29 may 2015

EN FENE, O VOTO NON FOI SECRETO

PUBLICADO EN : Diario de Ferrol; Galicia Confidencial; La Opinión; La Región; Faro de Vigo; Atlántico Diario;  Globedia

Por unha imprevisión xurídica, nesta eleccións municipais ao electorado de Fene conculcóuselle o segredo de voto en razón á repartición excluínte de material electoral a domicilio.

A nosa Constitución establece que o voto ten de ser libre, directo e secreto, pero o certo é que se cotexamos este dereito coa realidade e poñemos en contraste esta hipotética garantía constitucional co desenvolvemento efectivo dos comicios municipais celebrados no Concello de Fene, o lexislado convértese en papel mollado, pois nesta localidade no 80% dos casos a condición secreta do sufraxio resultou ser unha entelequia por conculcación de tal garantía, anomalía que foi posta en coñecemento da Xunta Electoral en demanda de corrección, ao só obxecto, de instar o cumprimento do dereito inalienable que ten conferido todo elector e evitar con iso que quen non teña vontade de facelo, sen tan sequera sabelo, estea a ser obrigado a votar a peito descuberto.

E iso ten de ser así  para quen asuma como demócrata que as votacións son unha expresión formal de preferencia, o único modelo que as persoas individuais teñen para influír na conformación dos gobernos, e que por iso, debe defenderse radicalmente o voto secreto como libre expresión da vontade dos electores; toda vez que ademais de ser un dereito que lles asiste como cidadáns, da limpeza do resultado das urnas depende en boa medida o benestar colectivo, e porque ademais, vulnerar o segredo do voto é quebrar a vontade do elector e transgredir polo tanto unha norma xurídica que é inherente ao concepto estrito do dereito electoral ao ser o carácter secreto do voto a máis relevante garantía do sufraxio democrático, e polo tanto, a vulneración do mesmo, consecuentemente, debe, ser sancionada administrativa ou penalmente, pola propia lexislación electoral ou, de modo alternativo, polo Código Penal.

Todo xorde como consecuencia dunha imprevisión xurídica, cando unha das candidaturas das seis concorrentes no municipio de Fene, ao ser a única que non repartiu domiciliariamente papeletas de votación, puido saber de antemán que todo elector que acudise ao colexio electoral traendo o sobre pechado dende a casa, votaba por opción distinta á súa propia, e esa circunstancia, representou unha grave anomalía electoral, e dende o punto e hora que o voto secreto é a garantía da libre decisión dos electores, ao poñer límite a esta como é o caso, ademais de estar a conculcar un dereito constitucional expúxose aos votantes do municipio a que a súa decisión non contase coa protección debida e puidese ser coñecida e involuntariamente fiscalizada por terceiros.

Este que non outro, foi o motivo de realizar denuncia pública desta anormalidade, pois resultaría unha indecencia política ocultar aos propios afectados a situación dos feitos e non lles advertir a existencia dun clandestino electoral; sendo esa a razón que induciu proceder en consecuencia e o motivo de poñer en coñecemento da Xunta Electoral tal eventualidade, para que o devandito organismo en exercicio das súas funcións procedese vía emenda en evitación de reprodución futura desta incidencia, pois un demócrata debe velar pola limpeza e transparencia do proceso electoral que pasa obrigatoriamente pola protección do libre exercicio do sufraxio e a esixencia do cumprimento estrito do segredo de voto.

Para maior abundancia, é de precisar que a calidade do sufraxio é factor determinante da esencia do sistema político, sendo por iso que para que o sistema sexa recoñecido como democrático é ineludible que o sufraxio ademais de universal, igual e directo teña de ser secreto. pois suposto contrario a deficiencia dos procesos electorais e a influencia ilegal sobre os electores, diminúe o contido democrático do voto, e por conseguinte acentúa a deslexitimación dos resultados electorais.

Polo tanto o aseguramento do segredo na emisión do voto debe ser un requisito de obrigado cumprimento, e como queda dito a súa inobservancia, sancionada administrativa ou penalmente a través da lexislación electoral, tendo de engadir a iso que a liberdade de elección debe ser preservada non só a través do segredo do voto, senón tamén regulando aquelas prácticas electorais que inflúan negativamente no corpo electoral. Antollándose especialmente relevante neste caso, o factor de risco que representou para os votantes de Fene  a repartición excluínte de material electoral por delatar publicamente a súa tendencia nas urnas.

En razón a iso, resulta canto menos anacrónico que durante a xornada electoral algún dos candidatos concorrente aos comicios, negándose entender os xustos termos do exposto, nun estalido de irracionalidade, orquestrase unha campaña de axitación que por excedida e impropia houbo de tomar corpo de denuncia ante a Xunta Electoral, instando deste organismo a apertura do procedemento legal pertinente para o esclarecemento dos feitos e sanción dos mesmos por entender que acorde a disciplína legal os excesos de palabra e obras en materia electoral deben ter cumprida resposta.

En todo caso non eran esas as papeletas que debesen enviar á veciñanza do municipio, senón as que en boa lóxica debesen poñer transparencia á corrupción que conxuntamente ocultan baixo a alfombra da institución municipal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario