PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia
A crise non terá fin sen alterar electoralmente o equilibrio do poder político, pois non poderá ser resolta por quen seguen aplicando por toda fórmula as mesmas políticas que causaron a súa xénese.
Sabido é que o o Produto Interno Bruto (PIB), é o indicador máis utilizado para avaliar a actividade económica do país, pero coñecido tamén debe ser que só cando o crecemento se sitúa entre 2.5 e 3.5%, pode un facer gala de estar á fronte dunha economía saudable, de aí que xactarse do salto pírrico do 0,6% rexistrado no segundo trimestre resulte unha improcedencia, pois por rigor analítico tal referente ademais do seu carácter exiguo e fugaz, lonxe de atribuírselle signo de optimismo ten de ser valorado nos xustos termos que recomenda a negativa tendencia do descenso das exportacións e a continua suba das importacións, que ao tratarse de dúas variables clave da súa determinación fan que o tan cacarexado PIB de Rajoy sexa mais un espellismo efémero que o inicio dun crecemento sostido, toda vez que para que así fóra, o país precisa doutros estímulos económicos adicionais dos derivados deste tipo de indicador.
Á marxe da arenga de don Mariano á cidadanía e do seu anecdotario estatístico; analizando a última freada das economías máis poderosas de Europa, o único certo ante a actual conxuntura, é que os catro longos anos transcorridos dende a posta en práctica da estrita axenda da austeridade imposta pola troika (Comisión Europea, BCE, FMI) e auspiciada por Alemaña, son expresión abondo para confirmar o estrépito dun fracaso cuxo resultado fala por se só tras a realidade dun balance diametralmente oposto ás expectativas preconizadas polos seus artífices.
Situación que esixe a urxente supresión da súa vixencia e a posta en práctica de alternativas de crecemento como única solución efectiva para saír do actual atranco, viabilizar a recuperación da Eurozona e por extensión a do noso propio país, pois seguirá sendo unha imprudencia darlle continuidade ao patrón do neoliberalismo, toda vez que non a fará mais que acentuar o risco de involución económica, ao resultar mais que visto, que a maior austeridade, maior será tamén o incremento do déficit como da débeda pública e por conseguinte maior o risco de estrangulamento da actividade económica que irremediablemente precipitará o retorno cara a unha nova recesión como lóxica consecuencia da aplicación de políticas netamente austericidas e exentas de todo estímulo económico.
Por iso cando os feitos confirman que por terceira vez consecutiva en cinco anos, a economía europea circula en dirección inversa á anunciada recuperación do 2013 e tende a unha nova entrada en recesión, resulta canto menos inaudito o dispendio de optimismo dun eufórico Rajoy, capaz de percibir vantaxes na cara mais escura da economía ao tempo de pecharse en banda á posta en práctica de alternativas de efectiva reactivación.
Un completo paradoxo que a máis de deixar ao descuberto o verdadeiro obxectivo que guía a acción política do PP, delata a súa auténtica finalidade, que non é outra, que alterar enganosamente a realidade, e dende a mentira, repetir unha nova fraude electoral a través da posta en práctica de simulacións que favorezan a capitalización do seu patrimonio electoral, aínda que iso, sexa a custa de seguir causando graves prexuízos ao interese xeral do país e a uns confiados electores.
É obrigado polo tanto poñerse en garda e tomar conciencia efectiva que a austeridade é a auténtica crise, que non a solución a ela. E dende tal percepción asumir en consecuencia que en tanto non sexamos capaces de erradicar a súa continuidade, ao ser a raíz do problema, seguiremos sufrindo a repercusión dunhas consecuencias sociais e económicas catastróficas que nos terán prostrados nun calello sen saída, sen visos de solución, que só seremos capaces de lograr, cando decidamos electoralmente abandonar a súa perniciosa disciplina para recuperar a democracia.
O cambio é posible e pódese acadar, sempre e cando sexamos capaces de despoxarnos da camisa de forza da austeridade, sendo dabondo para iso deixar sen efecto o continuísmo político e poñer o futuro en mans dun novo recrutamento de homes e mulleres dispostos a imprimir pulo e tirar cara a adiante, e totalmente conscientes que para reconstruír o país, non queda outra, que darlle a volta do revés.
No hay comentarios:
Publicar un comentario