PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia
Mentres que a indignación cidadá non vaia seguida
dunha rendición de contas nas urnas, a moi preñada
corrupción política, seguirá co embarazo do seu tarado procreo
rexeitando o abortar.
Segundo o último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), a preocupación dos cidadáns pola corrupción consolídase como o segundo problema de inquietude tras o paro, non obstante, aínda que o alcance da súa envergadura é descomunal, é obrigado matizar que á marxe dun superior eco mediático, na actualidade, non existe maior grao de corrupción que o de tempos pretéritos; o que si acontece, é que agora a cidadanía terriblemente afectada nos seus propios intereses polo impacto da crise e pola repercusión dos seus efectos, con manifesta indignación rexeita asumir como propias as consecuencias transcendidas, e ese que non outro é o motivo da súa actual negativa a seguir encubrindo o que durante tres décadas veu de permitir facendo mutis polo foro.
Noutras palabras, a expresada preocupación de agora é en exclusiva unha actitude de protesta testemuñal fronte ao dano recibido, e polo tanto a condena aos extravíos desta mafia corrupta, salvo en contadas excepcións, é mais un rebote pola influencia dos prexuízos da crise económica que unha expresión de rebeldía alzada dende unha conciencia crítica.
O drama da corrupción cuxa orixe inténtase restrinxir a uns escándalos de actualidade, vai moito mais alá de tal consideración, pois o feito certo é que estamos ante unha transferencia do franquismo que despois de burlar todos os filtros da transición logrou arraigarse como parte estrutural da democracia, ata o extremo de consolidar a súa institucionalización, e iso motivou que dende a oficialidade do novo sistema, as malas praxes do continuísta e sempre dominante poder económico do antigo réxime (verdadeiro poder de Estado), fixese creba nunha clase política disoluta, sendo esa a causa fundamental que ocasionou que no transcurso de trinta e cinco longos anos, á marxe de siglas partidistas, a case totalidade do sistema político do país aparecese abertamente connotado coa corrupción.
Mostra diso é a interminable sucesión e diversidade de escándalos que aínda con desigual ganduxo chegaron ao extremo de uniformar patróns de distinta identidade, sendo mostra tanxible de tal complexa concorrencia o caso Filesa e a trama Gürtel; fitos de referencia dunha estendida e inacabable relación de escándalos intermedios (Campión, Palma Arena, ERE de Andalucía, Malaia, Pokemon, Noós, Pallerols, Brugal, Pretoria..... ), que conxuntamente, sen distingo de implicación hai que circunscribir nunha coincidente defraudación da confianza pública, que en suma é o auténtico punto de arranque da corrosiva corrupción política, desa maquinación subversiva que ademais de desvalorizar o entusiasmo colectivo pola democracia pon en serio perigo a estabilidade do Estado de Dereito.
Todo un turbio proceder dos representantes institucionais, coa sórdida finalidade de satisfacer o seu ilexítimo enriquecemento persoal, ánimo lucrativo que ao parecer é o único centro de censura dos casos de corrupción, e cuxa reprobación desaparece para as mesmas voces críticas cando a infracción cometida reporta algún tipo de vantaxe para a comunidade, pois ao producirse tal circunstancia, acontece, que todos os actos de corrupción derivados dunha conduta ilegal pasan a tomar condición de inadvertidos ou son percibidos como inocuos; todo un expoñente de excedida tolerancia que dá cabida a comportamentos de dobre moral e de adulteración democrática que sen atenuante que valla veñen a delatar a mala pedagoxía da nosa cultura política.
A corrupción non ten distingos nin cor política, e mal imos se optamos por tomar percepción obxectiva deste flaxelo á marxe dunha perspectiva global adxudicando categorías de admisión ou reprobación dos feitos de forma aleatoria, pois se mire por onde se queira, tan corruptos son os numerosos actos de trasfondo lucrativo, como as prácticas de extorsión, sen excluír o favoritismo na contratación pública ou o tan levado nepotismo, ese trato preferencial reservado a membros da familia política sen cualificación de idoneidade para o cargo.
Non debendo obviarse ademais que a corrupción é tanto mais profunda e xeneralizada cando se orixina no seo dunha sociedade en crise cunha economía en receso e improdutiva, o que en síntese vén a ser o vivo reflexo da nosa realidade como país.
Non debendo obviarse ademais que a corrupción é tanto mais profunda e xeneralizada cando se orixina no seo dunha sociedade en crise cunha economía en receso e improdutiva, o que en síntese vén a ser o vivo reflexo da nosa realidade como país.
É de precisar polo tanto, que dende a instauración da democracia a degradación política creceu en paralelo a unha corrupción ascendente, e se os que agora manifestan o seu malestar critico a través do barómetro de opinión, a tempo debido fixesen pagar nas urnas as extralimitacións perpetradas polos culpables, teñan por seguro que ademais de pecharlle a porta á crise evitariamos ter levado a democracia a tan extrema degradación; por iso non caben mais declarativos de lamentación nin distingos de excepción, pois o seu e axeitado cara a futuros comicios, é tomar conciencia do sentido do voto ao só efecto de instaurar unha nova orde e evitar así que por un inadecuado sufraxio cidadán, sigan sendo as urnas as obrigadas a indultar aos corruptos e á súa maldita corrupción.
No hay comentarios:
Publicar un comentario