PUBLICADO EN : Galicia Confidencial; La Opinión; Globedia
Os indignados que oito anos atrás rexeitaban as políticas neoliberais causantes da crise e demandaban un modelo económico máis xusto., xa metidos en política, non reparan en encartarse ás teses daquel neoliberalismo espurio, facendo así perdurar no tempo a sordidez dos Santos Inocentes.
Xa entreaberta a porta de fin de ano, a de hoxe é unha data heteroxénea, unha xornada utilizada polos mass media para coar o cazapo do día como noticia certa, un tempo, que outros utilizan para dar renda solta á súa burleira humorada, e o mesmo día que os integristas do nacional catolicismo monopolizan ortodoxia para dar outra volta da raia á súa cruzada de afianzamento torquemadista, é dicir, toda unha métrica combinada de diversidade característica, unha mostra variada que pon de manifesto as distintas sensibilidades que rodean a conmemoración daquel episodio haxiográfico do cristianismo sobre a sinistra decisión de Herodes, aquel tirano que para afianzar o seu reinado exterminou a uns inocentes recentemente nacidos coa intención de acabar co Mesías como anunciado rei dos xudeus.
Para acentuar esa pluralidade distintiva, non serei eu quen veña a dar sentido á festividade litúrxica instituída polo Papa Pio V, si ben, por entender que a actualidade o require, si traio a colación aos Santos Inocentes, pero a outros mártires distintos aos da celebración desta festividade, refírome aos maxistralmente creados por Miguel Delibes na súa extraordinaria novela que con idéntico título levara Mario Camus á pantalla, na que foi e segue a ser unha das mellores películas do cinema español.
Novela e filme que ilustran de forma realista a España franquista dos anos 60, constituíndo o seu contido unha denuncia contra a ostensible política de marxinación que na sociedade daquel tempo tivo especial repercusión sobre a vida dos menos favorecidos; lesiva influencia, que agora, 59 anos máis tarde, en figurante democracia e con cambiantes protagonistas, de súbito, mais que mostrarse como o reflexo dunha época superada, coa instauración do neoliberalismo como doutrina política pasou a tomar categoría de plena actualidade e a máis completa das vixencias.
É coma se a contrasenso, fóra a ironía quen marcase a dirección do noso futuro, para impoñernos viaxar a tan adverso pretérito, facendo que as pantasmas da época negra da nosa historia tomen corpo de realidade en pleno século XXI, e así, se naquel entón era o ritmo da ditadura e o absolutismo da oligarquía quen marcaba a pauta de regresión da época, aos damnificados do tempo presente, é a asimetría democrática e os mercados financeiros coa colaboración política, quen impón a instauración dunha nova orde autocrática cuxa hostilidade ocasiona a pesadume na poboación mais exposta, ou o que é o mesmo , na ampla comunidade que agrupa a nova versión destoutros Santos Inocentes.
Por iso, que de manter a súa primacía o nefasto sistema neoliberal facilitando que o dominio implacable dunha elite económica siga impoñéndose á maioría cidadá, as medidas económicas de aplicación lonxe de favorecer a melloría das condicións de vida en xeral e o marco de liberdades, producirán maior quebranto nos niveis de benestar, un retroceso na distribución da riqueza e unha acelerada desocupación laboral; aspectos cuxo lesivo impacto fai que o oficialismo relixioso que rodea esta celebración tome carácter accesorio.
Sendo o testemuño destes escamoteos, quen por translación no tempo fai rememorar aquela película de Camus, e especialmente a repercusión da súa influencia no profuso colectivo que integran os novos Santos Inocentes, a quen ademais de subtraerlles o futuro téntanlles agora arrebatar a dignidade.
Desde a eclosión da crise de deseño do 2008, preténdese por todos os medios forzar a capitulación dos dereitos civís e laborais de pertenza, en asunción ás presións impostas polos propios artífices, que contan en todo momento coa man interventora do Executivo de quenda, que mais alá dos seus floreos ideolóxicos como avalistas do neoliberalismo veñen dispostos a estender o estado de intimidación e con iso reducir a resistencia a mínimos para rebaixar a conflitividade social, en vía a lograr que a única reivindicación admisible redúzase a sobrevivir en mimética correspondencia ao comportamento daqueles sumisos xornaleiros que con toda crueza creara en tinta e papel o mestre Delibes.
Pero os instigadores políticos da situación, antes de cantar triunfo debesen saber que non son bos tempos para o conformismo, e por tanto, que o futuro das persoas nin é negociable nin admite renuncia de tipo algún, e que toda medida imposta contravindo os dereitos establecidos no ordenamento constitucional contará coa réplica acorde, pois como no desenlace da novela de referencia, cando o poder despreza os dereitos fundamentais e o abuso faise intolerable, ata os Santos Inocentes reaccionan en clave de escarmento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario