PUBLICADO EN : Galicia Confidencial; La Opinión; Globedia
Ao poñer como “exemplo” empresarial a Inditex, a Ministra de Traballo Yolanda Díaz fixo ostensible que a día de hoxe non secunda as opinións dos seus compañeiros de partido sobre o emporio de Ortega, o que fai perigar a iniciativa de Podemos sobre a tributación das grandes fortunas.
O emporio Inditex, outorgou unha contía superior aos 63 millóns de Euros con destino a adquisición de material e equipos médicos necesarios para facer fronte á pandemia de Covid 19, unha dación que non hai que enmarcar na situación de excepcionalidade do momento, pois nos tres anos anteriores a firma do téxtil reportou igualmente un acumulado de 308 millóns para a adquisición de equipos médicos contra o cancro.
Sen ningunha outra consideración, a regalía do señor Ortega cara a tan boas obras habería de entenderse como unha mostra altruísta de solidariedade, pero a realidade difire de tal percepción, pois o certo é que cinguíndose ao seu singular tratamento impositivo o importe das dacións desgrava sendo por iso que a través de enxeñería fiscal verá de volta ao redor dun terzo do doado
Pero ademais quen utiliza este artificio paga menos impostos que o resto, pois as doazóns desgravan o 30% sobre o doado, de tal modo que unha terceira parte do seu importe, estamos a pagalas indirectamente todos os españois o que ademais pon en cuestión a atribuída xenerosidade do home máis rico de España.
A Sanidade Pública debe dispoñer dun financiamento acorde, que dea cobertura folgada ao servizo que debe prestar, sen depender para nada da esplendidez do adiñeirado de quenda; pero para iso é necesario un cambio substancial na política contributiva que pasa polo establecemento duns impostos suficientes e dunha recadación progresiva, que manteña equivalencia coa media da UE, de tal modo, que as grandes fortunas lonxe de ter un trato preferente tributen polos seus ingresos reais e que o índice non sexa inferior ao 30% real, debido a que con esa aplicación porcentual estaría garantida sen dificultades o financiamento do sistema sanitario.
Hai un aspecto salientable ao redor das doazóns, tal é o feito que están establecidas maiormente en países adscritos ao modelo neoliberal con escasa ou deficiente cobertura de servizos públicos, e tal cariz é determinante dun prototipo específico de sociedade e tamén o motivo para que a súa implantación conte coa aquiescencia dos partidos da órbita neoliberal do país e a interesada promoción das súas plataformas mediáticas; un patrón que de ningún xeito calla naqueloutros países onde ademais de ter un arraigado estado de benestar a presión fiscal de aplicación é de carácter progresivo.
Atribuír por tanto talante benefactor ás tan controvertidas dádivas do señor Ortega non pasa de ser unha broma de mal gusto e non só polo transfondo económico da súa finalidade, senón porque de orixe a súa enorme fortuna estivo en todo momento salpicada pola explotación laboral continuada que fai case medio século, tiña como vítimas propiciatorias ás mulleres do rural galego que cosían para el. na precariedade máis absoluta, para ao final quedar relegadas ao desemprego
Unha dinámica que non variou en absoluto tras a deslocalización da produción de Inditex a países en vía de desenvolvemento como Bangladesh, Turquía, India ou Marrocos onde a lexislacións laborais favorecen a explotación de homes e mulleres, permitindo con iso á empresa reducir os seus custos e aumentar así as súas ganancias, ao que se ha de engadir para máis precisión que no 75% das empresas que traballan para Inditex non se respecta o salario mínimo establecido e para maior embrollo o traballo infantil nas fábricas subcontratadas pola galega representa 25% da produción.
Todo un referente de economía mergullada que afecta o conxunto da súa actividade empresarial e vén indicar que o proclamado éxito da firma coruñesa máis que obedecer ao bo facer do seu staff directivo atende a turbias prácticas mercantís afastadas de todo código de conduta.
Pero aínda así a pesar dos prexuízos que para as arcas públicas induce a vixencia desta anomalía fiscal, todo vén indicar que a reforma prometida polo Goberno de Coalición (PSOE -. Unidas Podemos) para a corrección de tan atípico tratamento fiscal ás grandes fortunas terá que esperar; polo menos iso despréndese das declaracións da portavoz do Executivo, quen na súa intervención tras o último Consello de Ministros do mesmo xeito que a "comunista "Yolanda Díaz , non regateou palabras en agradecer ao xigante téxtil Inditex o seu "esforzo" e "responsabilidade" na crise do coronavirus, eludindo no transcurso da mesma falar dunha subida de impostos a Amancio Ortega, como fundador da empresa, o que conduce a deducir a existencia dunha revisión de formulacións.
Noutras palabras , deixar a cuestión conforme está para vantaxe do poderoso cabaleiro
No hay comentarios:
Publicar un comentario