PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Infocadernos; Globedia
Dous anos despois do atraco electoral cometido por Rajoy, á deterioración das condicións socios económicas dos cidadáns, hase de engadir, un descenso crecente na calidade democrática do país.
O vindeiro mércores cúmprese o bienio da grande impostura, pois foi o 20 de novembro do 2011 cando se celebraron as undécimas eleccións xerais dende a transición; uns comicios marcados pola asimetría electoral, ao ser nesa coincidente xornada, cando o PP, por medio dunha fraude, fíxose co poder de goberno engaiolando á cidadanía a través dunha oferta programática sustentada na mentira; e nunha democracia que se prece, iso é materia abondo para precisar que todo triunfo nas urnas sustentado na falsidade outorga exclusivamente aos vencedores o descrédito dun poder ilexítimo, e polo tanto, unha xerarquía de nula legalidade.
De aí que proceda confirmarse que foi unha canallada política apropiarse indebidamente da vontade popular ofertando o que o pobo quería e desexaba escoitar, máxime cando no seu trasfondo de partida, os do séquito da gaivota, tras unha estratexia premeditada escondían a súa verdadeira finalidade, tal era, utilizar sibilinamente a artimaña electoral do engano masivo para así cativar o voto nas urnas, peza clave na súa conquista do poder, e así, unha vez logrado o obxectivo, dar o cambiazo para facer xusto todo o contrario.
E así foi como a través da posterior acción de Goberno, o PP incumpriu a totalidade daquel programa electoral de compromiso, ou o que é o mesmo, rompeu unilateralmente aquel contrato social que tiña establecido coa cidadanía a través do seu corpo electoral, e ese cúmulo de infraccións, ademais dunha mofa sen precedentes contra o electorado, representa unha deslexitimación dos resultados obtidos e unha violación do principio de boa fe que a mais de imperar no Dereito, preside a dinámica social, circunstancia que veu de sitúar a calidade democrática do país baixo mínimos.
Por iso, cando estamos ás portas de cumprir dous anos daquel pestífero triunfo electoral do 20-N, lonxe do efecto milagroso que preconizaba Rajoy coas súas receitas, aquel sismo electoral do PP, mais que achegar sinerxías favorables ao futuro do país, causou un "tsunami azul" de consecuencias desvastadoras, como o evidencia a deprimente realidade que nos toca vivir, condición reveladora, conforme, nos seus dous anos de lexislatura o Executivo conservador, non só non mellorou a situación senón que empeorou a pasos axigantados, chegando ao extremo da negación política, de converternos no Estado europeo con peor prognóstico para os próximos cinco anos.
Isto empeza ser alarmante en dobre sentido, pois se en vez de erradicar a degradación socio - económica, píntana de cor estabilidade, e o exercicio da política deixa de actuar en defensa do interese cidadán para converterse en aliada dos poderes fácticos; entón cando isto acontece, é evidente que a política mais que a solución resulta ser o problema, e se para maior escarnio, quen exerce o poder político toma os electores por imbéciles e submisos suxeitos das súas mentiras, ese protagonista, mais que un gobernante resulta ser un completo provocador. Nefasto papel desempeñado á perfección polo presidente Rajoy, cuxas prácticas de goberno anuncian a súa malévola finalidade, que non é outra, que utilizar o rendemento que lle achegaron as urnas para finalidade distinta aos dereitos do electorado, tal é, consolidar a primacía dos mercados financeiros e a banca e igualmente recortar as liberdades democráticas.
Xa que logo,encol deste bienio do PP á fronte do goberno, o electorado debera adoutrinarse e tirar conclusións, no sentido de asumir que tan preocupante é a crise económica, como a miseria que induce a mentira, toda vez que por mais formulacións alternativas que se establezan, sen o acompañamento da verdade non hai solución posible, e este condicionante debera ser un límite insalvable para o desembarco político de demagogos, e un deslinde para mentireiros profesionais metidos a políticos, cuxa única achega á sociedade é a súa degradante actividade como licenciados da mentira.
Condición característica do goberno de Rajoy, que por incumprimento xeneralizado do seu programa electoral perdeu toda credibilidade, sendo agora totalmente inverosímil ser crido aínda que digan a verdade; pois nunha democracia representativa, deixan de ser fiables os que acceden ao poder mediante a utilización de artificios e embustes, e neste caso, o sucedido co goberno do PP, quebra o principio de representatividade, cancelando asemade a lexitimidade que os votantes lle outorgaran, e iso ten de ser así, porque neste caso, a base de relación entre representantes e electorado rompeu en razón ao incumprimento da representación política, cuxa agravante, é facer pagar o cidadán por algo que nin sequera votara.
Infame proceder, pois a súa única finalidade é garantir un negocio político, tal é instalarse no poder a través da utilización do engano, e polo tanto, ante estás prácticas vexatorias aos directos afectados asístelles o lexítimo dereito a rebelarse.
No hay comentarios:
Publicar un comentario