PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia
Detrás do medo duns a reformar a Constitución ocúltase o empeño doutros por rematar con ela, e actualmente, son estes últimos quen levan a dianteira, de aí que ao presente, a Carta Magna como norma suprema do Estado, mais que languidecer, sucumbe.
Se oficialmente onte celebrouse no país un novo aniversario da festividade constitucional, hoxe como día despois, en razón á que está a caer, resulta de todo obrigado por vinculada inmediatez, reivindicar esta data como xornada de reflexión, ao só obxecto, de despexar a incógnita e saber que parte do cumprimento da Carta Magna estivemos a celebrar, ou se o que verdadeiramente festexamos, foi o obxectivo inverso, é dicir, enaltecer a súa vulneración.
Non sempre a dúbida é orixe da verdade, pero en democracia, cando un grupo político pasa polo forro o seu programa electoral, o só feito dese degradante proceder, mais que unha disxuntiva é unha afronta á cidadanía que vén a corroborar que chegada a situación, idéntico proceder dispensará cara ao marco constitucional, e neste caso, para que non caiba dúbida a ratificación a tal afirmación está referendada pola propia realidade dos feitos.
Pois no actual contexto, a aplicación arbitraria do texto constitucional constitúe unha transgresión da norma suprema do ordenamento xurídico, en razón que a imposición de deberes imprevistos entra en contraposición coa supresión xeneralizada de dereitos recoñecidos, disparidade, que revela a existencia dunha mutilación en cuberto desta norma suprema que afecta tanto á súa letra coma ao seu espírito, e que por detracción de dereitos e liberdades pon en serio perigo non tan só a estabilidade democrática, senón tamén a propia pervivencia do Estado de Dereito.
Non é ningunha novidade afirmar que a maioría política do PP, xurdida dos últimos comicios e teoricamente suxeita á Constitución, dende o mesmo día do seu desembarco no poder, desatendeu o mandato da vontade dos electores, e esa infracción levou implícito que as garantías constitucionais non quedasen aseguradas, toda vez que o Goberno conservador, lonxe de velar pola digna calidade de vida dos cidadáns e promover a equidade social como norma de convivencia, apostou por antepoñer o seu apoio a intereses privados en detrimento do ben público, ensanchando con iso as diferenzas entre ricos e pobres, é dicir, levando a termo unhas políticas de goberno en dirección inversa co que ordena esa Constitución que eles mesmos xuraron cumprir e acatar ao tomar posesión dos seus cargos.
Por iso que nada habería que celebrar, pois a Lei de Leis española está, si non morta, en fase terminal, por canto, a tempo presente non pode garantir o cumprimento de ningún dos dereitos que formalmente nos ten outorgado como cidadáns, motivo que converte o seu contido nun declarativo de intencións de carácter testemuñal, e iso é así, despois da intervención express de setembro de 2011, cando sen consultar aos cidadáns, a maioría política do parlamento a entregaron como unha prostituta aos mercados financeiros promotores da crise a través daquela escandalosa modificación do seu artigo 135; desafortunada decisión que ademais de acernar o conxunto de dereitos fundamentais fixo desistir de calquera indicio de soberanía económica, e por conseguinte do control democrático da economía.
Ante tal involución, cando a sabendas que non só temos hipotecado o Estado senón tamén a súa Constitución, fronte tan nefasta realidade, resulta cómico aínda sendo tráxico, ese alarde de patriotismo enfermizo esixindo disciplina constitucional, ou esa advertencia ameazante contra todo opositor ao actual estado de artificialidade.
Empeño cuxa única finalidade, é manter o disfrace a unha perigosa acción de goberno que paulatinamente nos conduce cara á deriva antidemocrática e camiño á insensatez preconstitucional, coa única finalidade que non é outra que a creación dun ambiente acorde á súa inspiración política e alleo polo tanto ao marco de dereitos e liberdades, por ser ben sabido que a democracia non é sitio para fascistas.
Así pois, como referendo dese escabroso propósito ademais do acoso e asedio á Carta Magna, temos de sumar a cadea de desmandos emprendida polo PP, empezando pola regresiva Lei de Seguridade Cidadá, para seguir coa reaccionaria reforma do Código Civil, continuando coa aberrante Lei de Educación, para proseguir coa leonina Reforma Laboral, sen esquecer a inapropiada Reforma Sanitaria nin as sórdidas medidas fiscais, é dicir, que a supresión en cuberto do marco constitucional conta coa escolta dun bloque de medidas lexislativas que á parte de amordazar a liberdade de expresión nos sitúan en espazo inmediato anterior á transición democrática.
Grave situación que un verdadeiro demócrata mais que celebrar debe combater, deixando para renegados o fariseísmo institucional de converter a Constitución no felpudo da porta de acceso á regresión. Por iso onte, a xente de ben, nada houbo de celebrar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario