PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario; Globedia
O procesamento xudicial do PP pecha definitivamente o acceso de Rajoy á investidura, e se tal impedimento non é remediado en emerxencia polas forzas políticas situadas na súa contra concertando un goberno de progreso, farase improbable impedir por terceira vez consecutiva o encontro coas urnas
Cando a continencia verbal debese acompañar o proceder dos membros do PP ante o auto no que se procesa ao seu partido pola destrución dos discos duros dos computadores usados polo seu ex tesoureiro, a reacción lonxe de cinguirse a recorrer a súa desconformidade por conduto regrado, foi saír en tromba para insinuar a existencia de graves infraccións no auto do proceso penal.
Sendo así como mentres a ex presidenta do Parlamento Celia Villalobos nun exceso oral non reparaba o mais mínimo en sementar dúbidas sobre a imparcialidade da xuíz do caso, o propio ministro de Xustiza en funcións, Rafael Catalá, poñéndose estupendo e esquecéndose do cargo que ocupa, arremetía contra a maxistrada cuestionando a súa decisión ao manifestar publicamente que os feitos de borrado de probas incriminatorias non revisten transcendencia penal.
Esta actitude de "desenfreo explícito" contra a acción da xustiza pon de manifesto as dúas sensibilidades dispares sustentadas polo PP en función a ser suxeito ou non de encausamento, un dobre formato de comportamento ante as decisións da xudicatura, cuxa posición, transita do ataque á esixencia de cumprimento, dependendo, se os efectos da súa repercusión menoscaban a súa propia esfera de intereses ou só causan prexuízo en terceiros.
Inadmisíbel comportamento da formación azul, quen postulándose para Gobernar España, con esta nova causa é procesada por segunda vez pasando a converterse no primeiro partido político imputado da historia da democracia, co paradoxo engadido de verse obrigado a probar o seu propio medicamento ao estrear o novo Código Penal que aprobara no seu día o Executivo de Rajoy introducindo referencia expresa de responsabilidades penais dos partidos políticos por presuntos actos delituosos perpetrado no seu seo, como agora resulta ser o presente caso
Aínda cando o auto pode ser recorrido, a inmediata comparecencia en sede parlamentaria do Presidente en funcións e máximo mandatario do PP, é un requisito de esixencia democrática cuxo cumprimento toma maior forza se cabe despois de ter aceptado do Rey o encargo de formar goberno.
Pois resulta obvio que antes da hipotética celebración do debate de investidura, nesta arrevesada situación, o nominado, deba dar conta ao Parlamento das responsabilidades políticas que vai asumir en relación á causa aberta ao partido da súa presidencia por causa do auto ditado pola titular do xulgado de instrución número 32 de Madrid, e en motivo á negativa influencia de tal eventualidade na conformación dun novo Executivo; sendo que por iso non caiba a efecto algún manobras de subterfuxio institucional como as empregadas de forma reiterada na pasada lexislatura.
Se a complexidade da situación xa estaba servida, o novo escándalo xerado polo procesamento do PP exerce como factor discordante que vén sumar maior escuridade á investidura de Rajoy, ata o extremo que si para esquivar a celebración de novos comicios barallábase como saída á encrucillada o mal menor dun goberno en minoría da formación conservadora, como consecuencia da expresada continxencia tal formulación perdeu toda base argumental, tendo en conta que o cuantitativo dos apoios ou abstencións necesarias para a súa consumación, polo acaecido, viuse alterado no substancial perdendo politicamente toda probabilidade de culminación, acentuándose deste xeito a situación de barullo e ingobernabilidade.
Por iso é polo que o auto coñecido o pasado martes, ao detonar en pleno proceso de formación de Goberno, non só obstaculiza a súa configuración, senón que descapitaliza ao Partido Popular de toda solvencia para conducir o futuro do país, ademais de cuestionar a lexitimidade dos resultados acadados por esta formación nos últimos comicios ao devaluarse desde entón pola devandita causa, as características do perfil electoral que facilitaron a súa consecución.
Aspectos todos eles que no seu conxunto sitúannos nun delicado escenario, que lonxe de favorecer a articulación de solucións de futuro condúcennos á paralización e ao estancamento; impedimento que ten por única solución o borrón e conta nova mediante a recondución e axuste da situación ao novo contexto, por non ser nin serio nin recomendable depositar a confianza de gobernabilidade do país, a quen na súa deriva non dubidou en converter ao seu propio partido no peor referente do facer político e da degradación institucional.
Por iso, á vista do novo escándalo xudicial e ao rexeitamento da gran maioría do resto do Parlamento, o hipotético goberno en minoría do PP mais que ser o mal menor, toma corpo de quimera, xerando con iso unha situación extrema que se as forzas políticas situadas na súa contra non o remedian articulando en emerxencia unha alternativa de goberno, contrariamente ao recomendable, repetir as eleccións por terceira vez será totalmente irremediable.
No hay comentarios:
Publicar un comentario