11 jul. 2014

UNHA REXENERACIÓN SIMULADA

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia



Resulta inadmisible toda  formulación  de rexeneración democrática  que non veña precedida  da erradicación de todo  síntoma  de dexeneración  política, e nesta relación de reciprocidade,  ten o PP o infranqueable impedimento da súa propia corrupción.

Dende o inicio da crise, os cidadáns que esporadicamente botáronse á rúa denunciando a dexeneración do sistema, na súa gran maioría, fixérono entoando voz en berro, o lema, "chámano democracia e non o é"; slogan, que por mais esaxerado que puidese parecer, a realidade dos feitos puxo de manifesto a contundencia da súa veracidade, pois aínda resultando esaxerado dicir que vivimos nunha ditadura, non é menos certo, que nun país que se esmera en outorgar protección aos enganadores en detrimento dos seus damnificados, nese estado de cousas, cun poder político secuestrado e pregado aos intereses económicos das elites financeiras, iso que dan en chamar democracia é de todo punto unha completa falacia, aínda cando, por puro formalismo a cidadanía poida exercer seu dereito electoral.

O certo é que o actual estado de degradación democrática, lonxe de adecuarse aos postulados que interesados analistas circunscriben ao derrubamento da bonanza económica, o feito innegable é que a súa orixe vai moito mais alá, tanto, que en axeitada temporalidade, para dar coas súas causas, teremos  de remitirnos ao contexto doutro tempo político en estrita coincidencia coa transición, pois foi nese momento histórico cando sen mediar cambios no esencial, a través de maquillados retoques de aparencia, os partidos políticos alleos ao réxime, en contrapartida á súa legalización optaron por desbotar a ruptura sen establecer maiores esixencias, sendo así como a oligarquía do franquismo sen cambiar de identidade seguiu a exercer  idéntica función despois daquela perniciosa metamorfose.

Foron aqueles feitos os que frustraron de partida a viabilidade dunha democracia que puido ser e non foi, por canto, tanto a incorrección do modelo de transición aplicado coma as súas circunstancias derivadas, situaron toda hipótese democrática en permanente risco involutivo, ao ser os mesmos oligarcas de sempre quen seguiron mantendo o pleno poder do aparato do Estado, que en todo momento foi superior á comparativamente insignificante influencia exercida polo executivo político de correspondencia.

É dicir, que á marxe de prácticas de fantasía ou ilusionismo, o certo é que o poder real dista de ser o político, e así, os distintos gobernos do bipartidismo lonxe de exercer categoría ningunha de mandato, dedicáronse a cumprir exclusivamente como subordinados daquela  oligarquía económica que sostivera ao franquismo, que en síntese, foi e segue a ser o verdadeiro poder real do noso país.

Atendendo a esa mais que evidente conduta de submisión, resulta sorprendente o recente alarde de sublevación contestataria proclamado por un descoñecido Rajoy, quen, aproveitando unha orquestrada campaña de imaxe, para sorpresa de propios e estraños, erixido en adaíl do contrasentido, non reparou o mais mínimo en ofertar medidas de rexeneración democrática, delatando con iso ademais dun alto grao de descaro, inobservancia plena ao mínimo código de conduta, pois ademais da cesión ante a presión dos mercados financeiros, é de todo punto sabido a súa implicación como máximo dirixente do PP no mais soado escándalo de corrupción, e ambos os dous aspectos no seu conxunto poñen de manifesto o trasfondo electoralista que esconde a súa cacarexada oferta rexenerativa.

O que intencionadamente despista o presidente Rajoy, é que todo suposto de rexeneración democrática leva implícito un recoñecemento de dexeneración política, pero ao parecer, entrar a afondar nese aspecto é algo que non interesa nin preocupa o mais mínimo ao entender que non é ese o obxecto do debate, e ao respecto, para despexar toda incógnitas ten de precisar que o goberno do Partido Popular coa súa cabeza visible á fronte, formalmente non pretende rexeneración ningunha, senón retroceder a formas políticas do pasado, e cando isto acontece, mais que estar a asistir ao restablecemento dunha verdadeira orde democrática, clandestinamente, estase a promover a estabilidade da corrupción en todas as súas formas posibles.

Por iso, aínda que se empeñen en manifestar que non hai electoralismo na súa formulación, o certo é, que a finalidade desta estratexia rexenerativa non é para nada unha reconsideración de postulados políticos, senón unha nova argucia electoral, unha manobra, cuxa única finalidade é frear os malos augurios que lles depara o ecosistema político, ao reafirmar o cada vez mais evidente final do bipartidismo. Pero equivócanse de plano ao pensar que con actitudes testemuñais como a redución do número de aforados, a diminución de representación parlamentaria ou o cambio de modalidade na elección dos alcaldes, teñen o tema resolto; pois a esixencia é outra e diametralmente distinta, e pasa esencialmente polo restablecemento e afondamento da democracia que se dexenerou, limpando as institucións do Estado de corrupción para que sexa a decencia un valor presente ao inicio do mais que obrigado Proceso Constituínte. 

E mentres iso non aconteza, é de todo punto evidente que a degradación política manterá o seu ritmo ascendente.


No hay comentarios:

Publicar un comentario