PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia
A volta á economía real é a única solución para evitar a destrución á que nos conduce a economía especulativa, e iso non é posible sen o rescate do tecido empresarial.
Afirmar que os vaivéns do mercado laboral son a principal consecuencia das flutuacións da actividade empresarial, é unha aserción de pura lóxica, de aí que resulte consecuente confirmar que a creación ou a destrución de emprego, depende case en exclusiva do estado de saúde que manteña no seu conxunto a estrutura produtiva.
Así pois, pola súa implicación no desenvolvemento, a produción e o emprego, débese asumir que a posta en activo, a diversificación e a ampliación dos recursos empresariais, son factores esenciais e pedra angular que debe sustentar toda acción política de reactivación económica, pois caso contrario, por mais euforia estatística que se proclame para autenticar como positivo a realidade dun crecemento ficticio, non se logrará terxiversar a evidencia; pero lamentablemente, si conseguirase ampliar no tempo o período de contracción da economía.
Máxime, ao contrastar como os activistas da especulación (mercados financeiros e banca), responsables da crise, a pesar da súa implicación nesta, sigan levando a voz cantante ata o extremo de marcar ao teórico Goberno democrático as políticas económicas do país, e esta circunstancia, ademais de evidenciar para quen goberna o actual Executivo "popular", de igual forma, fai descifrable o porque da específica reactivación da economía financeira, como tamén, a causa instigadora da recesión xeral da economía produtiva, que a tempo presente, prosegue empantanada e cun 26% de paro.
Como queda visto, a pesar da súa mala praxe, non só son os axitadores financeiros os directos responsables de favorecer a consolidación das súas dinámicas especulativas, senón o Goberno do PP, porque é este, e non aqueles, o que ten o deber de velar polos intereses dos seus cidadáns, e do cumprimento desa obriga, tería de xurdir un cambio nas regras de xogo, cuxa repercusión ademais de pararlle os pés aos mercados financeiros, incluiría a imposición da economía produtiva como norma de conduta, e todo iso, en detrimento da dilatada práctica de estraperlo que dende o estalido da globalización vén dominando con grande alcance o degradado exercicio da rutina bancaria.
A urxencia en afrontar un radical cambio de pautas non admite dilación, pois o grao de controversia e alarma social que está a xerar tan turbia operativa económica, veñen a situala ao bordo da obscenidade, por non resultar nin minimamente decoroso que en plena recesión, os que fosen rescatados do pozo da quebra con diñeiro público, prosigan agora a súa escandalosa especulativa de antano.
Iso alomenos é o que se deduce dos resultados acumulados do sector bancario referidos ao peche do terceiro trimestre, e cuxa cantidade rexistra nos nove primeiros meses do presente exercicio, un beneficio neto superior aos 7.000 millóns de euros, ou dito noutras palabras; mentres á economía produtiva representada polo colectivo empresarial (pemes - autónomos), péchaselle a vía de acceso ao crédito, as entidades artífices desa limitación, incrementan as súas ganancias nun 78,9%, resultando especialmente significativo para os efectos de contraste, comprobar como ao mesmo tempo, o crédito ás empresas agudízase ata se derrubar e caer a mínimos dende o 2006.
Todo un síntoma de incongruencia, por canto, seguindo as pautas impostas polos profesionais da especulación, lonxe de toda fantasía de reactivación, o país está condenado a seguir ancorado na crise económica sen visos de solución, nin posibilidade real de recuperación.
Queda visto que non eran os bancos a quen tocaba rescatar, e moito menos utilizando fondos públicos e garantías do estado, xa que resulta evidente, que a intervención destes na economía sempre deriva cara a tendencias viciadas de nulo proveito para o interese xeral.
O seu dende a orixe da crise, era dar trato preferente á restitución empresarial e primar de forma efectiva e real as iniciativas emprendedoras, e é aí onde debesen ser utilizados os malgastados fondos económicos estatais absorbidos pola banca, para así poder consolidar unha estrutura empresarial sólida e estable, pois debemos asumir consecuentemente, que nun país sen empresas se poderá xerar especulación por parte dos mercados financeiros, pero o que nunca se logrará será xerar riqueza nin crear emprego.
Por iso, cando a disxuntiva é o futuro, hai que empezar por estabilizar o presente, e nese labor o sector empresarial non debe asumir mais concesións, pois o seu papel protagonista na sociedade lle demanda un comportamento acorde, que pasa inescusablemente por esixir o seu recoñecemento social e un trato consecuente a este, para poder materializar o seu funcionamento, no bo sentido, que ser empresario é un aliciente e non unha tarefa imposible.
No hay comentarios:
Publicar un comentario