18 jul 2014

COMBATER CON DESTREZA AO BIPARTIDISMO

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia

Despois de frustrar a confianza dos electores e ter  levado ao país a unha situación extrema, por pura lóxica, non teñen de  ser os membros do bipartidismo   os interesados en devolverlle a democracia aos seus lexítimos propietarios.

Mal vai o país cando as desvergonzas convertéronse no referente por excelencia do facer político, sendo suficiente para acreditar tal afirmación, dedicar tan só un mínimo de atención ás prácticas dos "profesionais" da cousa pública, para poder comprobar con que desenvoltura son capaces de disfrazar a realidade, ata alcanzar a dicotomía de acumular un historial de fracasos, e á vez, atribuírse ante o electorado habilidades innatas para arranxar en dúas patadas todos os problemas habidos e por chegar.

De aí que deixando á marxe puntuais excepcións, que "habelas hailas", cabe manifestar sen risco a equívoco, que os membros deste gremio de verborrea irrefreable, ademais dun expoñente de negación son uns completos atorrantes, uns subordinados que instalados na súa conxénita falsidade non son quen de asumir o feito de non ter nin capacidade nin solución de nada, como tampouco, aceptar que polos seus repetidos embustes e adulteracións da realidade botaron a perder coa súa escasa reputación, ata dexenerar na total perda da confianza cidadá e o imparable descenso da súa minguada credibilidade electoral.

Por iso, cando tras trinta e cinco anos de quebranto político chegaron a converter a democracia na primeira vítima da desigualdade; ante semellante deriva, é de todo punto inaceptable proseguir coa condescendencia de outorgar a estes irresponsables outra nova oportunidade; pois resulta unha insensatez persistir no empeño de manter a confianza nos artífices do declive que estamos a sufrir, máxime cando é de sobras coñecida a súa notoria ineptitude ao igual que a súa carencia executiva para afrontar con rigor a obrigada rexeneración que demanda a saúde democrática do país.

Chegamos a unha situación límite onde a política deixou de ter poder e o poder carece de control político, e ante esta tesitura, non queda outra que mudar o degradado ecosistema de representación liquidando a continuidade do bipartidismo arbitrario, que en se mesmo, é o maior dos males do actual modelo e a cara oposta á democracia representativa, como así o avala a permanente implicación do PP e PSOE na coalición de elites económicas e sociais que dende a Transición dominou ao seu antollo os destinos do noso país, sendo esa conxunción de cuño oligárquico o factor determinante da coincidencia extrema entre as políticas económicas deste dueto partidista, como tamén o fundamento que referenda a alternancia de goberno que con temporalidade intermitente asumen ambas as dúas siglas.

De aí que a reconstrución do espazo público democrático, en todo momento, ten de pasar por asumir que a democracia sexa unha aposta radical pola igualdade, que nunca a reserva preferente de elites podentes, e só poñendo en práctica este precepto seremos capaces de frear a vixente tendencia cara ao crecemento da disparidade, que vén impoñendo o goberno da oligarquía económica tras o parapeto da pantalla política do bipartidismo; pois só devolvendo á democracia o seu principal signo de identidade poderemos contar coa representación dunha clase política renovada capaz de falar en idéntica linguaxe que a xente, e en consecuencia disposta para resolver os problemas reais do conxunto da cidadanía.

Agora que as circunstancias económicas baixaron a carteleira do vodevil da fantasía, botando por terra a solvencia dunha falsa democracia que por mais publicidade enganosa que se lle queira adxudicar o estrepitoso do seu fracaso fala por se mesmo, ao non satisfacer no mais mínimo a protección das garantías fundamentais nin asegurar para nada o benestar colectivo; ante esta situación tan desigual, e despois de contemplar tan sinistro balance, só a quen milita na estupidez pódeselle ocorrer a desafortunada idea de seguir prestando apoio electoral aos activistas da clase política culpable do actual desastre, sen darlle unha oportunidade á rexeneración participada por xente de refresco no poder, máis íntegra, cualificada, ecuánime e de probada honestidade.

Con todo, non debemos esquecer que aínda sendo notorio o derrubamento do bipartidismo, a súa reacción neutralizadora non se fará esperar polo seu empeño en proseguir alternándose no poder, e só dende a conformación dun suxeito político alternativo ao neoliberalismo, estarase en condicións de conseguir unha maioría suficiente para gobernar, quórum, cuxa consecución pasa forzosamente pola unidade política a través dunha Fronte Popular como única solución para poder alcanzar esa maioría electoral, e con iso, iniciar un Proceso Constituínte a través do que decidir o modelo de Estado e as regras democráticas sobre as que construír o noso futuro.

Pero sen levar a termo a referida unidade de acción, sen a conformación dun bloque político - social de transformación da sociedade, independentemente,  o mais vantaxoso resultado electoral que se acade  seguirá a ser   osíxeno para o bipartidismo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario