26 sept. 2014

UN TRIENIO DE REFORMA CONSTITUCIONAL

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia

Tomarse en serio a constitución, non é supeditar o seu contido ás apetencias dos mercados financeiros mentres se impide a participación e pronunciamento da cidadanía.


Este setembro cumpríronse tres anos da aprobación da reforma do artigo 135 da Constitución, cuxo implícito, impuxo de forma categórica o pagamento dos intereses e o capital da débeda pública das Administracións sobre calquera outra necesidade de gasto; decisión, que a pesar dos seus funestos efectos, contou co apadriñamento de socialistas e populares, que afianzados na súa alianza bipartidista, ás primeiras de cambio, os seus membros, desertando do labor político pasaron a desempeñar o papel de "crupiers" no turbio xogo especulativo auspiciado dende o casino da Troika, (FMI, BCE e CE), a través do seu respaldo bilateral que pechou a cal e canto toda posibilidade ao consenso social e á celebración da obrigada consulta cidadá que unha reforma de tal calado esixía.

Sendo mais que evidente, que a anexión forzada daqueles deberes ao texto constitucional, trouxeron por único e exclusivo resultado a imposición das posteriores políticas de extrema austeridade, de recortes e regresión social, que como é ben sabido non se fixeron esperar como puxo de manifesto a ondada de privatizacións no contexto dunha leonina política fiscal, que impediu dende a súa posta en práctica preservar o gasto social, ao igual, que aplicar medidas de crecemento económico que fixesen posible combater o paro de forma rotunda e eficaz.

Reforma polo tanto, que tivo por auténtica finalidade dar cobertura legal ao afianzamento do credo neoliberal e ao rescate con fondos públicos dun quebrado sistema financeiro, e todo iso, mentres os membros desa dualidade política escapulíanse de facer seus os sacrificios esixidos ao resto da cidadanía, e os membros da casta, disparaban os seus beneficios de forma exponencial ou no seu defecto seguían elevando o factor multiplicador nos casos de evasión e fraude fiscal.

A ausencia de referendo como aval social daquela reforma exprés, fixo que a actual Constitución mais que da cidadanía sexa a do "mellor postor", pois como queda dito, a modificación de referencia consumouse en situación de déficit democrático ao ser rexeitada pola maioría do espectro parlamentario toda posibilidade de plebiscito vinculante sobre o particular, ao tempo de consumar a vendeta de poñer a política ao servizo dos mercados financeiros, que en síntese, foron os verdadeiros instigadores de tan arbitraria iniciativa.

Incongruente   alianza que como síntoma de rexeitamento fixo afondar o abismo entre a cidadanía e ese sector concreto da clase política, ao coincidir os feitos xusto no momento que o movemento 15 M, en auxe reivindicativo, tomaba a rúa a tempo de reclamar maiores cotas de democracia real.

Entre outras cousas á parte de delatar unha posición cada vez máis esvaecida da democracia, aquela reforma creou unha erosión no paradigma do constitucionalismo polo feito de meter man ao seu texto orixinal á marxe das debidas garantías de pluralismo político e cidadán, circunstancia, que causou que actualmente dispoñamos dunha Carta Magna sen vocación de continuidade; pois afectada por un proceso de domesticación económica, cinguíndonos ao seu actual contexto non será nunca unha norma adecuada de convivencia, e moito menos, a ferramenta apropiada para encartar a uns poderes fácticos que auxiliados polo bipartidismo tomaron ao asalto o pleno control da mesma.

En definitiva, a reforma exprés de 2011, non foi mais que outra pirueta na deriva antidemocrática que puxo de manifesto facer político dos membros do bipartidismo, caracterizado, pola súa función de simples intermediarios de decisións políticas adoptadas en foros alleos a aqueles nos que reside a soberanía popular; e todo iso, sen dubidar facer do parlamento o lugar onde referendar formalmente as decisións adoptadas por adiantado por clans e grupos de presión que carecendo de toda lexitimidade democrática impoñen ao ditado a súa vontade a través da maioría que lle reporta o voto cativo dos seus mais submisos palafreneiros.

Polo tanto, cando aos cidadáns quítaselles o dereito a decidir sobre aspectos de especial transcendencia que afectan ao seu propio futuro como resultou ser a tan inútil reforma da Constitución, esixirlles acatamento ás modificacións habidas é dende todo punto de vista un anacronismo democrático que demanda resarcimento, de igual modo que a redacción do antedito artigo 135   require ser derrogado de forma urxente por ser condición "sine qua non" para impulsar o crecemento e garantir con iso a creación de emprego e o restablecemento do Estado do benestar. 

Rexeneración que en todo caso sempre quedará  a expensas dos electores e da súa pericia en saber a quen  votar.


No hay comentarios:

Publicar un comentario