20 dic 2013

CAGAN POR NÓS, E DISQUE SARABÍA

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia

Dende a perspectiva de dereitos sociais, o ano que estamos a despedir resulta totalmente fatídico, pois as políticas de austeridade aplicadas polo PP, causaron empobrecemento, inseguridade económica, unha situación de vulnerabilidade crecente e un incremento das desigualdades, que nos sitúan nun punto de difícil retorno.

Por basto que aparente o título, cando a tempo de quitarche o paraugas déixanche caer enriba un trebón de inmundicia, ante tal situación, ningunha expresión de protesta debe tomarse por grosaría, pois o bo dicir, non consiste en protexer inmaculada a arquitectura do léxico, senón, utilizar a expresión mais apropiada para referir con maior fidelidade a realidade que che prexudica, e neste caso, cando a meteoroloxía política transita entre o fétido e o cotroso requirindo tapar o nariz, mais que edulcorar a linguaxe, é tempo de chamar ás cousas polo seu nome, pois por mais exquisiteces que simulemos cando o que está a caer é merda, o normal é,  que a expresión literal atenda a tal eventualidade sen que caiban pinceladas. 

Por iso, porque a realidade o evidencia e os estudos de opinión pública o referendan, cumpre dicir, que para o ámbito da España social, o estado de degradación política no que está sumido o Partido Popular derivou por contaxiar ao país ata a súa medula, de aí, que ademais de ser responsable de arruinar o presente da colectividade é tamén o causante de truncar as súas expectativas de futuro, como igualmente, de promover e impulsar a corrupción e a súa escandalosa actualidade. Perniciosas influencias, que por manifesta tolerancia, coma se dunha ironía democrática se tratase, orientan conducirnos cara á dramática situación de ter que repetir un novo ciclo do franquismo na súa fase mais recalcitrante.

Unha fatídica situación de decadencia e de progresiva deterioración, e iso é así, por mais que os directos artífices, intenten agora camuflar o seu papel protagonista por medio de inculpacións de despiste, adxudicando a raíz dos males a imaxinativos especuladores interesados en desestabilizar e crear alarma social entre a poboación; todo un engano, un estrataxema de distracción da mais reaccionaria dereita europea, dun PP autocrático, que contra vento e marea prosegue no seu afán de reducir a cinzas o marco constitucional, para despois, rematar por restrinxir a liberdade de pensamento e confinar os dereitos individuais.

De aí que tras esa dose de disimulo, se lles antollase un empacho de descaro, degustación, que tivo por protagonista ao propio Presidente Rajoy, quen tomando unha vez mais a fraude por monteira e aos cidadáns por idiotas, esta mesma semana satisfixo a súa desvergonza, cando sen o menor reparo puxo de manifesto que non existen datos para afirmar que no país está a aumentar a desigualdade; é dicir, unha declaración meritoria dunha cátedra á insolencia, por canto é farto sabido que España, é o país con maior desigualdade social da eurozona, como poñen de manifesto os 3.250.000 persoas, que no noso país, están en risco de exclusión e pobreza extrema.

Claro que se quen nega esta realidade é o mesmo que reside no círculo vicioso da mentira, e politicamente exerce de mitómano patolóxico deformando a realidade para tapar as súas propias implicacións coa corrupción, entón é cando a falta de rigor deixa paso a unha ferinte fantasía, e o mais grave politicamente, cando a falta de código de conduta vén a referendar como norma a perversión e a decadencia.
O problema de gobernar a golpe de mando dos mercados financeiros, ocasiona que os fundamentos que sustentan o estado social de Dereito rematen no colector como un simple desperdicio, e que a perda de sensibilidade social se converta en hipocrisía política; se así non fóra, o PP tería que asumir que os recortes sociais e as medidas de contención do déficit público que están a aplicar, son a principal causa do actual estado de degradación, deste proceso de empobrecemento paulatino que provoca un circuíto de miseria situando a mais dun terzo da poboación fóra de xogo, descartada do crecemento e sen trazas de futuro. Como tamén o motivo do aumento da pobreza severa que nesta España "democrática" xa sitúa a 630.000 fogares en estado de quebra familiar por total falta de ingresos nin prestacións. 
Para inverter a tendencia, é incuestionable que toda fórmula dirixida a atenuar as desigualdades, pasa obrigatoriamente, por incrementar a oferta activa de postos de traballo e facer crecer o montante da poboación empregada; medidas fundamentais que para afianzar o obrigado reequilibrio, teñen  de contar así mesmo co acompañamento dunha alza salarial, a depreciación das rendas do capital e a aplicación dunha política fiscal progresiva, non existindo solución alternativa a tal formulación; pero a verdadeira complexidade das devanditas medidas non é a súa propia finalidade, senón a oposta vontade política para levalas a termo, por canto o seu contido é o reverso das actuais medidas que está a impoñer o goberno.

Por iso que mentres a vontade de cambio non sexa manifesta, non intenten vender por sarabia o que é unha puta merda.
Á xente de ben, Bo Nadal

No hay comentarios:

Publicar un comentario