29 ago. 2014

CARA AO GOLPISMO ELECTORAL

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia

Só coa perda da maioría absoluta do PP nace a oportunidade de rexenerar a democracia e devolvela á cidadanía, obxectivo de inviable consecución, se a prevalencia das actuais taifas políticas segue impoñéndose á mais que necesaria unidade de actuación electoral.



Nunha democracia que se prece, un dos preceptos básicos que debe presidir o seu funcionamento, ten de ser, o feito de participar electoralmente en pé de igualdade conforme a idénticas regras e en equivalente concorrencia; garantías que para nada pódense asimilar ao ordenamento electoral vixente neste país, ao ser deliberadamente proxectado no transcurso da transición para favorecer en exclusiva a consolidación do actual modelo bipartidista e que en razón a tal propósito, o seu contido de marcado déficit democrático, foi pensado expresamente para erradicar ás minorías.

E así, se tal característica é factor dominante no contexto de todo tipo de comicios no implícito da actual Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral, no que a concellos se refire, cando van transcorridos trinta e seis anos dende as primeiras eleccións municipais, o devandito marco legal, lonxe de corrixir os seus aspectos mais restritivos, por interesado imperativo mantívose invariable a pesar de menoscabar coa súa aplicación o exercicio das liberdades políticas.

Hai temos como mostra tanxible, o escamoteo da capacidade de decisión dos cidadáns co mantemento das listas pechadas e bloqueadas, a continuidade da antítese democrática seguida para a repartición de concelleiros onde a aplicación do sistema D'Hondt imponse a todo intento de representación proporcional, ademais da perniciosa permanencia do limiar  do 5% dos votos emitidos para poder acadar representación, un límite, que non só desvirtúa o mandato electoral dun amplo sector de votantes, senón que fai que mais de tres millóns de cidadáns, por exclusión, queden fóra das institucións municipais. Factores todos eles, cuxa prorrogada vixencia  non axuda para nada a mellorar a confianza dos electores cara a uns representantes políticos que mais que promover corrección de tan inxusto sistema electoral, durante máis de tres décadas optaron por favorecerse da súa arbitraria aplicación.

De aí que agora, cando o goberno de Rajoy, nun insólito ataque de reformismo decide afrontar a toda présa unha revisión electoral para favorecer segundo di o goberno municipal, en modo ningún tan acelerada pretensión reformista pode ser considerada un acto de sinceridade, pois o certo é que as limitacións anteriores non só prevalecen no marco da súa proposta, senón que mesmo, ensanchan o alcance do seu carácter restritivo acentuando aínda mais a exclusión das minorías e facendo con iso mais notorio que nin os electores son iguais ante a lei, nin moito menos todo voto ten idéntico valor.

Por iso que tras esa mensaxe do PP expresiva de mellorar a transparencia e a calidade de goberno dos nosos municipios, á par de atribuír aos votantes un control máis directo sobre quen é o alcalde, xusto cando as sondaxes lle son totalmente desfavorables; o que verdadeiramente está a ocultar tras tanta présa e improvisación, é a súa malsá intención de cambiar unilateralmente as regras do xogo duns comicios locais a escasos meses da súa celebración, coa expresa finalidade de dificultar a formación de gobernos de coalición, para así poder regalarse a si mesmo como lista mais votada un bo puñado de alcaldías.

Polo tanto, cando a formación conservadora tira das malas artes facendo valer a maioría alcanzada nunhas eleccións xerais para conferirse prelación lexislativa a longo prazo, con tal manobra, está a manipular as regras do xogo democrático ao utilizar a vontade duns electores de onte para coartar a influencia cambiante dos votantes futuros, e deste xeito afianzar a súa permanencia no poder.

Manobra que resulta equívoco catalogar como "pucheirazo", pois a gravidade do seu alcance vai moito máis alá, por canto a verdadeira razón do cambio ten por única finalidade neutralizar o mais que seguro castigo nas urnas. E cando é o partido no poder quen ao abeiro da súa maioría parlamentaria impide o avance da competencia política optando unilateralmente por cambiar a lei, con tal actitude está a promover un acto de "golpismo electoral", que xustamente é o que vén disposto a impoñer en solitario o Partido Popular, exercendo a dualidade de árbitro e xogador ao mesmo tempo.

Ante a manifesta involución para a democracia que representa a mal chamada reforma do sistema electoral local que acuña unha dereita reaccionaria e recalcitrante, todo demócrata está obrigado a proceder en consecuencia, e para o efecto, superando cantonalismos políticos constituírse en fronte de oposición como punto de partida para a formación de candidaturas unitarias de confluencia, que por agrupación de sinerxías aborten as aspiración de quen a través de subterfuxios intenta manterse no poder sen ter a maioría social e de costas á vontade popular. 

Pois tan só dende a unidade de acción electoral lograrase frear toda regresión e blindar o futuro da democracia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario