13 jun 2014

EUROPA, MAS QUE UNIÓN RIVALIDADE

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia


En tanto non se logre conformar unha fronte común entre as forzas progresistas dos países periféricos da Unión contra o neoliberalismo de Merkel, será o capital financeiro alemán quen siga exercendo de máxima autoridade do goberno da Eurozona.

No plano político cando fallan os argumentos, en liña seguida entra en escena o disparate, e como mostra diso, temos entre outras aquela escandalosa declaración emitida no seu día dende as filas do PP asegurando que os mozos que abandonaban o país en busca de emprego facíano por puro "espírito aventureiro"; todo un síntoma de desvarío da formación conservadora, ou o que é o mesmo, un miserable parecer emitido dende a arbitrariedade de quen ausente de fundamentos, intenta desvincular a excedida fuga migratoria da precariedade socio laboral na que nos encontramos inmersos como consecuencia da subordinación política que caracteriza a práctica de funcionamento do Executivo de Rajoy.

Pois lonxe de tomar razón de Estado e proceder en consecuencia, atendendo á luz dos datos, é contrastable o carácter cativo do noso goberno xenuíno, pois tras da aparente hexemonía do goberno que lidera o grupo conservador, o certo é, que por transixida permisividade o exercicio de poder xenuíno estea desempeñado polo establishment xermánico, verdadeiro deseñador e promotor das directrices políticas da Eurozona, e polo tanto, quen dende os seus postulados neoliberais de negación ao crecemento, fai que o noso país por esa imposición de supremacía alemá, quede relegado ao estancamento, e polo tanto, teña pechado no seu ámbito o acceso a toda solución de futuro, ademais de motivar que en números absolutos teñamos o peor saldo migratorio do continente, sendo ese o motivo para que prosiga a tendencia migratoria, e con iso, se consume no que resta de década unha redución de poboación entorno ao millón de habitantes.

Esta realidade debera ser razón abondo para cambiar de actitude e deixar de insuflar optimismo á hora de analizar o comportamento do paro, pois en boa medida, a propagación do seu descenso resulta unha falacia por adulteración da realidade; por canto, non é posible que haxa menos parados cando as políticas de austeridade proseguen destruíndo postos de traballo, nin tampouco é verosímil a súa redución á vez de decrecer o numero de ocupados, a non ser que ambos os dous paradoxos se xustifiquen no feito dunha substancial redución da poboación activa.

E xustamente iso é o que está a acontecer na actualidade como consecuencia da emigración crecente que vive o país, ao facer que a elevada contía de desterrados laborais deixen de estar inscritos nos rexistros públicos de emprego, sendo ese derrubamento forzado do censo de poboación activa o freo virtual á suba do paro, sen que por iso existan razóns de peso, ligadas na súa extensión á creación efectiva de emprego; unha realidade que tira por terra as optimistas previsións do presidente Rajoy cando afirma que ao finalizar 2014 en España haberá menos persoas no paro e   á Seguridade Social, unhas previsións falidas que por incertas anulan igualmente o anunciado inicio da recuperación económica pois contra toda afirmación, o certo é que non haberá despegue de tipo ningún ata non alcanzar a meta de creación neta de emprego.

Polo tanto, para establecer vías de solución é imprescindible darlle un xiro á situación, que irremediablemente ten de pasar por cancelar a subordinación política existente e retomar o dominio da gobernabilidade do país, pois contra todo parecer, a imposición da uniformidade foránea non pode ser o patrón tipo de aplicación en escenarios territoriais diverxentes, xa que a nosa propia situación demanda estimular o crecemento en detrimento da aplicación de medidas de férrea austeridade, toda vez que por se soas, mais que operar como solución do problema nos conduce ao estancamento deste, sendo factor reflexo do seu fracaso o negativo impacto no consumo e o emprego, aspectos que veñen a reforzar a imposibilidade de construír unha nova prosperidade sen o acompañamento de medidas de crecemento económico.

Pero toda alternativa progresista á estratexia de austeridade, lonxe de promoverse como unha medida unilateral de cada colectivo opositor, ten de formularse partindo da unidade de acción que a situación demanda, para así conxuntamente, dende o ámbito dos países periféricos da Eurozona (GIPS), erradicar dunha vez por sempre o descrédito que dende os países do Norte se lles vén adxudicando aos sureños a través de nesgadas acusacións e falsos testemuños, coa finalidade de disfrazar de efectividade a austeridade da chanceler Merkel e despistar con iso os intereses especulativos dos grupos económicos e financeiros que representa e protexe a mandataria xermánica.

E mentres non se aborte a escenificación desta farsa neoliberal e cambie a actual conxuntura, toda solución de futuro será inviable, no marco dunha Europa que pecha a porta aos pobos para dar preferencia ao libre tránsito dos mercaderes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario