31 mar 2012

PURO NEPOTISMO


PUBLICADO 31/03/2012 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario; Globedia
A grandeza de quen ostenta  o poder executivo, non radica no alcance  da súa talla, senón, no positivismo  moral   que acompañe  os seus feitos.

Manterse á marxe de militancia política ou  rexeitar  vínculos co poder institucional, adxudica  aos afíns  a esta corrente, unha xenuína omnipotencia   ideolóxica,  pero este atributo reservado  a quen non están suxeitos a pactos de silencio nin  a disciplina militante,  aínda que lles outorga  a vantaxe de exercer  o  libre pensamento e posibilítalles dar renda solta á súa liberdade de expresión, non é menos certo, que tal calidade, paradoxalmente,  ten a  oficialidade  do  clandestino.

A negativa á aliñación, máis que un recoñecemento da independencia do individuo, está considerada como unha afronta ao poder. quen es desquite  con tales ademáns,  limita a participación dos díscolos nesa nora  de oportunidades    que soluciona  o futuro, o que supón cernar toda posibilidade de éxito,  adxudicándolles para sempre, a estes  rebeldes,  o ingrato papel de permanentes perdedores.

 Na  administración do poder, os  feitos delatan, que a alternancia  non é unha  oportunidade para o cambio, senón a apropiada ocasión para consolidar a  permuta de intereses, e iso é así,    por mais que se tenten despistar as evidencias  asimétricas tras un hipotético  modelo de perfección , e así, mentres a clase dirixente desde o seu poder omnímodo   proclama un status de máximos, ao país móvenselle  as tellas, motivando  pingueiras democráticas,  gretas  de igualdade  e fisuras  de enteireza.

Pois ben, tras esta argucia  de engano, nun desfasamento de cobiza   as donas  da  cúpula dirixente,  facendo gala  dun mal entendido  espírito feminista, non  máis alcanzar o poder e montar a parodia dos reaxustes, con nota alta en demagoxia, sen  reprimir o oculto instinto  das súas ambicións,  destapan o frasco da esencia do nepotismo mais  arcaico,  para encerellarse nunha cruzada de intereses  co obxectivo posto na promoción dos seus  maromos e demais  elite masculina de tan afamada fidalguía.

Apenas cuns días de diferenza, de Cospedal  e Sáenz de  Santamaría, escandalizan ao país  destapando  a ética oculta da súa fisonomía  política  mais íntima , inesperada transparencia que de súpeto  pon ao descuberto o impar criterio que estas señoras teñen sobre os  labores do  aparello do estado, en cuxo alcance , parecen corresponder   os movementos profesionais dos seus consortes, quen pouco  despois que o PP asumise goberno, casualmente foron chamados  para ocupar altos cargos en dúas notables  empresas do IBEX .  Aínda que o balbordo mediático abortou o nomeamento e  a toma de posesión da parella da presidenta de Castela A Mancha, á marxe do desenlace, os  feitos pola súa connotación,  non suscitan  análises políticas para  a súa interpretación, pois por se mesmos resultan concluíntes.

Curiosamente esa conduta de moralidade despistada, protagonizada por ambas executivas conservadoras, aínda sendo un acto  infame,   non pense ninguén  que cultivará  censura desde as filas dos seus opositores políticos; todo o contrario, o que pode ocorrer é que atope competencia,  por canto, este tipo de relación  clientelar propiciando o  nomeamento de familiares , afíns ou achegados,   resulta ser  unha fórmula  de reproducir o poder político,  que aínda trastornando o principio de igualdade,  é abrazada sen reparo pola totalidade  dos representantes institucionais, e como mostra coincidente no tempo, non hai mais que traer a colación o  recente nomeamento  da esposa de Eduardo  Madina, Secretario Xeral do PSOE no Congreso, que curiosamente pasa a compartir  destino empresarial co marido da  todopoderosa  vicepresidenta do Goberno.

A relevancia protagonista  dos caso relatados, non deixa de ser  un referente máis dentro dun  avultado elenco de "nepotizados",  con variada  pelame e condición política, que inclúe,  desde ex presidentes do goberno como Aznar ou González , o seu homólogo do Congreso, dígase Manuel Marín, ou  multitude de ministros, Piqué, Zaplana, Rato, Salgado, Solves, etc.. Pero do afamado renome dos citados,  poderiamos aleatoriamente  percorrer a xeografía do estado para tomar conta dos contratados por influencia na institucións autonómicas de quenda, dos individuos de confianza política que quedaron enganchados na nómina de calquera  deputación de provincias, pasando polo brigadista do concello que se vos antolle,  ou sindicalmente  a daquel afiliado que pola afinidade de carné  librouse de ser reconvertido

E en tanto isto consómese no país como o pan de cada día , os adestrados disimulan as súas implicacións tras unha  reforma laboral, mentres  os mais inxenuos non se decatan da película  e no canto de afiliarse a un partido político ou a un sindicato,   preparan oposicións inútiles  ou mandan curriculum á dirección dunha papeleira.

Este permanente e estendido  conflito de intereses entre o persoal e o xeral, sitúa ao nepotismo nunha forma de corrupción política, que cos seus desatinos  e  adulteración da praxe democrática ,  a pasos axigantados, converteu a función política nun turbio exercicio,  que diminúe a  confianza do cidadán  e en consecuencia  pon en serio perigo a estabilidade do sistema e  por derivación debilita a solidez  dos   cimentos que sustentan a nosa  paz social.
É evidente  que  de manter o actual rumbo, a alarma social está servida  e o resultado da súa consecuencia será tan impactante como imprevisible.

No hay comentarios:

Publicar un comentario