5 jun 2015

AS URNAS TRAGAN CO QUE LLE BOTEN

Cando as urnas aliméntanse do ilícito, da mentira e o ocultismo, non é a lexitimidade democrática a que fala senón a fraude electoral.


Por non variar, durante os últimos comicios puidemos escoitar a eterna ladaíña de toda época electoral, esa expresión reiterada que adoitan utilizar os candidatos manifestando que a democracia debe ser algo mais que votar cada catro anos. Sen dúbida unha frase suxestiva manexada expresamente para cativar o electorado, que resulta tan doado de pronunciar durante as eleccións como difícil de aplicar na ulterior realidade onde a transparencia  convértese en opacidade, tal é así, que aínda cando un dos principios básicos do dereito de acceso á información é que as denegacións deben ser motivadas, a práctica vén a evidenciar que no ámbito xeral mais do 50% das solicitudes de información remata en silencio administrativo.

É por iso que deixando á marxe os pronunciamentos subliminais de toda campaña electoral, o certo é que as administracións municipais sen distingo de siglas políticas, son a antítese da transparencia, ao non asumir en ningún caso o acceso á información como un dereito fundamental, e iso, porque formamos parte dun país sen arraigamento democrático, onde dende o poder os cidadáns son considerados como inimigos e o concepto de goberno mais que ser asumido como un servizo público, é entendido en clave patrimonial, coma se fose titularidade expresa das organizacións políticas, sendo esa condición conceptual quen motiva que se impoña o secretismo á transparencia e que polo tanto fágase extensivo o abuso e a corrupción.

A democracia con maiúsculas é unha democracia sen segredos, que obviamente ten de estar fundamentada na transparencia, sendo o seu principal obxectivo garantir que a totalidade dos cidadáns sexan os auténticos propietarios da información publica, se ben para acadar esta finalidade o labor executivo debe estar sustentado por persoas de probada convicción democrática, que sendo defensoras resoltamente da liberdade de información teñan asumido como paso fundamental erradicar dunha vez por sempre o mal institucional do silencio administrativo como norma de conduta, de modo que os cidadáns síntanse representados e poidan confiar sen receo nas institucións ás que eles mesmos  coa súa soberanía outorgáronlle o poder.

Pero a realidade pon de manifesto que queda moito por andar, pois cando son os propios partidos os que negan someterse a transparencia, dificilmente os políticos adscritos ás súas filas poderán asumir que o seu debe ser un compromiso ineludible coa democracia e a cidadanía, mostra desa deficiencia temos por expresivo referente a administración local, que a pesar da súa teórica proximidade ao cidadán bate o record do silencio administrativo en todo o ámbito institucional, ata o punto que un 83% de solicitudes de información cursadas a entidades locais non recibiron resposta ningunha no transcurso do ano 2014

Un problema que en boa lóxica esixiría un acordo de avinza de todas as forzas políticas para crear instrumentos de escrutinio público cos que poñer remedio á situación, pero que paradoxalmente ten por toda resposta o escurantismo  burocrático, xa sexa dando continuidade ao silencio ou utilizando a evasión.

O silencio administrativo seguirá a ser polo tanto a "benquerida" das administracións municipais, ao posibilitarlles resolver calquera expediente molesto dando a calada por resposta, unha práctica que aínda sendo reflexo de opacidade, contra toda lóxica, mantívose vixente na mal chamada Lei de Transparencia; por iso, que a pesar da recente renovación electoral dos concellos, as novas corporacións resultantes poderán manter invariable o silencio administrativo e o secretismo, e así seguir ocultando información á cidadanía, aínda cando en boa praxe democrática a denegación de información e o ocultismo debesen ser a excepción, pero nunca a regra.

Tendo de  de engadir que tal situación anula ademais os requisitos necesarios para combater os excesos políticos e a corrupción, sendo por iso que a impunidade política debe entenderse como a consecuencia directa do silencio administrativo e a causa promotora da inestabilidade democrática, pois ao silenciar a comisión dos delitos estase a  amparar a concorrencia aos comicios de candidatos non desexable, e tal circunstancia, presupón a culminación sen paliativos dun proceso de involución.

De aí que naqueles concellos que confluíran este conxunto de anomalías e onde fose ostensible a participación electoral de candidatos connotados con intervencións ilícitas, a expresión das urnas como consecuencia do engano e a maquinación, non debe ser interpretada en modo ningún como reflexo real da vontade popular, senón como a obscena consumación dunha fraude electoral.

No hay comentarios:

Publicar un comentario