3 ene 2014

UN PARLAMENTO CAMIÑO DO BORDEL

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia


Mentres que á xeneralidade depréciaselle a súa capacidade adquisitiva, a prole política négase a perder o privilexio da pensión máxima; e aínda custando entendelo, polo visto, isto resulta ser  a esencia da grandeza democrática.

Non serei eu quen a sabendas, exerza de fillo de mala nai calando o que é obrigado pregoar aos catro ventos con ampliada megafonía, tal é, o último escarnio dos gremialistas da política, a actitude pouco exemplificante e manifestamente insolidaria demostrada polos que en lugar de predicar co exemplo ante a cidadanía que os elixiu como lexisladores, agora chegada a hora da verdade cando a situación esixe coherencia, as súas señorías sen o mínimo pudor e en escandalosa irmandade grupal, deciden colocarse o anteface de salteadores e en correspondencia a tal condición proceder como auténticos foraxidos.

Descaro, ese é o epíteto mais livián que merecen os que ante a reforma das pensións aprobada polo Congreso, silenciaron ao unísono as súas prerrogativas en materia; pois curiosamente aí confabuláronse todas as siglas políticas non existindo nin diverxencia de criterios nin apuntamentos de exclusión, e é por iso que ningún dos membros da cámara parlamentaria deixou entrever disparidade ningunha, e así foi, cando no transcurso do debate ninguén das súas señorías propuxo emenda correctora á súa actual situación de privilexio, a esa inxustificable dispensa pola que os nosos representantes conseguen o acceso á pensión máxima con só sete anos de cotización, que poden, mesmo compatibilizar con outras pensións, mentres que ao común dos cotizantes se lles mide con diferente vara dun restrinxido patrón de aplicación.

Pero a cousa non queda aí, senón que ademais todos os membros desa fauna política, sen excepción de hábitat, especie ou pedigree, apostan por manterse á marxe da lesiva influencia que ha de soportar o resto da cidadanía como consecuencia da peaxe imposta pola crise inducida, tal é así, que mentres isto acontece, eles, polo mero feito de ser políticos, non só non sofren en pé de igualdade as consecuencias do sacrificio repercutido ao resto da comunidade, senón que seguen gozando de escandalosas prebendas, como ter a vantaxe engadida que o 30% das súas retribucións salariais estean exentas de tributación.

Non caben polo tanto astucias políticas nin suxestións de fascinación electoral cando a incongruencia dos feitos pechou vía a toda xustificación, pois aínda sendo certo que a norma vixente dende principios de ano foi aprobada en solitario por un porfiado PP, como queda dito, non é menos certo, que durante a súa tramitación ningún dos partidos da oposición, mostrou o mínimo xesto de rexeitamento para erradicar a continuidade deses privilexios políticos, cuxa vergonzosa repercusión reverte como escandalosa preeminencia en favor do conxunto dos membros do arco parlamentario.

Significando tal arbitrariedade un expoñente de desigualdade sistémica, pois idéntica actitude foi a sostida polo oficialismo político, cando na anterior lexislatura o goberno do PSOE ademais de atrasar a idade de xubilación aos 67 anos e conxelar as pensións, tamén naquela ocasión, foron eses mesmos parasitos da política os que lonxe de asumir como propios o duros recortes aplicados, optaron por salvar as súas prerrogativas a custa de incidir unha maior repercusión de cargas á cidadanía.

É dicir, que en todo momento mentres se reduce a capacidade adquisitiva do sistema de pensións, á par, uns beneficiarios de excepción co seu silencio cómplice manteñen intactas as súas extraordinarias pensións políticas.

Ante o desaprehensivo comportamento dos nosos directos representantes, a ninguén debe estrañar que a cidadanía, en consecuencia á súa actitude, mostre total falta de credibilidade cara á súa función política, e iso, polo cansazo que representa o desvío de conduta duns representantes que lonxe de manter correspondencia coa realidade, apostan por instalarse nun mundo especial rodeados de vantaxes, distincións e dotados dunha vergonzosa impunidade, situación, que remata por detraerlles todo mérito para situalos á marxe das solucións que precisa o país e transformalos en parte conxénita do verdadeiro problema.

Por iso, resulta anacrónico que cando o rexeitamento cidadán e a resistencia popular fronte á situación de desigualdade social faise mais patente, estes directos representantes, os obrigados a tomar liderado das correntes sociais indignadas e formular un cambio de rumbo mais social e democrático, por eses factores de dependencia e implicación, encóntranse cativos da súa propia deslexitimación e polo tanto impedidos para reverter a situación.

Desfase que pon de manifesto o bloqueo existente entre a maioría social e o corporativismo desa adulterada clase política, cuxa situación por saúde democrática demanda urxente renovación e rexeneración colectiva, para evitar a tendencia crecente a converter o Parlamento nun degradante bordel.




No hay comentarios:

Publicar un comentario