4 jul 2014

AFÓRAME OUTRA VEZ

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia


Toda medida que implique infracción do principio de igualdade debe resultar inapropiada nun Estado de Dereito, e por iso, o privilexio de aforamento ten de erradicarse sen excepción, pois á parte dunha aberración democrática é unha insensatez xurídica.

Escoitar o propagado desatino que todos somos iguais ante a lei, mentres resulta público e notorio que máis de 10000 personaxes da distinguida elite social, incluídos a prole parlamentaria, gozan de privilexios procesuais e penais vía aforamento; fai que dar oídos a tal afirmación, ademais de supoñer unha ironía, sexa unha tomadura de pelo inadecuada dun país democrático e mais acorde á adulteración pretérita do Spain is different; analoxía, que por apropiada vén a trasladar a escasa fiabilidade que debe outorgárselle, a quen, para amparar os seus privilexios a través de artificios, empéñanse en desfigurar a realidade ante a cidadanía, cando é farto sabido que a coñecida afirmación de igualdade ante a lei é unha mera formalidade coloquial tan repetida como falsa, de aí a necesidade de discernir entre a verdade e a retórica.

Esa prevalencia outorgada á cúpula dominante do país, aínda sendo agora cando salta á palestra como consecuencia do proceso de reaforamento concedido vía expresa ao ex rei tras deixar o seu real cargo, o certo é, que tal prerrogativa foi instaurada no seu día de forma deliberada por parte dos constituíntes, coa expresa finalidade de variar as regras de competencia xudicial en favor dese corpo social selectivo participado pola "aristrocracia" dos tres poderes clásicos (lexislativo, executivo, e xudicial), para chegado o caso, lonxe de quedar sometidos á pauta que rexe para o resto dos cidadáns vía xulgados de instrución, reservarlles o dereito distintivo de ser procesados e xulgados por determinados tribunais expresamente sinalados, é dicir, outro lastre mais da transición, ou o que é o mesmo, o mantemento en equivalencia dos distingos daquela España do franquismo.

Quizais por non ser dado a tragar con rodas de muíño, tampouco son conforme en consentir o interese dalgúns por perturbar o principio de igualdade sen xustificación motivada, non podendo asumir polo tanto, que as normas procesuais que en boa lóxica son establecidas como directivas de aplicación para esclarecer a verdade con plenas garantías, teñan que ser alteradas para satisfacer vantaxes específicas das castas do poder, toda vez que nunha democracia formal e realmente representativa, en boa lóxica ha de rexer o principio de homoxeneidade, e iso só será así, cando se asuma por irrenunciable que a verdade xurídica non pode ter carácter parcial nin versión diferenciada entre ámbitos cidadáns, e só dende esa percepción entenderase o aforamento como un privilexio excluínte que mingua garantías e dereitos ao resto da maioría desaforada.

Actualmente a deterioración vai in crescendo, ao poder comprobar como os aforados son un espécime exclusiva do noso hábitat, unha pandemia xenuína restrinxida ao marco territorial do solo patrio, unha singularidade, que converte o tan levado privilexio de aforamento nun precepto de excepción no resto do ámbito europeo, ata o extremo que a devandita práctica toma marchamo de exclusividade española; resultando de todo punto paradoxal que a consolidación dese monopolio de salvagarda de capitostes, se efectúa a libre determinación do país outorgante, sen que neste caso, medien esixencias restritivas como os recortes impostos a outros dereitos sociais polas directivas  da Unión.

Con todo, o que resulta extremadamente curioso é a dualidade de liderado que ostenta o noso país no ámbito da UE, e así, ao tempo de encabezar con notoriedade o ranking relativo ao multitudinario aforamento, tamén o capitaneamos no que respecta á corrupción política, esa estendida patoloxía en fase de empeoramento incesante e que pola blindaxe que representa esa desmesurada activación de aforamentos e a repercusión das excepcionalidades xurídicas de acompañamento, cada día faise mais difícil combater.


Ao fío do exposto, é mais que evidente que a clase que domina a maioría política, dende o inicio da transición dedicouse a utilizar a institución lexislativa coa finalidade de establecer un status favorable ás súas proteccións, e diferenciado polo tanto, do interese xeral do resto dos cidadáns, facéndose patente a través da estridencia política, a súa arbitrariedade e desvío de poder, cuxo resultado final resúmese, na violación do principio democrático fundamental de igualdade ante a lei, como tamén en subverter a separación de poderes, supeditando ao Poder Lexislativo e ao Poder xudicial, por parte do Poder Executivo.

De aí que a estas alturas non caiban medias tintas e que a única solución ao problema pase pola absoluta anulación das vantaxes outorgadas, que forzosamente, ten de conducir á supresión ao completo de toda condición de aforamento, como punto de partida, para substituír o sistema político establecido por outra forma de facer política, onde sexa a protección ao cidadán a que elimine as dispensas da casta dominante.


No hay comentarios:

Publicar un comentario