14 feb 2014

CORRUPCIÓN: CORRUPTORES E CORRUPTOS

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia


En boa medida a avalancha dos casos de corrupción vén propiciada polo relevo de funcionarios da Administración, que suplidos por eventuais ou cargos de confianza, por factores de dependencia e fidelidade partidista, son forzados politicamente como avalistas de ilegalidades.

A corrupción non ten límite, esa progresión de inmoralidade dual entre corruptor e corrupto que á marxe da lei beneficia a ambas as dúas partes en prexuízo colectivo da sociedade, resulta incesante  pola tolerada condescendencia política, a sustentada impunidade e a escaseza de conciencia social; de aí que ese cancro endémico mudase con compracencia combinada ata transformarse nunha compartida norma de conduta, nunha práctica asociada á función política.

Sendo por iso que a "contracultura da corrupción" favorecida pola influencia dos perceptores de prebendas, chegou a enraizar na propia estrutura do Estado ata o extremo de socavar a vida institucional do país e transgredir o ordenamento instaurado, nun proceso de vulneración continuada do Estado de Dereito; e todo este atropelo, polo ambicioso obxectivo duns desalmados empeñados custe o que custe en obter un proveito alleo ao ben común.

De aí que pola súa condición sistémica e estrutural, sexa unha equivocación intentar combater a corrupción coa intervención exclusiva de xuíces e a aplicación estrita do Código Penal, pois cando unha situación excédese de escala e vaise fóra de nai, a gravidade da súa deriva esixe outras medidas paliativas que poñan remedio ao extravío, toda vez que nos grandes escándalos de corrupción, chegado ao alcance da actual dimensión, á marxe da súa condición de testemuño exemplificante, a aplicación do proceso penal resulta totalmente ineficaz para atallar tal nivel de transgresión.

Como tampouco resulta válido para remediar a mais difundida corrupción de baixa intensidade, esa práctica cotiá que acaba por corrompelo todo; porque ademais da amplitude do seu ámbito e a súa notoria intensidade, insólitamente, a gran maioría deses turbios comportamentos aínda escandalizando o país e sementando alarma social, nin sequera son considerados delituosos.

Polo tanto, tense que dar por certo que a tolerancia asentida durante anos fixo que a tempo presente a corrupción estea incrustada na medula do sistema, pero tamén débese asumir que inversamente ao debido, en vez de mitigar os seus prexuízos, a permisividade política seguiu prodigando a súa proliferación, como o testifica a interminable implicación en actos ilícitos de multitude de suxeitos connotados con distintos niveis ou esferas da administración e especialmente con aqueles que por vulnerabilidade afectan á contratación pública, onde a xulgar polos feitos o actual marco xurídico resulta canto menos insuficiente, pois non resolve en modo ningún as numerosas deficiencias nos mecanismos de control.

De aí que para eliminar o habitual saqueo dos corruptos políticos, haxa de inverterse o actual ordenamento co fin de suprimir os seus colaboradores na comisión do delito, obxectivo, que pasa obrigatoriamente polo establecemento dunha función pública moito máis ríxida, pois iso é o obrigado cando quen debese velar polo cumprimento da disciplina legal non é capaz de comportarse debidamente nun ámbito de confianza e liberdade, e tal decisión arrastra consigo como esixencia, que todo posto de responsabilidade na xestión da Administración recaia exclusivamente en funcionarios públicos de carreira encargados do control e a fiscalización dos procedementos, sen cuxo visto e prace, nin poidan progresar os expedientes nin tampouco sexa posible a aprobación do gasto. 

Medidas cuxo implícito terá que causar forzosamente a exclusión inspectora do persoal eventual ou de confianza, que colocado a dedo, veñen de xestionar a tramitación dos procedementos con participación resolutiva nas mesas de contratación.

Se a complicidade política coa corrupción é unha evidencia, cando dende a cúpula da patronal se axuízan os escándalos de corrupción como unha catástrofe, o certo é que polo regular tal manifestación é puramente unha formalidade declarativa, que tras de si, mais que unha crítica de condena a esas prácticas infectas esconde un actitude de dobre moral sen propósito de emenda, actitude, que atribúe aos representantes do colectivo empresarial a condición de copartícipes como así mesmo cómplices dos corruptores que se abeiran nesas entidades disfrazados de empresarios.

Dende a representación empresarial deberan saber que arbitrariamente a corrupción se centra moito nos corruptos e pouco nos corruptores, e pola parte que lle afecta está obrigada en dar un paso adiante no seu compromiso anticorrupción e apostar de forma decidida polas boas prácticas asociativas, excluíndo do seu foro os corruptores, pois de non o facer, non só estaría a amparar os malos hábitos empresariais senón que viría a acernar a libre competencia prexudicando con iso a outros empresarios competidores que por código de conduta non recorren a eses procedementos ilícitos.

É incuestionable pois, que para erradicar a corrupción non ten de quedar soa a xudicatura loitando contra esta causa, sendo preciso por obrigada colaboración, que as asociacións empresariais na parte que lles toca se involucren nesta loita ata lograr darlle un xiro a tan complexa realidade.



No hay comentarios:

Publicar un comentario