PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia
Mais que deambular polo anacronismo, por pura estratexia de efectividade, as reivindicacións de reactivación do sector naval teñen de implicar directamente ao Executivo, para que así, de forma inmediata véxase na obriga de tomar cartas no asunto.
Mais que deambular polo anacronismo, por pura estratexia de efectividade, as reivindicacións de reactivación do sector naval teñen de implicar directamente ao Executivo, para que así, de forma inmediata véxase na obriga de tomar cartas no asunto.
No ámbito relixioso hai crentes extremadamente místicos que por non involucrar a Deus nas súas desgracias, toman por beata decisión a inútil tarefa de ir golpear a aldraba á porta de San Pedro.
Xustamente este é o proceder reflexo que na bisbarra de Ferrolterra, desempeñan actualmente, os devotos Alcaldes do PP e demais servos do rabaño conservador, cando deciden marchar en peregrinación cara á Vila e Corte en pregaria de remedios para garantir a solidez das dúas instalacións navais da ría, e unha vez alí, en vez de acudir á sede da chancelaría apostólica de Moncloa e facer tocar as campás a rebato en sinal de emerxencia, contra toda lóxica, deciden usar o despiste doutrinal, e en súplica de indulxencia ir pulsar o timbre á sancristía catedralicia da SEPI.
Visto semellante proceder, despois do longo tránsito de reconversión, cando debesen estar vacinados de estupidez política, agora, vai resultar que esta tropa, lonxe de tomar encontro coa sensatez e facer valer a súa condición de lexítimos representantes defendendo a continuidade do sector e o mantemento do emprego, a través do seu rocambolesco galimatías, o único que veñen a revelar é que detrás do seu ensaiado simulacro non existe outra finalidade que cubrirlle as costas ao actual Executivo.
E así, mentres que coa súa táctica de confusión cargan tintas de inculpación cara a terceiros impropios, con tan sibilino proceder veñen a exculpar aos responsables políticos directos e únicos causantes da situación, posibilitando que Rajoy á fronte, asistido polo seu gabinete, poida concluír sen impedimentos o último capítulo da reconversión, cuxa culminación traerá implícito a destrución integral do emprego existente e por conseguinte o peche a cal e canto de ambas as dúas factorías..
Por iso que agora, en pleno ecuador da lexislatura, cando os resultados do Goberno mídense en escala de mentiras e incumprimentos, resulta un completo descaro que os directos responsables queiran evadir os vínculos políticos concertados cos electores, poñendo por chibo expiatorio á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), que aínda sendo un organismo de nula eficacia, non resulta de recibo, transmitirlle como propias as responsabilidades que envolven o actual fracaso político.
De aí a incongruencia que supón o proceder destes gregarios comarcais que en vez de esixir da curia política resolucións ao respecto, nunha manobra de desconcerto, xogan a perder os papeis, e nesa tesitura deciden facer cargar toda responsabilidade sobre uns incautos sancristáns.
Un modo pouco ortodoxo de encubrir cataduras dunha realidade política arrevesada, que por resultar incómoda para os seus protagonistas leva implícita a ocultación da verdade ao igual que a finalidade dos seus propósitos, e así é, como lonxe da debida transparencia imponse o ocultismo na xestión dos procedementos clave para a continuidade do sector, de aí, o total descoñecemento que rodea a construción do comprometido dique flotante, ao igual que a total desinformación sobre as negociacións coa Unión Europea para o levantamento do veto á construción naval civil, ou o enigmático estado do contrato coa mexicana Pemex
Despois de 30 longos anos percibindo idéntico comportamento e un grao de deterioración en progresión crecente, ante este escenario, cando a conivencia é manifesta e a artimañas insostibles non debe quedar mais espazo para a confabulación, pero si argumentos e razóns sobradas para promover a confrontación social, pois non temos de esquecer, que os sucesivos plans de axuste impostos en ambos os dous estaleiros, ao igual que a aplicación das directiva que poñía fin á construción naval convencional e a súa posterior exclusión do mercado offshore, foron levadas doadamente a termo, como actualmente pode acontecer, ao contar coa degradante figura dos colaboradores necesarios.
Agora, esa función colaboracionista é a encomenda que ten asignada ese colectivo de representantes corporativos do PP, que pola súa regresiva actitude mais que merecer recoñecemento social, deben recibir a mais enérxica reprobación, pois coas súas manobras de deseño direccional, está claro, que non é a solución ao problema o que perseguen, senón, evitar coa táctica do dobre xogo que o nulo resultado da xestión do seu partido para co naval derive en prexuízo do seu capital electoral.
Nesta bisbarra, o histórico do naval está salpicado de inflexións perniciosas por un compendio de corrupción política en beneficio de acólitos de toda casta, cuxa repercusión causou no sector uns prexuízos irreversibles, razón sobrada para poñerse en garda e evitar con iso que outra vez vólvase repetir o ciclo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario