1 ago. 2014

A XUVENTUDE NA ENCRUCILLADA

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia

Nunha sociedade na que prima a demanda do sector financeiro sobre a economía social, particularmente, os mozos como esperanza futura do país, afectados polos prexuízos dun desemprego estrutural e a total ausencia de medidas paliativas, se politicamente non se remedia, están chamados a converterse nunha "xeración perdida".



Mentres miles de mozos de acreditada cualificación, ante a falta de saída profesional non lles queda outra que tomar a equipaxe e emprender o camiño da emigración, en tanto isto acontece no país, o inaudito é, que os mais radicais teóricos do neoliberalismo ao referirse ao xeneralizado problema do desemprego xuvenil aduzan como principal explicación, que a razón do desproporcionado índice de paro neste segmento do mercado laboral obedece en exclusiva á falta de formación das persoas que están desempregadas; todo un disparate descomunal, que chega ao colmo da estupidez cando idénticos teorizantes optan por avultar a barrabasada afirmando que infinidade de postos de traballo están a quedar desertos por falta de candidatos con capacidade adecuada para afrontar a actividade.

É dicir, polo visto e a xulgar por tal parecer, a causa do elevado desemprego xuvenil obedece mais á falta de formación dos demandantes que á escaseza de oferta do mercado de traballo, que dito noutras palabras equivale a deducir que a prole dos axitadores da confusión, intenta estender a idea que neste ámbito laboral o incremento do paro é culpa exclusiva dos propios parados.

Excentricidade, que paradoxalmente diverxe no substancial con toda análise rigorosa sobre a situación real do mercado laboral, poñendo de relevo en todo caso, que o colectivo mais afectado pola crise correspóndese co sector mais xove da poboación, e que a verdadeira razón do atrapallado incremento do índice do paro repercutido, lonxe de ter a súa orixe na pretendida falta de formación, está manifestamente vinculado coa excedida diminución que se produciu no conxunto da actividade económica, que ademais da recesión, se viu prexudicialmente afectada polas políticas de austeridade aplicadas polo Goberno, cuxa nociva repercusión freou todo estímulo económico que disparou o desemprego ata cifras límite como consecuencia da absoluta falta de investimento, pois tal decisión á parte de destruír en boa medida o tecido empresarial existente, polo seu negativo efecto, tamén impediu a produción e xeración de novos postos de traballo.

Evidencia, que en modo ningún pode ser desmontada e moito menos recorrendo a formulacións afastadas de toda realidade. confirmando tal parecer o feito de saber que os mínimos postos de traballo creados no último bienio foron empregos de baixa cualificación, paradoxalmente desempeñados por mozos con mais elevado nivel que o que requirían a esixencia profesional dos traballos a realizar.

Polo tanto, cando o perfil dos mozos expatriados con probada capacitación bota un saldo de 120.000 prexudicados durante o transcurso da lexislatura do PP, non é de recibo que o Executivo conservador utilice tan contraproducente resultado para seguir oficiando a súa esperpéntica cerimonia de confusión coa malsá intención de pór en cuestión  os niveis de idoneidade do sector afectado, para así, mentres o éxodo da fuga de cerebros intensifícase, utilizar as cifras desta emigración forzada no seu propio interese político, ao subtraer aos desterrados do cómputo da poboación activa resolvendo esta impresentable realidade a través dunha virtual manipulación estatística onde enganosamente logran que a taxa de paro baixe ao 53,1%, a custa de facer desaparecer do escenario laboral á totalidade deste colectivo de proscritos.

Polo tanto, cando a situación chegou a tinguiduras dramáticas cun desemprego xuvenil marcando record, urxe afrontar o asunto cun mínimo de responsabilidade política, excluíndo para|a o efecto a utilización de xustificacións absurdas, para asumir dunha vez por sempre que as causas estruturais do desorbitado paro xuvenil non hai que buscalas na falta de formación, pois nun país cun considerable nivel de sobretitulación mais que aducir carencias formativas onde non as hai, o seu sería tirar partido das potencialidades efectivas para unha vez precisadas, poder inverter o desfasado patrón económico a través de políticas de crecemento e a restructuración do obsoleto modelo produtivo acorde ao aproveitamento e capitalización das sinerxías resultantes en prol de facilitar o desenvolvemento da actividade empresarial e con iso o emprego.


Se ante a arrepiante realidade que supón que un de cada dous mozos non teñan posto de traballo, o Executivo conservador non fai súa esa realidade e en vez de implementar ámbitos políticos propicios para o desenvolvemento da actividade empresarial e a esixida modificación do sistema produtivo, empéñase en seguir freando o crecemento e dando continuidade ás súas inactivas políticas de emprego, é mais que evidente que o paro soportado por esta xeración rexeitada polos mesmos mercados que apadriñan a austeridade, seguirá a súa tónica ascendente ata converter aos seus afectados nunha xeración perdida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario