Mal pode falar da unidade de España, quen facendo abandono da súa soberanía admite imposicións alleas no seu marco constitucional.
Un dos maiores desafíos deste país, é sen dúbida o recoñecemento da súa realidade plurinacional, e en consecuencia, saber compatibilizar tal circunstancia coa singularidade política das distintas nacións que conforman o seu ámbito territorial; posibilidade que dubidosamente pódese levar a termo en tanto a vía de diálogo sexa substituída por panexíricos sobre o artificialismo da unidade de España. Preocupante situación ocasionada pola ofuscada actitude política de quen dando por superado o proceso de descentralización territorial pecha toda posibilidade a facilitar a articulación dun proxecto de integración axustado á súa verdadeira diversidade, optando así por aferrarse ao trasnoitado concepto da Estado - Nación que por irreal ademais de só existir na súa imaxinación conduce á arriscada vía da secesión.
Comportamento que en absoluto debese resultar inesperado tratándose do PP, pois ademais da súa deficiente cultura democrática, a formación conservadora foi a artífice de forzar que durante a transición a uniformidade territorial tomase corpo de norma, para así, ter controlado o modelo de Estado e impedir toda redefinición da situación en adecuación á singularidade plurinacional do país.
Sendo menos descifrábel a reafirmación do PSOE en idénticas coordenadas, máxime, cando historicamente os socialistas defenderon xusto todo o contrario como pon de manifesto o seu histórico congresual, cando sen ambaxes, esixían o dereito para decidir, non tan só para Catalunya, senón tamén para o conxunto do ámbito plurinacional, se certo é que durante a Transición a cúpula do partido con Felipe González á fronte, en liña ao seu proceder característico desertou da política mantida polos seus predecesores para asumir como propios os postulados da dereita.
Pero tras a obstinación de prodigar ata a saciedade a atípica unidade de España, os membros do oficialismo patrio no seu empeño de obviar a pluralidade nos seus xustos termos seguen incorrendo na negación do evidente, alimentando deste xeito unha fobia centrífuga que fará crecer o descontento opositor ata o extremo de converter o independentismo nun conflito imparable que non poderán impedir de ningún xeito por mais que a golpes en peito pretendan erixirse nos seus redentores cando en realidade son os seus verdadeiros culpables.
E iso é así, aínda que tenten envolver o seu tendencioso proceder con bandeiras de oficialidade sen caer na conta que vivimos nunha sociedade, onde as persoas mais que tragar o que lle boten expresan os seus sentimentos de pertenza e de adscrición identitaria.
É por iso que utilizar desde a uniformidade do oficialismo español, a unidade como arma arreboladiza obviando toda referencia á diversidade, nunca como ata agora cultivara tanto rexeitamento e provocado en amplos sectores da poboación tan pronunciada réplica e contestación ante as manobras dun nacionalismo banal e cotián disposto sen excepción facer táboa rasa na conformación do modelo territorial do Estado, cando a actitude razoable debese encamiñarse á mellora de activos como comunidade política plurinacional na dirección adecuada: para así, facilitar a instauración do federalismo como patrón de referencia que ademais de achegar maior sensatez á organización territorial do país, induciría avances substantivos nas cotas de autogoberno ao tempo de garantir o dereito para decidir.
.
Non é coincidencia por tanto que a versión desta campaña de axitación patriótica, repunte curiosamente, o día despois dos comicios do 20-D, e xustamente cando o seu desenlace vén indicar a desfeita bipartidista, resultando paradoxal o protagonismo concorrente de ambos os feitos, e deducible por tanto, que a proclamada a unidade de España é en se mesma unha defensa á desesperada do bipartidismo e un ataque en desbandada contra os autores da súa derrota, que ademais de manter o seu compromiso na defensa da esfera social asumen como propia a plurinacional do Estado; cuxa identidade se corresponde coa auténtica esquerda transformadora que recentemente desembarcada no escenario político pide paso para o cambio político e a profundización na defensa de revolución social e democrática
É por iso polo que toda referencia dos membros do PP e PSOE á defensa da unidade da patria, de ningún xeito deba ser interpretada de forma distinta á súa verdadeira intencionalidade, que mais alá que a aducida ameaza á unidade de España tenta encubrir tras a falacia a súa alianza de conveniencia para xustificar a mais que presumible gobernanza conxunta do bipartidismo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario