27 jun. 2014

NON É PAÍS PARA DEMÓCRATAS

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia

O recente sismo electoral que causou serios danos na estrutura do bipartidismo, hai que entendelo, como o principio do fin dos que a pesar do  demoledor efecto seguen reafirmándose na continuidade como solución de futuro.

Polo feito de estar vacinado de sorpresas, hei recoñecer que case nada me asombra xa na política, de aí que nin me estrañe que o PP ostente o goberno da nación a pesar de custearse con diñeiro negro, como tampouco, me impresione o mais mínimo que os sempre republicanos membros do PSOE, chegada a hora da verdade, tiren do transformismo e convértanse en cortesáns.

Pois nada che pode estrañar cando xogas coa vantaxe de ter por confidente ao "devir histórico", ese auténtico informador dos acontecementos que a través do tempo mantente asiduamente en plena actualidade, dende o día e hora, en que os incompatibles tirios e troianos desta representación, limasen asperezas, e de mutuo acordo, tras a aparencia dunha presunta transición política decidisen inverter a realidade poñéndolle anteface á ditadura, para así unha vez enmascarada, facela pasar por auténtica democracia.

Relación confidente que só pódese establecer dende un tratamento da historia en arranxo aos seus xustos termos, é dicir, á marxe de toda entelequia e disidente polo tanto, coa oficialidade da fraudulenta versión que sobre a transición política nos quixeron facer tragar uns interesados guionistas, que a propio intento. empeñáronse en validar como verdadeiro o que evidentemente non era mais que a representación dunha simulación orquestrada.

Por canto, o certo foi que máis que un rompemento co réxime anterior, neste país non se consumou ningún proceso de cambio, e moito menos de transformación democrática "stricto sensu", senón que todo síntoma de mudanza perceptible, limitouse en exclusiva, a unha reforma de baixa intensidade que dende o autoritarismo do réxime establecido, propiciaron os mais radicais gardiáns do sistema, á vista dos acontecementos e ante o risco de ver ameazado o seu propio status, e así, en contrapartida ao mantemento dos seus privilexios, accederon a tolerar o lavado de cara da ditadura logrando con aquela acción testemuñal esvaer o tránsito cara á democracia tras a teórica apertura ao marco de liberdades que a pesar da súa nula efectividade, en todo momento contou co referendo colaboracionista do sector mais brando da oposición política.

E así, aquela alianza contra natura, fixo que da ilusión ideolóxica forxada na etapa da clandestinidade pasásemos a un proceso de entreguismo, onde, a maioría política que debese liderar a auténtica transición, nun exercicio de renuncia, optou por asumir como propios os malos hábitos do franquismo ao aceptar a disciplina imposta polos poderes fácticos do antigo réxime, ata o extremo de instaurar en relevo, a hexemonía neoliberal que transformou a inicial aspiración democrática nunha desgracia de cinismo político, propiciando con el, a consumación do relativismo moral e a negación do antifranquismo, cuxas consecuencias en último termo, como é farto sabido, conducíronnos á degradación política e a un estado de decadencia social e económica sen precedentes.

Seguindo a iso a opacidade e o engano como carácteres de conduta e comportamento daquela bicefalia política postfranquista, que por alianza de intereses, tomara en primeiro termo o control do país e cuxas consecuencias posteriores por oligarquización dos partidos políticos e desmobilización das masas populares, fixo resucitar os peores vicios da ditadura; circunstancia que ademais de acernar toda posibilidade de rexeneración democrática consolidou a implantación do social - liberalismo, reforzando a xerarquía de mando en favor exclusivo do poder económico.

Explosiva mestura, que resultou ser o factor causante da acentuada degradación política, da acelerada desintegración social e sobre todo, do desaforado fenómeno da corrupción, que polo seu carácter xeralista, converteuse aos ollos do mundo no referente distintivo de identificación da marca España.

Por iso agora, cando saltan as alarmas da convivencia, cando o nivel de deterioración económico - laboral supera todo límite de tolerancia, e cando para maior complexidade, o oficialismo político na súa prórroga de vantaxes se afana en reforzar os privilexios e os malos hábitos do sistema, outorgando tratos preferentes e distincións selectivas, o procedente, é poñer punto final ao inadmisible da situación, utilizando por única vía de solución a erradicación da actual ditadura de deseño, para afrontar alternativamente o mais que necesario proceso constituínte, como tránsito a unha nova Constitución que axustada ao actual contexto sexa capaz de cancelar todas as connotacións co pasado, á vez,de dar resposta ás necesidades e inquietudes futuras que require e demanda o conxunto da sociedade.

E mentres este obxectivo non se alcance, contra mellor parecer, entendo, que España poderá seguir sendo o que é, pero nunca un país para demócratas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario