20 jun 2014

FERROL: A TRANGALLADA DO TURISMO INDUSTRIAL

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia


Establecer no ámbito territorial dos estaleiros rutas de turismo industrial non deixa de ser unha completa temeridade, pero afirmar que tan extravagante actividade é a saída á crise do sector naval, aínda vindo do presidente Feijóo é unha burrada sensacional.


Dicía Oscar Wilde que o único deber que temos coa historia é reescribila, e ao parecer dende a periférica cidade de Ferrol, días pasados, os seus dirixentes políticos decidiron facer súa a recomendación do dramaturgo irlandés, e así, a través do proxecto turístico "A Ruta da Construción Naval", de orixe, manifestábanse dispostos a reescribir a historia sobre este depauperado sector, aínda cando, a posteriori por interesada omisión de contidos, do resultado final da súa adaptación puídose deducir en definitiva, que o implícito da iniciativa estaba mais próxima a unha montaxe publicitaria que á versión orixinal que a situación do gremio esixía como referente de contraste.

Desbotando así unha vez mais, a oportunidade de articular alternativas de saída á complexa situación na que segue sumida a que fora historicamente o motor industrial da bisbarra.

A única ruta preferente que demanda o sector naval, lonxe de absurdas formulacións de itinerarios turísticos ao interior das factorías esixe o punto de seriedade que toda xestión e labor contractual recomenda, e, por iso o percorrido que debese presidir toda iniciativa sobre o sector, mais que aperturas á vía ociosa tería dirixirse a desandar o camiño recorrido durante as tres últimas décadas, para así inverter o ciclo dos despropósitos producidos e mudar con iso a tendencia dos nefastos resultados xerados en tan longo período.

Tradución que a tempo presente ponse de relevo ao observar o prolongado baleiro das bancadas dos estaleiros, a súa achicada carteira de pedidos, ao igual que as disparatadas cifras de desemprego comarcal, que despois de perder nos últimos seis anos dez mil postos de traballo na industria vinculada ao sector, cunha taxa de paro do 32% rexistra un dos indicadores de desemprego mais prominentes de Galicia.

Se absurda e irresponsable foi no seu día a decisión política de tragar coa peaxe imposta dende o "selecto club dos influentes socios" de Europa para facilitar a nosa integración no marco da Unión, en razón a que tal decisión pola súa carga de extorsión, ademais de causar a maior destrución do tecido produtivo do país e quebrar un sólido desenvolvemento industrial; no caso do naval da ría ferrolá, a pesar de ser un sector estratéxico e o pulmón no que respiraba a economía da zona, foi reducido sen contemplacións á mínima expresión, ata o extremo, de causar cos seus efectos un impacto irreparable que botou a perder co futuro da bisbarra, e que a pesar do tempo transcorrido, polo gregario espírito duns fontaneiros políticos de tres ao cuarto, prorrogou as súas consecuencias ata converterse nesa asinatura pendente que nunca se chega aprobar.

 Por iso que á vista dos feitos tamén resulte incoherente e inaceptable que os mesmos protagonistas locais que coa súa colaboración auxiliaron a consumación do desastre do sector naval e impediron coa súa docilidade concubina toda iniciativa de reactivación, eríxanse agora en actores principais e veñan a estas alturas coa insensatez de adxudicar potencialidades aos enclaves de produción naval alleas á súa vocación fabril, tal é, ese extravagante uso dos estaleiros como destino turístico industrial, máxime cando semellante desbarre, entra en sarcástica competencia con outra realidade turística antagónica, como a que teñen  de asumir infinidade de veciños e veciñas desta bisbarra que como consecuencia da inactividade fabril da construción de buques, sen solucións de presente nin expectativas de futuro vense obrigados a tirar de equipaxe e nunha viaxe sen retorno apremados a sumarse a ese cada día mais estendido turismo forzoso, que en román paladino ven  de chamarse emigración.

Cando a actualidade debese estar a pivotar sobre as principais actuacións a levar a cabo para efectos empresariais, no sentido de abordar seriamente coa anticipación debida, un plan de futuro para os nosos estaleiros ante o novo escenario que se aveciña como consecuencia do inminente fin do veto do sector, e en consecuencia poñer a vista no acceso a un mercado amplo en condicións de competitividade equitativa co resto dos países participantes no sector, coa finalidade de rescatar os nichos de mercado perdidos pola prolongada limitación de actividade e poder establecer así acordos comerciais que devolvan o nivel de ocupación e a capacidade de productiva.

Cando ese debese ser o obxectivo, contra toda lóxica, hai quen se decanta porque o baleiro de barcos o supla o desembarco de turistas industriais, de aí que os obrigados a tomar cartas no asunto, parezan mais enfrascados na conversión das zonas industriais que ocupan as factorías, para finalidades incompatibles e distintas ás da súa razón de ser, que en tomar parte activa no deseño e consolidación de solucións de síntese que posibilite con urxencia a recuperación do sector.

Pero con todo, tal desatino tampouco debe estrañar sobre maneira, por canto o escándalo esta servido cando políticos de distinto signo e condición son parte implícita na mingua e subtracción do espazo territorial na que se ve afectado algún dos estaleiros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario