9 mar 2012

CONCILIUM, VERBI GRATIA

PUBLICADO10/03/2012 EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; Faro de Vigo; La Región; Atlántico Diario; Globedia



En menos dun quinquenio, as  finanzas municipais teñen pasado dunha situación delicada  a unha realidade catastrófica, circunstancia,  que esixe a adopción de medidas de contención, anulando a totalidade dos gastos  prescindibles e facendo efectiva a  renuncia  ás competencias delegadas para evitar os gastos de suplencia, que aínda  sendo impropios,  alcanzan o trinta por cento do total orzamentario. Ese que non outro, debe ser o guión  de interpretación, que terá de manter súa vixencia   mentres que  a Administración do Estado manteña estacionada a solución definitiva ao financiamento das entidades locais.

Cando a función política  está exercida por mandatarios competentes, socialmente crece o recoñecemento polo  seu cumprido desempeño, pero cando o dominante é a vulgaridade xerárquica, entón, o quefacer dirixente convértese no centro da censura e o   descrédito. Para desgraza colectiva do país, este último suposto,  é o factor dominante no panorama político xeneral, sendo  mostra diso, a combinación de disparates utilizados polos  nosos representantes como opcións paliativas a esa crise de novo cuño, cuxa autoría,   ten neles mesmos  aos verdadeiros artífices.

Agora por non perder a conexión co desconcerto, a súa instrución  desfila pola chaira  municipal, e nunha   manobra de paso cambiado,  coa improvisación por protagonista, elevan o seu  índice de incoherencia  ao proclamar  que a solución á crise que padecen os entes locais,  pasa pola implantación  dun  novo modelo territorial con menos municipios, a fin de reducir custos e mellorar servizos.

Isto non deixa de ser unha declaración diverxente, unha ocorrencia  exenta do mínimo rigor, pois unha formulación seria sobre a fusión ou conxestión de concellos, como mínimo, debese  vir precedido dun estudo de avaliación sobre as vantaxes   do novo modelo de organización  e a repercusión do  seu alcance,  que ademais da esfera municipal tería que precisar, o futuro das deputacións no contexto  do novo escenario organizativo. En todo caso, o que está fóra de dúbida, é  que  unha planificación desta envergadura non se resolve coa manifestación  de inconexos arrebatos políticos. 

Se  queremos  centrar o debate sobre as graves dificultades de financiamento das entidades locais, resulta  un contrasenso que   baseemos a motivación nas características  do  marco espacial de referencia, cando a razón causante, máis que territorial,  estriba   no  modelo de financiamento das propias  institucións, que de xeito evidente resulta  ser contraposto en relación aos servizos que se prestan.
Por tanto, a verdadeira reforma  debe pasar pola  implantación  dun   modelo  de financiamento local de substitución, un novo marco legal, cuxo contido atenda  a criterios  de obxectividade que garantan unha distribución equitativa dos recursos,  acorde  cos servizos e competencias que as corporacións exercen  de seu.

As entidades locais como administración máis próxima ao cidadán  non pode seguir cumprindo o papel de cincenta da administración do Estado, mentres   asumen o incremento de tarefas    sen a transferencia dos   medios económicos de acompañamento, pois tal extremo remata por minguar a súa saúde financeira. En razón a iso, a curto prazo, esa que non outra debe ser o referente  argumental  do debate, suposto contrario,  ademais de equivocar o móbil das causas,  estariamos empuxando a consecuencia  dos  efectos por unha ruta de difícil retorno.
Resulta pois un contrasenso que á parte de negar aos concellos a  existencia dunha  débeda histórica  pola prestación de labores  impropios, cando a súa asfixia económica acentúase ao  perder unha das súas primordiais fontes de recadación vinculadas ao urbanismo, e consolídase a carencia  de cobertura financeira,  fágase  táboa rasa, impondo aleatoriamente un teito de déficit  do 0,3 por cento, cuxa aplicación minguará  a súa escasa marxe de manobra  nun contexto caracterizado pola caída de ingresos.

En materia de ordenación  municipal non  existen razóns  que xustifiquen a variación  do modelo   territorial existente que ampara o ordenamento xurídico, e por iso é un disparate   postular a simplificación do mapa local a golpe de fusións, máxime, cando tal pretensión ademais de representar un  atentado contra o principio de autonomía local  como dereito recoñecido na lexislación, o formato resultante, como agrupación forzada, pola súa condición de artificialismo contra natura,  produciría sinerxías negativas.

Por esencial principio de funcionalidade, é obvio, que como administracións máis próximas ao cidadán, os concellos é a súa actual configuración, son quen deben asumir a prestación dos servizos públicos, sen que tal condición,  limite campo para instrumentalizar plataformas de xestión intermunicipal dirixidas  a asumir  colectivamente a prestación de servizos públicos comúns, co obxectivo de xerar economías de escala que redunden no abaratamento da explotación.

Nosos ocorrentes representantes  deben deixarse de  insólitas  extravagancias,  para tomar razón do problema e  convencerse, que a   solución  non é outra, que forzar a urxencia  na redacción  e aplicación executiva,  dun  novo modelo de financiamento máis acorde co mandato constitucional de suficiencia financeira.





No hay comentarios:

Publicar un comentario