31 ene 2014

Á VOLTAS COA DEMOCRACIA ORGÁNICA

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Interpretar a acción política do PP como unha mera consecuencia da crise económica, é rexeitar que tras a austeridade e recortes económicos e sociais, estase a levar a termo unha contrarreforma global de eliminación do conxunto de avances e dereitos democráticos das últimas décadas.

Roubarlle tempo ao tempo, é o título dun bolero romántico, moi en voga, que con mestría interpreta Café Quijano, pero tamén tería de ser o empeño que debese de impoñerse todo político para levar a bo termo os compromisos electorais que lle conduciron ao poder, marxe merecida sempre que o seu discurso se sustente invariable, pois se pasadas as eleccións decidise mudar de mensaxe, é obvio que mais que roubarlle tempo ao tempo, o seu, sen a mínima moratoria sería que liase os trastes levando consigo a composición da súa partitura apócrifa como fondo musical á merecida marcha que o acompañe na dimisión.
.
É de sinalar que en política, contra inconsecuentes pretensións, a lexitimidade democrática tan só a outorgan as urnas cando politicamente se manteñen as obrigas contraídas no proceso electoral, sen alteracións, involucións nin adulteracións clandestinas, e só quen satisfaga esa prevalencia pode arrogarse autenticidade representativa, debendo ser desaloxados da vida política aqueles que non afiancen esta premisa; pois por integridade e limpeza democrática, non debe ser exercido o poder por quen o alcanza mediante malas prácticas ou a través do estraperlo electoral.

Cando isto acontece non han  caber tolerancias, sendo obrigado entón tomar implicación activa para o restablecemento dunha cultura electoral sustentada en valores, regras e principios, cuxa primeira medida por saúde democrática, debe consistir en consumar a eliminación e o relevo dos que teñen por todo ideario a mala praxe de exercer politicamente como infames e enganadores.

Todo isto vén a colación porque, o PP a pesar de que a Lei de Partidos, establece que os programas electorais teñen que cumprir a Constitución, o certo é, que nas eleccións de Novembro de 2011, co claro obxectivo de modificar a opinión pública e deste xeito vencer nas devanditas eleccións e facerse co Goberno do país, non dubidou en mentir descaradamente por medio dun falso programa electoral, feito, que limitou a recepción a unha información veraz, e tal impedimento supuxo a vulneración dos dereitos fundamentais establecidos tanto no artigo 20.1.d como por extensión no artigo 23.1 da Constitución.

Tendo de engadir a iso que aquela manobra ademais de coartar a liberdade de elixir libremente os representantes cidadáns, tivo por agravante engadida, que foi o agora renegado Rajoy, quen como candidato, comprometeu ante os electores que aquel programa electoral sustentaría a súa acción de Goberno; resultando polo tanto unha afronta democrática que quen non limitou os seus actos ao acatamento da Constitución veña agora a erixirse en adaíl desta, e para mais desvergonza, teña a ousadía de arrogarse lexitimidade de representación.

Pero se grave foi a emisión de falsa información para vantaxosa obtención de rendementos electorais, moito mais tortuoso foi traizoar o electorado facendo transitar aqueles votos roubados no pútrido instrumento das urnas, en dirección oposta ao seu propósito, e así nunha faena de depreciación democrática en vez de satisfacer o mandato popular, contra todo prognóstico foron usados para favorecer as turbias manobras dos poderes fácticos e dos mercados financeiros. 

O quizais seria mais acertado dicir, se me permiten a hipérbole, que este Goberno nos está a conducir á involución, por canto as súas prácticas políticas mais que axustadas a regras democráticas son o tránsito directo cara a episodios do mais severo franquismo.

Coa estulticia dos seus dirixentes e o desvarío político, de forma irresponsable, o PP está a promover o dereito de insurrección, pois o espolio xeneralizado fai que ao pobo damnificado, farto de menosprezos, esgóteselle a paciencia e exteriorice a súa indignación como reacción correctiva cara a quen a propio intento, opta por afundir un proxecto de país en favor dun proxecto de poder, e cando en razón a iso a tensión se torna extrema, e o Goberno coas súas políticas insiste en contravir a orde constitucional, nese momento, máis alá da simple manifestación de descontento, aos afectados asístelles pleno dereito á desobediencia e á insurrección ao obxecto de restituír a orde alterada por esa transgresión, toda vez que coa Constitución na man, as drásticas políticas do executivo de Rajoy estarían fóra da lei.

Cando despois de enganar o electorado, as consecuencias do desfalco democrático afectan perniciosamente a dereitos fundamentais da cidadanía como o traballo, a educación e a sanidade, unicamente un infame en vez de proceder en emenda, intenta aplacar a rebeldía a través do pau e tente teso dunha lei "mordaza", proceder característico de quen decide sustentarse no poder a base de represión; unha deriva involucionista que ningún demócrata que se prece debe estar disposto a transixir.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario