Km  do seu discorrer parroquial, e aínda que súa afección foi xeral, por dimensión do nivel de afección, os estragos ocasionados ao  seu patrimonio, tomaron maior escala, por canto, a traza viaria resolta a través dun recheo en noiro, partiu en dous a ampla extensión dos seus dominios, que desde a súa vivenda, alcanzaban a localización da súa Ostreira a 600 m, de distancia,   que viría de estar hoxendía  á altura do a cabeceira  do taller de bloques planos de Astano, 
Aquela alteración territorial, deu orixe a un novo reordenamento dos tránsitos, construíndose unha rede viaria alternativa ( Estrada da Estación, orixe da Rúa Hortelá, actual traza da  Rúa da  Torre) 

Casa matriz (Hoxe ubicación vivendas de San Valentín - Perlío)
A casa matriz que construíra ao bordo do Río Cádavo, na parcela hoxe en día ocupada polas Vivendas de San Valentín  de Perlío,   era un expoñente  de capacidade e  riqueza, un conxunto onde ademais da  exquisitez arquitectónica  da  vivenda principal, contaba con outra  encostada para uso e estancia dos caseiros, habendo de engadir ao complexo residente  a existencia de edificacións auxiliares,  cortellos, carruaxes, etc., así como unha ordenada e coidada horta nas leiras anexa.

A conexión  coa esfera do poder  daquel recadador de impostos que chegado doutras latitudes de sur galaico  asentara seu feudo na parroquia, resultaba  evidente, e unha mostra diso confírmao a excepcionalidade dun testemuño sen parangón, tal resulta, que antes da inauguración oficial do ramal Ferrol-Betanzos en 1913, o 4 de Febreiro de 1.912, un tren especial que trasladaba  ás súas maxestades  os reis Alfonso XIII e Vitoria Eugenia á cidade departamental para asistir á botadura do acoirazado España, aínda levando itinerario directo,  detense  en Perlío, para que   Aquilino E. Alonso e súa consorte, rendan recoñecemento ás súas maxestades  e fáganlle entrega á raíña dun ramo de flores.

Por esta anécdota, ferroviaria, sería doado encadrar a este persoeiro como un expoñente do mais rancio caciquismo, pero non é aconsellable facer xuízos de valor sen coñecer en profundidade a realidade dos seus feitos e o mérito do seu  compromiso social, quizá sabéndoo, alguén caería na conta  porque nun concello como Fene  de consolidados hábitos democráticos, a tempo presente, unha das súas rúas mantén o  nome de Aquilino E. Alonso e outra o da súa dona que o fora,  Antonia Montero.

15 jul 2011

O ARRASTRE DA CRISE

PUBLICADO Diario de Ferrol; sábado, 16 de xullo  2011
PUBLICADO La Región; sábado, 16 de xullo    2011
PUBLICADO Galicia Confidencial; sábado, 16de xullo    2011
PUBLICADO La Opinión -A Coruña; sábado, 16 de xullo   2011




Aínda a risco da perda  de rigor técnico, tentarei expor o tema da forma máis  accesible posible, consciente, que tal decisión minguará o interese dos ilustrados, pero neste asunto, é  obxectivo do autor  transmitir unha comunicación que atope recepción  nuns  destinatarios inexpertos na materia, procurando con iso, erradicar a equívoca e estendida   concepción  de quen se mostran proclives,  a encadrar e confundir   o urbanismo cun  restrinxido universo, onde todo vira ao redor da actividade construtiva e aos seus prolegómenos contiguos.


No entanto, aínda manifestando contrariedade por tal criterio,  tampouco debe estrañarnos en exceso  este extravagante maridaxe de percepcións, pois non habemos de esquecer, que a actividade edificatoria e o outorgamento das preceptivas licenzas, foi función protagonista que eclipsou ao completo outras prácticas de xestión urbanística establecidas no plan e necesarias para o desenvolvemento do modelo de ordenación previsto para cada ámbito espacial concreto. Foron tempos de euforia, onde aquela transformación desmedida e acelerada aparte desequilibrar o denominado  desenvolvemento sustentable, (que con frecuencia resulto ser un  epígrafe publicitario),   ocasionou sonoros escándalos de corrupción política e por riba, o exceso do seu ritmo edificatorio, provocou unha  saturación na oferta, que se converteu no  detonante que motivou  a explosión retardada dunha crise anunciada.


O dilema estaba servido, pois a crise como factor resultante, puxo en evidencia que tanto  os plans xerais de ordenación  municipal (PXOM), como o propio marco lexislativo de ordenación territorial das respectivas comunidades autónomas (Leis do Solo), adoecían do rigor máis elemental, por canto, co paso do tempo, no  contido dos  plans municipais, os feitos viñeron demostrar, que as previsións  do  seu teito potencial eran inadecuadas , é dicir, que as predicións de crecemento   estaban excedidas e para maior abundancia, tal exceso agravouse coa permisividade lexislativa  en facilitar    a transformación masiva á categoría de  urbanizable para uso residencial, de amplas bolsas de solo sen demanda que os xustificara, e mostra diso, son a multitude de desenvolvementos desta tipoloxía   paralizados “sine die”, tendo  de sumar ao devandito, o cada vez mais crecente número de concellos  que manteñen seu plan urbanístico estancado 

A pesar de todo, o guión aplicado até agora para a redacción dos Plans Xerais, segue mantendo a súa vixencia no relativo  aos  seus parámetros fundamentais, e por iso, habémonos de seguir preguntando que cidade queremos, ou como queremos que se desenvolva no futuro, e por conseguinte, teremos que seguir contando  cun método de planificación urbana que posibilite a coherencia sectorial entre ámbitos espaciais e logre a integración  coas infraestruturas e sistemas.



Pero para esa meta, non só é preciso dispor de cartografía  dixitalizada, pois para o desconxestionamento ou reactivación dos  plans xenuínos, hai que dispor doutros soportes  tan imprescindibles ,  como representa ser,  o coñecemento exhaustivo do medio físico de actuación,  tanto na súa vertente social como económica, a través de análises xeográficas, demográficas, sociolóxicas e económicas, resultando  fundamental a fiabilidade analítica deste  recoñecemento para aplicar o diagnóstico territorial de choque e as medidas paliativas de reactivación


Debemos tomar contacto cunha realidade complexa  e  asumir como premisa, que tamén en materia urbanística estamos nun cambio de ciclo,  e por tanto, a era   do desenvolvemento  desmandado dos séculos XIX e XX, a etapa das grandes expansións tocou ao seu fin, por tanto,  o noso reto debe ser acorde  coa  urxente necesidade  de pór en práctica un conxunto de medidas  de dinamización e articulación  dun  novo modelo urbanístico.
Este estándar  que a efecto distintivo  denominaremos  “Urbanismo Consistente”, haberá de dispor  de validez e lexitimidade social, atendendo a criterios    de reordenación sensata e  transición  á racionalidade, cuxo principal obxectivo  debe  orientarse  a frear novas expansións, favorecendo  a transformación da cidade existente, e pondo en valor  as potencialidades  e  sinerxías   emerxentes.


Por tanto os organismos implicados, sen dilación, son os obrigados a establecer as modificacións regulamentarias que fagan factible  tal posibilidade, pois sería cómico senón resultase tráxico, que en razón á  demora, de xeito figurado, tivese que ser a propia crise quen por inhibición se vise  obrigada a cumprir o papel de equipo   redactor, forzando por imperativo a promoción de recortes     dun  planeamento  excedido.