17 jul 2010

RÉQUIEM POLA XUSTIZA

É posible que un candidato insensato confunda o marco legal co encadre dun pergamiño, como tamén é probable que un asesor xurídico pense que a inobservancia forme parte dos seus labores, e indo mais lonxe poderíase dicir que quizá os membros dunha xunta electoral crean que a súa inhibición está exenta de responsabilidade, sendo igualmente presumible que a responsable política dun órgano tutelante escuse a súa abstención pensando ter patente de corso

Cando está hipótese puidese tomar corpo de realidade, o estado de dereito cambalearíase xa que os obrigados a velar e intervir como árbitros do cumprimento da disciplina legal, terían substituído o seu inescusable papel de garantes de dereitos fundamentais, pola de expertos dinamiteiros empeñados en voar con explosión controlada a cimentación que sustenta os alicerces estruturais da democracia, e sen dúbida, nunha escenificación semellante non caberían tolerancias, pois suposto contrario o impasible espectador, caladamente estaría a ser cómplice encuberto de quen toma por oficio suprimir a furtadelas as inviolables páxinas que conforman o texto constitucional.

Pero ampliemos o vodevil da fantasía, e imaxinemos que tras o pano deste escenario imaxinario os actores da repartición ensaiasen unha tremoia de descaro, inspirada nun guión licencioso cuxo contido, elevase a rango de normalidade o luxurioso e outorgase patente de honradez ao degradante.
E figuremos para maior atrocidade que a perversa interpretación fose un acto depresivo disfrazado sibilinamente de exercicio democrático coa malsán intención de satisfacer intereses impúdicos dos protagonistas.
Entón nun só acto, os presentes seriamos testemuñas dunha representación dual na que se mesturaría, a crueza dramática coa comedia burlesca, onde, o candidato insensato lograría a presidencia , o asesor xurídico mantería prórroga de servizos, os membros da xunta electoral satisfarían as aspiracións ocultas, a responsable política do órgano tutelante reforzaría a súa xerarquía, mentres o resto da repartición de acólitos non repararía en prestar colaboración interesada en correspondencia ao outorgamento de contrapartidas que satisfixesen a súa enfermiza petulancia.

E para colmar o inaudito deste ilusorio espectáculo, incorporemos ao episodio a cara oculta da escenografía, é dicir, a dos actores que quedaron fóra de repartición tras do pano, os que non puideron representar a súa obra por impedimento da cúpula directora conformada polo asesor, os xunteiros e a tutelante, aludindo que o guión a representar contiña altas doses de realismo e excesos reflexivos e por tanto víanse forzados a establecer censura vía inhibición, e impedir que a verdade se impuxese á tremoia.

Neste teatro ficticio, a hixiene democrática quedaríase tras bambolinas, o resto sería un ambiente absolutista e irrespirable, desde o noxento escenario da conspiración pasando polo inmundo patio de butacas onde aplaudirían a rabiar os gregarios da insolencia, até a nauseabunda platea desde cuxa localización os directos responsables presenciarían satisfeitos a súa trasnada

Nesta suposta peza teatral contrariando o imperio da racionalidade imponse o perverso sobre a indulxente, outorgándolle forza de virtude á irreverente manipulación conspiradora, e relegando a moralidade á condición de indecencia, pero esta excepcionalidade non sendo afortunadamente un todo usual entra no aleatorio, pois como avala a cantiga, -viñeron os sarracenos e moéronnos a paus, que Deus axuda aos malos cando son máis que os bos -.

Menos mal que todo o exposto é tan só unha xenialidade da fantasía, un contraste sen referente nin semellanza con feitos verídicos, por tanto calquera parecido coa realidade é pura casualidade e se alguén puidese sentirse aludido ou representado polo seu contido debese facer exame de conciencia ou se cadra falar en cameral.

No hay comentarios:

Publicar un comentario