7 feb. 2014

O PARO, UNHA DEPRIMENTE REALIDADE

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Ao igual que sen un cambio radical non se pode saír da crise, de manter a austeridade como fórmula de solución ao desemprego, por mais declaracións de optimismo que emita o Goberno, o índice de paro proseguirá o seu ritmo ascendente.

Cando ao ano de ser rescatada con diñeiro público, a banca proxenitora da crise redobra de xúbilo alardeando ter multiplicado por catro os seus beneficios no último exercicio, non pense ninguén que tal dato indica que a economía do país teña saído do atranco, o único que vén a incriminar esa conta de resultados é a política levada a termo polo actual executivo dende a orixe da lexislatura, por canto, ao patrocinar que a especulativa bancaria prosiga o seu desenfreo a custa de financiar ao propio Estado, favorecendo esa práctica oportunista, ademais de promover unha competencia desleal, Rajoy e o PP están a contribuír a que a inhibición bancaria cara á economía produtiva motive unha situación de inanición financeira, cuxa deriva, trae implícito a destrución en cadea do tecido empresarial provocando por engadido a absoluta inviabilidade de rehabilitación do mercado laboral e por conseguinte a imposible creación de emprego.

Pero con todo, tendo carácter determinante non debemos circunscribir en exclusiva os motivos do paro ao fracasado sistema bancario, pois aínda sabendo que a súa prelación oriéntase á actividade especulativa con declinación a intervir na economía real e a financiar proxectos empresariais; existen outros hándicaps de acompañamento que conxuntamente compoñen o combinado explosivo que nos conduciu e nos mantén na caótica situación de desemprego que padecen 6 millóns de cidadáns, contía que mais que decaer apunta a unha clara tendencia ascendente.

Causas que en modo ningún debéranse tapar coa recorrente escusa dunha infundada rixidez do mercado de traballo ou a posta en práctica dunha errónea reforma laboral, cando os verdadeiros impedimentos á marxe dos factores netamente financeiros, xiran en torno a inconvenientes doutra índole, como resulta ser a inutilidade en afrontar como país unha reorganización profunda do noso sistema económico e a diversificación dos sectores produtivos, unha limitación agravada pola suspensión do papel dinamizador que para a economía e o emprego ostentaran as Pemes e os autónomos, ao que hai que engadir, o escurantismo na contratación pública, e a mais non poder a corrupción política, cuxa repercusión produciu un cataclismo na estabilidade do país, que claramente, ademais de ocasionar unha degradación política de primeira orde, foi e é o principal escollo que impide a reactivación económica e a creación de emprego.

Partindo da premisa que o prestixio da democracia depende da exemplaridade dos comportamentos políticos e a rectitude das institucións públicas, no actual estado de cousas, é difícil asumir a fiabilidade de calquera cambio a positivo cando a súa autoría intelectual vén a recaer en individuos de moralidade despistada, ou en suxeitos de baixa ralea aos que non lles interesa o mais mínimo nin a rexeneración democrática, nin a supresión do nepotismo, como tampouco o cesamento da corrupción ou a imposición de medidas de transparencia contractual, por canto a súa acción política remítese en exclusiva á continuidade dos seus privilexios lucrativos e paradoxalmente este perfil de conduta é a referencia dominante entre os que para desgraza colectiva teñen entre os seus cometido dar solución a un problema que como o desemprego, nin senten como propio nin lles afecta aos seus intereses.

Por esa falta de sensibilidade e as contraditorias políticas de aplicación, resulta unha canallada estar a alimentar falsas expectativas ao asegurar que no 2014 haberá creación neta de emprego, cando tal afirmación é unha completa falacia se persisten as actuais políticas de corte neoliberal, sendo a mais contundente réplica a tal estimación, a taxa de paro en torno ao 27%, toda unha mostra evidente do fracaso resultante dunha austeridade férrea que pode ser a ferramenta para seguir enriquecendo á banca, pero para nada a solución apropiada para aumentar a actividade económica, tal é así, que dende a entrada en vigor do programa de austeridade imposto pola troika (Comisión Europea, BCE, FMI), na primavera do 2010 ata finais do 2013, non se logrou ningún resultado positivo en termos de mercado laboral, é mais, é de referir que no devandito período, perdéronse 1,6 millóns de empregos, ou o que é o mesmo un 8,5% da ocupación total existente naquel entón.

Todo iso indica que se a degradación política é o lastre, a austeridade ven de ser o obstáculo para poñer remedio ao problema do desemprego, e sen apostar por un cambio radical cara á rexeneración democrática e a instauración de políticas de crecemento, malia o chorro propagandístico do Goberno, esa interpretación de melloría puntual que deducen dos indicadores macroeconómicos, mais que un preámbulo á prosperidade será unha prorroga ao continuísmo no desemprego, de aí que resulte incongruente seguir alimentando abstraccións, pois só dende a estabilidade política e a reactivación do tecido produtivo vía pequenas e medianas empresas, e autónomos, encamiñarase un tránsito fiable e efectivo cara á creación de emprego. 

Sendo toda formulación oposta unha pura estrataxema.

No hay comentarios:

Publicar un comentario