25 jul 2014

MENTEN MÁIS QUE FALAN

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia

Cando da noite para a mañá veste  gobernado por unha cuadrilla de mitómanos, mais que outorgar  crenza  ás súas palabras, entra na túa obriga como  cidadán   ter control exhaustivo da situación, mantendo  a todo  efecto unha actitude  crítica ante o seu proceder e os seus feitos.

Que Rajoy e os membros do seu gabinete menten mais que falan é un todo evidente, ata o extremo de chegar cos seus embustes ao nivel da "pseudoloxía fantástica", esa síndrome propia dos que son propensos a mentir compulsivamente e fabricar falsidades complexas e sistemáticas, que a diferenza da mentira ordinaria ten a súa orixe en motivacións patolóxicas, facendo que, no seu ego interno, as súas fantasías acaben tomando rango de realidade ata chegar ao desvarío de crerllas eles mesmos.

E isto debe ser así, pois caso contrario ningún membro do Goberno nos seus cabais atreveríase a soltar o disparate de afirmar estar na liña de crear emprego estable, cando a pesar dos esforzos propagandísticos a realidade dos feitos fala en linguaxe diametralmente oposta, e así, despois dun lustro do estalido da crise mais que percibirse síntomas de reactivación, o verdadeiramente certo é que a destrución do tecido produtivo segue un ritmo imparable como poñen de manifesto as 180 empresas que cada día botan peche á súa actividade.

Negativa tendencia que a tempo presente non cabe evadir tras a recorrente xustificación da herdanza recibida, pois reivindicando a verdade, o certo é que foi Rajoy quen despois de prometer electoralmente crear emprego, agora, pasado o ecuador do seu mandato e incapaz de satisfacer o seu compromiso, intenta presentar como un éxito o que segue sendo o seu peor balance imaxinable, onde a pesar das vantaxes do compoñente estacional segue mantendo un saldo no seu haber de 1250000 postos de traballo destruídos, tendo de engadir a iso un incremento de 622000 parados como tamén os 150000 fogares máis en situación de emerxencia extrema por total carencia de ingresos, sen obviar o impoñente dato do 53,1% de paro xuvenil nin tampouco o 1100000 desempregados de longa duración.

Tendo  de concluír dicindo que non é que se crease emprego ningún, senón que a suposta mellora estatística é simple e directa consecuencia da diminución da poboación activa, que por efecto do desanimo ou motivo de emigración, reduciu o censo da (EPA) en 232.000 persoas, é dicir, que por mais optimismo que interesadamente se malgaste, tense de afirmar que durante o que vai de lexislatura o PP, non só non conseguiu crear emprego estable, senón que tense incrementado a súa destrución e acentuado a precariedade, sen que a través das súas políticas sectoriais e a bazofia de reforma laboral, se albisquen verdadeiras expectativas de reverter a situación.

Por iso mais que manterse nas súas trece, o executivo conservador debería intentar reencontrarse coa realidade e decaer no seu empeño de facer calar na cidadanía o gancho electoral de que a crise tocou á súa fin e que a recuperación xa a temos aquí, pois malia o desmedido esforzo propagandístico realizado polo Goberno de Rajoy para divulgar como éxito a súa camuflada mentira, o verdadeiro é, que a crise teñen fol para anaco e que non haberá mellora ningunha na economía do país, polo menos, mentres subsista a obstinación de intentar saír desta aplicando por toda solución drásticas medidas de axuste ligadas a políticas de radical austeridade, toda vez que dando continuidade a tal cuestionada conxugación de factores mais que alcanzar solución ningunha, fatalmente, prorrogarase a continuidade no ámbito da recesión.

De aí que substituír a carencia de resultados reais en materia de xeración de emprego pola estratexia mediática de publicitar paliativamente "titulares - trampa" de economía positiva, haberá de percibirse como unha actitude de clara manipulación ao delatar tal conduta unha actitude de perversa intencionalidade tendente a seguir terxiversando a realidade dende a propia mitomanía política, que ao mesmo tempo revela unha conduta de total indiferenza coa situación, mentres o futuro dos demandantes de emprego vaise polo sumidoiro.

Cando é farto sabido que todo proceso de crecemento conta co acompañamento do emprego ao igual que a situación de recesión leva implícita a suba do paro, resulta imposible de asumir os augurios dos profetas da recuperación no seu intento de facernos tragar coa teoría do "emprego sen crecemento", por tratarse dun suposto enfrontado coa crua realidade dunha secuencia interminable de EREs e peches de empresas, que día a día sen parar, precipitan a miles de persoas a seguir incrementando o drama do paro, e mentres a realidade dos feitos se siga expresando con tan dramatismo non cabe outorgar fiabilidade ningunha para coas cifras e previsións achegadas polo Goberno da Nación, pois ademais de ser unha falsificación sen paliativos, é a maquillaxe de aparencia electoral para falsear a realidade e facer crer aos electores que os malos tempos xa son parte do pasado. 

E dicir, a tarxeta de presentación dos que viven instalados no engano e a mentira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario