19 jul 2010

O SUFRAXIO INFIEL


Galicia, que de por sempre caracterizouse por ser a última comunidade en acadar as metas que outras xa atoparan con antelación, agora, por non romper o ritmo do infortunio correspóndelle afrontar unhas eleccións en plena situación de recesión económica e isto se que é espiñoso, máxime, se os participantes na disputa polo voto non tomaron cumprida nota que na tendencia dos electores prima a lóxica prevalencia da súa economía sobre o paradigma das quebrantadas ideoloxías.

As organizacións políticas competidores, con prematura antelación esfórzanse en poñer a punto o engrenaxe da súa maquinaria electoral, pero no seu empeño esquécense instalar o detector da acentuada abstención que se percibe, pois na gran maioría dos cidadáns á marxe da súa corrente de pensamento, esténdese o desencanto ao ver como a situación socio económica agrávase mentres que os actores políticos no canto de pousarse na realidade, participan en promover cerimonias de confusión e predicar a teoría do desatino.

Á vista do panorama, antes de acometer o desafío electoral do 1-M, a clase política galega débese apear da súa distintiva preeminencia e realizar un exercicio de humildade, recoñecendo o seu deixamento e irrelevante capacidade no control e remedio das causas que provocaron o actual cataclismo económico, e a vez revelar o contido verosímil das solucións alternativas das que teñen previsto valerse para saír da estacada, pois caso de renunciar a este necesario proceder, estarían transmitindo unha manifesta insolvencia e o que é mais grave asumirían ser superados polos acontecementos, circunstancia que provocaría unha reafirmación de inseguridade, unha falla de certidume e por conseguinte un maior alento á abstención.

Cando a cidadanía rexeita exercer o seu dereito de participación, cuxo expoñente máis relevante é a facultade de voto, e se a declinación a intervir no proceso vén auspiciada por unha xustificada apatía e incredulidade nas estruturas políticas, é evidente que o cidadán, sen concorrer ás urnas está emitindo un voto correctivo, que paradoxalmente ten os seus artífices en quen incitaron a súa frustración a través da manifesta insolvencia, demostrada pola nula achega de solucións aos grandes problemas que padece a nosa comunidade.

En tempo de eleccións a fluidez comunicativa do político co titular do voto é desbordante e ata empalagosa, pero mesmamente é un expoñente de chalaneo; a conquista do sufraxio acentúa na temporalidade dos comicios a relevancia do seu depositario, pero na práctica real a intervención do cidadán na cousa pública limítase a esa eventualidade, pois hai un evidente interese en manter o déficit democrático e non tolerar inxerencias mais alá da participación electoral.

Agora ben cando os comicios xa están ás portas, a alcurnia política parece acordarse de Santa Bárbara cando trona, e logo de cuberta a lexislatura en tácita complicidade, mostran a estas alturas a súa inquietude pola abstención e anuncian a intención de mobilizar ao electorado e así acadar altos índices de participación; tal intención aparte dunha impertinencia é unha desfachatez, pois a abstención en se mesmo é unha actitude de réplica, de disconformidade, unha expresión de insatisfacción polo deficiente funcionamento político.

Soldos desaforados, reformas palaciegas en despachos e residencias, alardes de grandeza, coches oficiais de luxo, nepotismo ilustrado, disfuncionalidad operativa, desigualdade de trato, deficiente administración, incapacidade manifesta, incremento do paro, etc.,etc., son os factores causantes do malestar que ele mesmos xeraron coas súas nefastas practicas.

Xa que logo, compre non esquecer que un bo político debe ser un excelente coñecedor das dinámicas sociais, a prepotencia non é unha boa aliada, o mellor remedio para erradicar de orixe a abstención é que sexan eles mesmos, e dicir, os protagonistas interesados, quen den conta debida dos seus excesos e os seus defectos, e promovan acto de correción e namentras que iso non aconteza seguira a circular o sufraxio infiel

No hay comentarios:

Publicar un comentario