5 sept 2014

OUTRO MUNICIPALISMO É POSIBLE

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia



Hase de tomar conciencia que a reforma electoral do PP, é un intento de secuestrar as alcaldías a través dun proceso de deterioración democrática,  que de seu encerra unha dificultade insalvable para traballar polo interese xeral e o ben común da cidadanía, e  xa que logo,  é obrigado combater con rotundidade.



Aínda non existindo un proxecto de lei ao respecto, só quen practica a controversia política de adxudicar medallas de Castelao á par de negarse a condenar os excesos do franquismo, unilateralmente e a menos dun ano das eleccións municipais, pódeselle ocorrer o disparate de seguir alimentando a barbarie de botarlle un novo pulso á democracia para alterar por propio rédito político a vixente normativa que regula o proceso electoral no ámbito local, e todo, dende a perversa oportunidade que lle brinda o feito de dispoñer de maioría absoluta nas Cortes Xerais, aínda cando tal vantaxe, ao non ser outorgada para a devandita finalidade haxa de entenderse como un proceder de pura conveniencia, utilizado ao só obxecto de burlar a expresión maioritaria dos electores, cuxo escamoteo, reviste de nulidade o seu contido dada a súa condición allea á vontade popular.



Falar polo tanto de rexeneración democrática ao referirse a semellante simulacro, cando o que en realidade pretende o PP é cambiar as regras do xogo para garantirse o maior número de alcaldías, vén a acentuar a súa acusada nostalxia do pasado e por analoxía, a súa manifesta tendencia de aproximación á "democracia orgánica" de tempos pretéritos.


Toda unha ofensiva reaccionaria que pon ao descuberto o verdadeiro ADN político de quen intenta substituír o sufraxio universal, libre, igual e directo por unha versión cada vez mais comparable coa utilizada naquelas eleccións corporativas polo terzo familiar de épocas do franquismo, e cuxa finalidade ao igual que entón, ten por único obxectivo facerse a calquera prezo co control dos concellos, como elo de enganche para asegurarse o poder omnímodo do Estado.

En tal sentido, facendo destape da realidade é obrigado confirmar que as novas regras de xogo que promove o PP á marxe dos electores, por mais excelencias publicitarias que se lle atribúan, o seu verdadeiro propósito correspóndese en exclusiva cun exercicio de absolutismo en clave partidista, que ademais de non beneficiar en nada á cidadanía tampouco vén a mellorar os niveis de calidade da nosa democracia; pois á parte de afondar na desigualdade do voto, facilita a entrada en escena da inconstitucionalidade que representa a nova modalidade da repartición de escanos de concelleiro, ao ser distribuídos de forma desigual, acorde á atípica consumación dunha maioría diverxente cos apoios obtidos nas urnas.

Pero non só é Rajoy e o seu séquito de achegados os que intentan disfrazar de normalidade este ataque frontal á democracia, senón que os representantes do sector conservador do municipalismo, sen tampouco escoitar a opinión dos seus directos electores, deixándose levar exclusivamente polos ditados do seu partido, non dubidan en facer unha defensa pechada da formulación de Reforma de Lei Electoral Municipal esbozada polos mais destacados membros do Executivo.

E  así, mentres os   candidatos designados a dedo no seo da organización conservadora, atrévense  a erixirse     en adaíles   da representatividade utilizando por interesado  argumento a necesidade de reforzar a vontade cidadá fronte aos pactos,  a  falacia dos seus postulados faise patente  cando ás costas dos electores,   optan   por darlle  continuidade ao anacronismo que  supón facer gala de demócrata  ao tempo de participar activamente  na  incongruente   elección indirecta dos deputados provinciais, onde ao parecer, si procede manter  vixente o que resulta de xeito evidente inxustificable.    

Ninguén cambia as cousas para prexudicarse, por iso que tras a proposta de Rajoy de variar o réxime electoral introducindo un sistema de representación á carta, mais que percibirse un fortalecemento da democracia a nivel local, advírtese a depreciación da representatividade institucional, como tamén unha mingua do pluralismo social e político; síntomas de involución, propios do debilitamento que en todo sistema de liberdades, xorde cando inadecuadamente, en clave partidista altérase a normativa que regula os procesos electorais, e en consecuencia a iso, propíciase que unha minoría poida exercer o goberno contra a vontade da maioría.

Á parte da dubidosa constitucionalidade que rodea a iniciativa reformista do PP sobre a elección directa de alcaldes a través da lista máis votada, o contido desta é un ataque á liña de flotación do municipalismo, por canto, a súa finalidade non responde tan só ao interese por conservar artificiosamente a súa representación hexemónica ante un mais que predicible revés electoral, senón que a súa aplicación por restritiva causará unha clara regresión ao autogoberno local, xusto cando a auténtica rexeneración dos concellos mais que adulteracións democráticas como a presente, esixe a posta en práctica de medidas que contribúan a garantir maiores cotas de democracia real, directa e participativa.                                                 

No hay comentarios:

Publicar un comentario