27 dic 2013

OS OUTROS SANTOS INOCENTES

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Se este 28 de decembro, dás por caer na conta que o acceso ao traballo e á vivenda deixou de ser unha atribución constitucional, e que ademais acernaron o dereito á sanidade, á xustiza e á educación, non te quedará outra, que deixar de exercer de Santo Inocente e enfrontarte abertamente a quen en propio beneficio está a roubar os teus dereitos inalienables.

Hoxe, xa entreabrida a porta de fin de ano, vivimos unha data heteroxénea, unha xornada onde os medios de comunicación aproveitan para coar o cazapo e facelo pasar como noticia certa, tempo, que outros utilizan para dar renda solta ao seu singular sentido do humor, e o mesmo día que os integristas do nacional catolicismo monopolizan ortodoxia para dar outra volta de rosca á súa interesada cruzada de axitación e propaganda antiabortista, é dicir, toda unha métrica combinada de diversidade característica, unha mostra variada que pon de manifesto as distintas sensibilidades que rodean a conmemoración daquel episodio haxiográfico do cristianismo sobre a matanza dos nenos de Xudea que instigara un desalmado Herodes, co fin de exterminar ao aínda recén nacido Xesús de Nazaret.

Para acentuar esa pluralidade distintiva, tampouco serei eu quen hoxe veña  en dar sentido estrito á festividade litúrxica instituída polo Papa Pio V, aínda cando, por entender que a actualidade o require, si traio a colación aos Santos Inocentes, pero a outros mártires distintos aos da celebración deste día, os maxistralmente creados por Miguel Delibes na súa extraordinaria novela que con idéntico título levara Mario Camus á pantalla, na que foi e segue sendo unha das mellores películas do cine español.

Novela e filme que ilustran de forma realista a España franquista dos anos 60, constituíndo o seu contido unha denuncia contra a ostensible política de marxinación que na sociedade daquel tempo tivo especial repercusión sobre a vida dos menos favorecidos; lesiva influencia, que agora, 53 anos máis tarde, en figurante democracia e con cambiantes protagonistas, de súbito, mais que mostrarse como o reflexo dunha época superada, coa irrupción do novo Executivo do Partido Popular pasou a tomar categoría de plena actualidade e a mais completa das vixencias.

É coma se a contraxeito, fose actualmente a ironía quen marcara a dirección do noso futuro, impoñendo por obrigado itinerario unha adversa viaxe a aquel tempo pretérito, facendo que os fantasmas da época negra da nosa historia tomen corpo de realidade en pleno século XXI, e así, se naquel entón era o ritmo da ditadura e o absolutismo da oligarquía quen marcaba a pauta de regresión aos Santos Inocentes da época, aos damnificados do tempo presente, é a asimetría democrática e os mercados financeiros coa colaboración política necesaria, quen impoñen a instauración dunha nova orde autocrática cuxa hostilidade ocasiona o pesadume na poboación mais exposta, ou o que é o mesmo, na ampla comunidade que agrupa a nova versión destes outros Santos Inocentes.

De aí que cando para desgracia social a dereita mais reaccionaria de toda Europa exerce función de goberno e decide desmontar os elos da cadea que sustentara a sociedade do benestar, a brusca perda daqueles dereitos adquiridos, fai que o oficialismo relixioso que rodea esta celebración tome carácter accesorio, e moi especialmente a cruzada antiabortista de quen tras o seu finxido empeño por preservar a vida, manteñen aberta complicidade coas antisociais medidas do goberno que paradoxalmente afectan á subsistencia social como forma e acción de vivir.

Sendo o testemuño destes escamoteos, quen por translación no tempo fan obrigado rememorar aquela película de Camus, e especialmente a repercusión da súa influencia no profuso colectivo que integran os novos Santos Inocentes, a quen ademais de subtraerlles o futuro inténtanlles agora arrebatar a dignidade.

Pois a partir do golpe de estado global causante da eclosión da crise de deseño do 2008, inténtase por todos os medios forzar a capitulación dos dereitos civís e laborais de pertenza en asunción ás presións impostas pola nova orde mundial, contando coa  man interventora do actual Executivo do Partido Popular, organización política que a xulgar polos feitos, vén disposta a estender o estado de pánico e con iso reducir a resistencia a mínimos para rebaixar a conflitividade social, e lograr con iso, que a única reivindicación admisible se reduza a sobrevivir en mimética correspondencia ao comportamento daqueles submisos xornaleiros que con toda crueza creara en tinta e papel o mestre Delibes.

Pero os instigadores políticos da situación, antes de cantar triunfo deberan saber que non son bos tempos para o conformismo, e polo tanto, que o futuro das persoas nin é negociable nin admite renuncia de tipo algún, e que toda medida imposta contravindo os dereitos establecidos no ordenamento constitucional contará coa réplica acorde, pois como no desenlace da novela de referencia, cando o poder despreza os dereitos fundamentais e o abuso faise intolerable, ata os Santos Inocentes reaccionan en clave de escarmento.


No hay comentarios:

Publicar un comentario