8 nov 2013

O XORNALISMO NA ENCRUCILLADA

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia


A escasa fiabilidade que acompaña a práctica xornalística dos grandes medios da prensa escrita, é consecuencia directa, da interferencia que exerce o tándem político - financeiro, na súa interesada porfía por controlar a mass media.

Ao parecer, o que noutros países é unha estendida práctica do bo facer xornalístico en materia política, aquí, a utilización do "Fact Check" resulta un procedemento inusual, dedicándose a maioría dos profesionais do ramo a transcribir literalmente as declaracións do político de quenda, sen tan sequera contrastar datos nin verificar, se o contido do que di acomódase a un feito certo, ou se inversamente, correspóndese coa viva reprodución dunha mentira.

É evidente que ese exercicio de transcrición a tempo real limítalles a necesaria interpretación do que están a oír, e por conseguinte, a dominante presión que rodea a inmediatez informativa, impídelles deducir que polo xeral, cando os políticos din unha cousa, tras o interesado lado bo do que divulgan, sempre queda oculta a auténtica realidade, e ese é o motivo polo que, frecuentemente, ao ler a prensa mais que percibir no seu contido o rigor xornalístico notemos un marcado tufo a panfleto político.

Pero esta deriva mais que tomar tendencia cara á corrección revela con agravarse, por canto coa crise económica facendo estragos na capacidade adquisitiva das familias e o paro situado en cifras inauditas, neste clima de restrición, os xornais deixaron de ser unha prioridade para os consumidores, coa detracción de ingresos que tal situación induce á actividade,

Se a iso engadimos, que por idéntica consecuencia as empresas xa non se anuncian como antes, e que a devandita mingua propiciou unha caída en publicidade do 60% nos últimos catro anos; resulta indubidable que o financiamento externo, as subsistentes subvencións institucionais coa publicidade de acompañamento e o agregado da propaganda política, veñen a converterse no pábulo de pervivencia que sustenta este sector mediático.

Agora ben, esa dependencia económica non é gratuíta senón que ten o seu custo que non só inflúe na liberdade de expresión, senón que o seu alcance, toma rango de auténtica directiva editorial, impedindo que o "Fact Check" adquira proxección no quefacer xornalístico, polo prexuízo que a súa aplicación causaría nos corruptos intereses dun amplo sector da actividade política, como tamén, polo inconveniente que tal método suscitaría no degradante obxectivo que manteñen as dúas principais formacións políticas (PP- PSOE), empeñadas en impoñer como prototipo informativo o modelo que correspondería a unha sociedade desinformada.

Polo tanto é obrigado sinalar, que a perda de imparcialidade das escasas empresas editoriais que aínda non sucumbiron á absorción do poder financeiro, supón unha nova ameaza para a boa praxe xornalística, e a permisividade a esta irrupción acentuará a depreciación da escasa marxe de credibilidade do sector, cuxa consecuencia fará decrecer aínda mais os seus índices de fidelización, xa que non debe pasar desapercibido que aos lectores de prensa ademais das limitacións que lles impón a crise, tamén se lles fai custoso pagar por recibir unha información adulterada da que apenas se fían.

Cando a actualidade mais candente xira entorno ao sector financeiro, que para público coñecemento, a tempo presente agrupa ao conxunto dos actuais donos dos medios de comunicación tradicionais, é obvio que ninguén nos seus cabais asumise, que eses medios informativos con marca de identificación bancaria poidan informar libres de subordinación sobre asuntos de afección directa a ese gremio, ou o que é o mesmo, de cuestións xornalísticas quentes conexas coa órbita das finanzas, como resultan ser, as participacións preferentes e outros produtos tóxicos, o rescate bancario e os seus prexuízos ao benestar, o drama dos desafiuzamentos e a súa repercusión social, etc.

Pois son esas colisións, conxuntamente cun acelerado proceso de transformación e a falta de credibilidade, as causas fundamentais que motivaron o decaemento daquela estrutura xornalística que durante tres décadas continuadas moldeara a opinión pública do país, e que por esa alteración de dominio, lonxe de alcanzar unha solución de continuidade, si logrou a función oposta, pois con aquela absorción bancaria e o intrusismo político, a industria da prensa sen conseguir garantir a confianza informativa, si foi capaz de amortizar a súa reputación de outrora

Xa que logo, o secuestro dos medios informativos por parte do tándem político-financeiro, está a limitar o seu normal funcionamento, ao constrinxir a liberdade de expresión e poñer atrancos á emisión informativa, por iso, quen aspire a alcanzar notoriedade profesional no novo devir xornalístico, debe plantar ruptura co presente para asumir a convivencia con realidades incomodas e rexeitar a imposición de mirar cara a outro lado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario