3 oct. 2014

CORRUPTOS CON PRECINTO CONSTITUCIONAL

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia



Neste país onde o bipartidismos forma parte consubstancial do problema, só levando a termo a imprescindible reforma constitucional daranse as condicións esixibles para erradicar a corrupción


Vivimos nun país onde as organizacións políticas directamente connotadas coa corrupción intentan agora dar leccións de honradez apelando ao cumprimento da lei de leis; unha extravagante función de suplantación pedagóxica que en reciprocidade co envilecemento político, obriga poñer de manifesto que tras a indigna dobrez da súa conduta, os profesionais da perversión, o único que pretenden co seu clamor pola xustiza e o estatuído, é redimir as súas propias miserias a través do cínico manoseo da Constitución, á que, coas súas accións corruptas viñeron pisando deforma continuada dende as orixes da súa instauración.

Por iso, a pesar de  terse erixido en enérxicos defensores do magno documento de 1978, o certo é, que tras a aparencia dos que agora utilizan a Carta Magna como arma arreboladiza, está a deslexitimación infecta duns profesionais da corrupción política que a través das súas prácticas delituosas non só dedicáronse a vulnerar de forma sistemática o propio marco constitucional que hoxe din defender, senón que chegaron ao extremo de perverter o funcionamento do propio Estado ao desnaturalizar a súa finalidade xenuína de servir ao ben común, en proveito e vantaxe exclusiva dos seus propios intereses, ata o punto de forzar a mutación, que supón substituír a democracia que nos deramos na transición. pola consolidación dunha estendida cleptocracia, onde auspiciado polo bipartidismo, o latrocinio e a malversación convertéronse no referente político por antonomasia.

De aí que actualmente, cando a toque de consigna son eles mesmos os que disciplinadamente intentan impoñer dende a súa despistada moralidade o deber de cumprir a Lei e o previsto na Constitución, chegado a este punto, mais que darse por informados e acatar as súas instrucións, xorde como axeitada a ocasión para dar renda solta ao noso deber cidadán, que non é outro, que devolver a oración por pasiva, exhortando a estes transgresores revestidos de autoridade que teñen de ser eles e non a cidadanía, quen en primeiro termo, salden a súa débeda coa xustiza predicando co exemplo; rendendo contas ao efecto dos seus sucesivos escándalos de corrupción, que pon ao descuberto un país de políticos impunes, e de sobrados delincuentes que fortificados nas altas institucións, seguen gozando de completas prerrogativas.

Debendo entenderse polo tanto que son os múltiples casos de corrupción que inundan os informativos audiovisuais e as páxinas dos rotativos, a principal razón que se invoca para xustificar a progresiva desafección dos cidadáns cara aos partidos e os políticos involucrados; non remediándose tal aversión con interesadas proclamas de adestramento sobre unha Constitución superada, cando o auténtico revulsivo pasaría por arraigar na sociedade a cultura da legalidade a través de medidas exemplificantes, onde prioritariamente, a primeira medida de rexeneración democrática tería de consistir en meter no cárcere á ampla variedade de corruptos que actualmente seguen campando ás súas anchas, exercendo as súas prácticas delituosas á vez de persistir na súa escalada de degradación da vida institucional.

En consecuencia, unha Constitución que é utilizada con obstinación como instancia xurídica para impedir expresar a vontade aos que reclaman o dereito a decidir sobre o seu propio destino, polos mesmos políticos que ao unísono dedícanse a esquivar a parte mais controvertida do seu propio articulado, sendo tal desencontro, argumentación abondo para entender que o entusiasmo de 36 anos atrás tornouse en desconfianza e que dous terzos da poboación segundo enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), ven como papel mollado os 169 artigos do seu contido, ademais de declararse insatisfeitos coa súa aplicación. 

Contestación popular que ten de conducir a unha reforma constitucional, pois toda medida de rexeneración de mellora da calidade da democracia, para que faga efecto, demanda o perfeccionamento substancial desta máxima lei.

Sendo ao mesmo tempo a corrupción e a inmundicia moral que nos asfixía, aspectos, que
reforza a mais non poder a urxente celeridade en afrontar a mais que necesaria transformación da Carta Magna, pois o excedido grao de degradación que alcanzou a corrupción política, pon de manifesto que o actual marco constitucional non é en modo ningún ferramenta abondo para poñer remedio a unhas secuelas cuxo custo social repercutido está cifrado en 40.000 millóns de euros anuais, repercusión que ademais de obstaculizar a saída da crise, impide a xeración de emprego, orixina ineficiencias na economía e degrada a nosa imaxe no exterior ao tempo de desvalorizar aínda mais o nivel dunha xa socavada calidade democrática.

Graves resultados, cuxa solución  de ningún xeito a cidadanía directamente  prexudicada, deba poñer en mans  dunha clase política que carga ás súas costas   coa responsabilidade de tres longas décadas de hipercorrupción.
                                                                                                                                                                                                                                                                                                

No hay comentarios:

Publicar un comentario